Ría de Ribadeo, 2 de outubro de 2016 |
Aínda que o sol segue sacándolle brillos imposibles á ría e
tingue de azul o mar que vexo ó norte, hoxe decidín a morte do verao e recollín
as tumbonas e todo o mobiliario da terraza. O sol segue aí pero sei que axiña virán as chuvias e non
quero que me pillen coa herba seca no eido, non quero que me enchoupen os mobles
de madeira que han de durar aínda máis veráns.
A morte do verao. A expresión arréndolla a Xavier Rodríguez Baixeras, que a usou no remate dun poema que me ocupou noutras horas. Titúlase “As
pozas demoradas”, outra metáfora. As pozas demoradas son a infancia do poeta,
cando se bañaba ou chapuzaba nas pucharcas que ían quedando no areal dos Castros ó baixar a marea.
Contei a historia aquí, por boca do meu alumnado, e non me vou repetir. O texto
editouse en 1997 e sei que hoxe o autor revisaría de boa gana a última palabra, esa que moitas veces é esencial nun poema. O texto orixinal di:
Que ían construírnos
a morte do verao
sobre as inmensas árbores taladas.
Pero a primeira vez que llo oín recitar, o autor dixo “tronzadas”
en vez de "taladas" e explicou que debería cambiar esa palabra porque os grupos
consonánticos de tronzadas (-tr-, -nz-) danlle unha forza que non hai en taladas.
Co gallo da lección inaugural do curso 2016-17, que
Rodríguez R.Baixeras pronunciou no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o autor
rematou a intervención lendo o poema (min. 31:38) e de novo modificou o orixinal e dixo “tronzadas”. A reiteración podería servir como fe de erratas, creo eu.
Enrédome con esta observación ecdótica só uns días despois
de acompañar a Xavier nunha cea agarimosa, non quero chamarlle “de despedida”,
porque deixa a súa beira norte para regresar ó sur, nun camiño agora real que
xa recreou literariamente con anterioridade; un camiño que parece un debate
permanente entre o norte da súa infancia, do pasado, e o sur da madurez, do
presente.
Cea con Xavier R. Baixeras, 30/09/16 (FOTO: Farruco Graña) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario