Portada de "Seis canciones..." |
Deixando a un lado as polémicas sobre o acerto ou desacerto
da RAG ó designar a Filgueira Valverde como autor homenaxeado no Día das Letras
Galegas 2015, tiña pensado non deixar anoitecer maio sen dar conta da presenza
deste autor no arquivo de Dionisio Gamallo. Pero o tempo corre máis ca min e entrou o mes de San Xoán sen que fixese os deberes. Toca hoxe.
Unha vez máis, debo manifestar o meu agradecemento á familia
Gamallo Fierros, e en especial a Toni Deaño, por facilitarme o acceso a este
material coa finalidade de organizar unha exposición no instituto de RibadeoDionisio Gamallo, onde boto algunhas horas moitos días do ano desde hai
décadas.
A presenza de Filgueira Valverde no arquivo de Gamallo
consta de:
Unha separata de Seis canciones de mar “in modo antico”,
publicado en Albor (Cuaderno de poesía) baixo edición de José Díaz Jácome. Está
datada en Pamplona, en marzo de 1941. Todos sabemos que non era moi frecuente
daquela publicar en galego, por moi inofensivo que fose o contido e por moi
adepto que fose o autor.
Programa dun curso de literatura |
Artigos de prensa:
“Na morte de Sáurez Couto”, publicado no suplemento
dominical do Faro de Vigo, o 25 de outubro de 1981. O artigo, que ocupa unha
páxina enteira, inclúe fotos e varios debuxos do pintor ribadense.
“Vigo, 1853. Ambiente de la ciudad cuando apareció Faro de
Vigo”, publicado no Faro de Vigo o 31 de outubro de 1952. Canto ó contido, non
podemos deixar de mencionar as reminiscencias de Curros cando Filgueira
escribe:
1853. Galicia pide la construción de un camino de hierro. Es un aliento unánime. [...] Hasta la propia poesía abandona las noches para cantar enfebrecida al vapor y al progreso.
“Pasado y presente de la pintura gallega”, publicado o 21 de
xaneiro de 1979 en El Progreso. Resúltanos interesante o paralelismo que Filgueira
establece entre algúns pintores galegos e algúns autores literarios: Rosalía
con Fierros, Avendaño e Alfredo Souto; Lamas con Carlos Sabrino, Pardo Bazán e
Sotomayor, Pondal e Camilo Díaz, Valle-Inclán con Corredoira, Laxeiro e Jorge
Castillo; Noriega Varela con Xulia Minguillón, Amado Carballo con Colmeiro,
Otero Pedrayo con Julio Prieto e Prego, Pimentel con Frau, Blanco Amor con
Souto, Neira Vilas e Casares con Seoane, Cunqueiro e Bouza Brey con Úbeda, e
para rematar, o pintor Castelao co escritor Castelao e tamén con Cabanillas.
Tarxeta de Filgueira dirixida a Dionisio Gamallo |
Unha tarxeta na que Filgueira saúda a Dionisio Gamallo e
comunícalle que estivo “a la muerte pero voy reponiéndome” e dúas tarxetas de
nadal, correspondentes a 1945 e 1946.
Cartas:
No arquivo de Gamallo consérvanse doce cartas. A
máis antiga é do dez de decembro de
Comezo dunha carta de Filgueira a Gamallo |
1937 e a máis recente do vinte e cinco de
marzo de 1989. Esta última é a única manuscrita e redactada en galego; as
outras están mecanografadas en castelán.
Canto ó contido, as máis antigas, ademais dunha serie de
cumpridos de carácter persoal, tratan principalmente de cadros do Pintor
Fierros, avó de Dionisio, polos cales Filgueira amosa interese, para expoñelos
no museo de Pontevedra e, nun caso, tamén se refiren a un de Sánchez Coello que
Filgueira require para unha exposición en Lisboa. Nas cartas hai valoracións
pictóricas moi precisas por parte de Filgueira, que chega a concretar a
cantidade e o tipo de cadros que lle gustaría ter de Fierros no museo. Tamén se
ofrece para desprazarse a Ribadeo el ou o restaurador do museo para recoller e
acondicionar os cadros.
Pero, aínda que o contido das cartas se centra sobre todo na
pintura, tamén hai alusións literarias, tanto referidas a textos de Gamallo
como a traballos de Filgueira.
A máis literaria é unha carta do vinte e dous de xuño de
1959, na que Filgueira dá conta detallada dos traballos de investigación nos
que daquela andaba metido, tanto para editar en Galicia como en América. Tamén
se refire a un ciclo de conferencias que vai pronunciar en Coímbra e en Lisboa,
e envíalle o esquema das mesmas, que levan por título: Compostela, ciudad barroca; Los
influjos litúrgicos e La
sobrevivencia del “Cossante”.
Do comezo da carta dedúcese que Gamallo lle pediu esa
información a través de Aquilino Iglesia Alvariño.
Postdata dunha carta na que Filgueira lle pide autorización a Gamallo para propoñelo como Correspondente da RAG. |
Ademais do contido mecanografado, unha carta do sete de
xaneiro de 1943 contén unha postdata manuscrita na cal Filgueira lle pide
permiso a Dionisio Gamallo para propoñelo como correspondente da Real Academia
Galega. É de supoñer que o ribadense aceptou, pois efectivamente acabou sendo
correspondente da RAG, igual que o foi da RAE e do RIDEA.
Comezo da última carta de Filgueira a Gamallo |
Acompañando a última carta, Filgueira gaba o galego de
Gamallo e di que lle envía un poema que o ribadense lle dedicou en febreiro do
38.
Efectivamente, a carón da carta consérvase un poema titulado “Eucaristía
del amanecer”, dedicado “Al Sr. Don José Filgueira Valverde. Catedrático de
Literatura y amigo, la más sentida de mis composiciones”. O poema consta de
dúas páxinas mecanografadas, inclúe unha variente manuscrita para un dos
versos, e está asinado por Dionisio Gamallo.
Comezo do poema que Gamallo lle dedicou a Filgueira en 1938 |
E iso é todo amigos, como dicía o bicho aquel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario