Eu quérolle ben ó alumnado. Van alá moitos anos e son moitos os que me teñen aturado. Algúns fanme doer a cabeza –e supoño que eu a eles- pero pasan os
anos, miro atrás e manda máis o afecto có desasosego.
Son xa tantos e tantas que un perde de vista os camiños que
seguiron, pero de vez en cando dá con eles, con elas, no mundo real ou virtual e alégrase
dos seus éxitos, aínda que sexa caladiñamente, desde a última fila da sala. Ultimamente as novidades chegáronme en lote:
Empezamos polo máis cercano. Sara, María, Elena, Cristina e
Jaime, que teñen agora a quenda de aguantarme tres horas por semana, puxeron cara, voz e sentimento no Eu digo... que
arrasou en youtube, e recentemente foron finalistas no OUFF Escola 2015, convocado polo Concello de
Ourense.
Non houbo premio, pero xa non é pouco premio estar entre vinte escollidos nun certame ó que concorreron cento e moitos traballos.
Non houbo premio, pero xa non é pouco premio estar entre vinte escollidos nun certame ó que concorreron cento e moitos traballos.
II
Portada de "No me pegues que llevo gafas". |
"Na escola comeza debuxar batallas con miles de mortos que despertan un sorriso aprobatorio nos seus mestres. Mais un día decide mudar de estilo e pinta unha escena de amor entre un home e unha muller [...] Os mestres péganlle dúas bofetadas e esnaquízanlle o debuxo"
Seica lle pasou a Anxo L Baranga, segundo lemos nunha
breve reseña biográfica na lapela dun libro. Non sei se este sería tamén o caso
de Jorge Monlongo, que hai anos pintaba de todo nos libros de texto, nas libretas e tamén nos pupitres das aulas, para
desespero das limpadoras. Non creo que lle garden rancor, que son xente
de ben e perdoan todas as tintas que levan borrado.
Tamén debuxou para Km 0, a
revista escolar que daquela sacabamos adiante no instituto. Despois souben da
súa arte nas páxinas de El Pequeño País, do seu traballo como ilustrador para os
textos dunha editorial e pouco máis.
Agora sorpréndenos desde Madrid con No me pegues que llevo gafas, unha historia moderna con debuxos ben atractivos. Está no mercado. Un bo
agasallo de Nadal. Facédeme caso.
III
Portada de "Music and Exile in Francoist Spain" |
Eva Moreda, que escribiu boas páxinas para a nosa literatura, anda agora un pouco abaixo dos highlands
escoceses facendo cousas novas en idioma de por alá que un pouco domina. Pero, sabendo da súa sagacidade, seguro que o seu Music and exile in Francoist Spain, que coñecemos
polas redes sociais, é de lectura ben interesante para quen teña interese en
saber máis de quen tivo que facer as maletas á forza durante aqueles corenta anos de desgraza que nos caeron encima despois de
xullo do 36.
Tres noticias de xente que teño ou tiven nas aulas e que alegran estes tempos de outono, cando o
inverno ameaza xa con vir para quedarse, segundo contan os que entenden de mapas e
xeografías das borrascas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario