Este artigo publicouse inicialmente na sección "
Voces" da web de
ProLingua.
Pasado o índice, no terceiro parágrafo xa nos
arrebolan un “pronomicidio” (A Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, lle deu unha nova redacción ao artigo 6
da Lei ...), que non ha ser o
único, para mancarnos os ollos e o oído como anticipo doutros estacazos ós que
o Decreto pode abrirlles a porta.
Para deixarnos co sabor acedo do comezo, as
913 páxinas do documento péchanse co cadro das materias específicas de opción
de 2º de bacharelato, onde non figura a
Literatura galega do século XX e da actualidade, ata o de agora optativa neste
curso. A súa supresión non nos parece asunto menor. Dirase, seguramente,
que se pode ofertar como materia de libre configuración de centro, pero non vemos
motivo para non mantela xa no listado ofrecido pola Consellería, a carón das
outras quince, evitando así trámites e condicións que terán que cumprirse para
poder impartila.
A publicación deste borrador coincidiu con novas
manifestacións das Autoridades nas que se alude unha e outra vez a que o
equilibrio lingüístico no ensino está garantido, algo que xa se vén repetindo
desde que se coñeceron os preocupantes datos do Informe IGE 2013.
Nós consideramos que non é así e que ó
incuestionable desequilibrio social a favor do castelán hai que engadir tamén
desequilibrios no ensino, por moito que se insista no contrario:
1- Desequilibrio nas
materias.
No novo currículo da ESO aumenta o número
de horas de docencia das matemáticas. Se temos en conta que se trata dunha
materia que se debe impartir en castelán, é evidente que está aumentando tamén
o número de horas de docencia neste idioma.
2- Desequilibrio nos
materiais.
O Decreto 79/2010 establece que “Os
materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán
estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”.
No caso do galego, isto parécenos factible
para recursos clásicos como os apuntamentos; algo máis difícil de cumprir para
os libros de texto e moi complicado para outros recursos que cada vez teñen
máis relevancia nas aulas.
En relación cos libros de texto, o mercado
editorial ten as súas propias normas, movidas principalmente pola rendibilidade
económica, e a oferta en galego é escasa ou nula para algunhas materias,
especialmente para as que poden impartirse en galego ou castelán segundo a
escolla de cada centro.
Máis preocupante é aínda o que sucede con
outro tipo de recursos pedagóxicos. Por moito que o Decreto 79/2010 estableza
que a Consellería fomentará a elaboración e publicación de materiais
curriculares, o certo é que a rede está
chea de recursos, moitas veces magníficos desde o punto de vista pedagóxico,
pero que case nunca están en galego.
Abonda con mirar o repositorio do espazo
Abalar para comprobar que non é raro atopar recursos en castelán para materias
que deben impartirse en galego. A propia Administración facilita eses materiais
contradicindo a súa norma. Se iso sucede no reducido mundo Abalar, calquera
pode imaxinar o que se pode atopar de xeito xeral no interminable espazo da
rede.
Penso, por exemplo, en documentos
audiovisuais –Youtube é unha fonte inesgotable- e en recursos interactivos,
moitas veces difíciles de elaborar, que podemos atopar en webs institucionais e
en blogs particulares de docentes que os ofrecen a toda a comunidade escolar, creados
con ferramentas que non todos dominamos.
Por moi boa predisposición que haxa para poñérmonos
a elaborar recursos dese tipo en galego, non creo que se poida competir en
calidade con moitos dos dispoñibles nos espazos educativos das webs de diversas
institucións ou Fundacións que contan con financiamento e profesionais cualificados
para crear produtos para o ensino, ou de particulares que os ofrecen desinteresadamente
a toda a comunidade escolar.
Co que custa manter a atención e o interese
en aulas cada vez máis masificadas, non é xusto pedirlle ó profesorado das
materias que deben impartirse en galego que renuncie a eses recursos,
pedagoxicamente bos, polo feito de non estaren en galego.
Antes, podería tratarse de algo
excepcional, pero cada vez teñen máis presenza e é unha sorte que os docentes
poidan acceder a este tipo de recursos, inalcanzables hai só uns anos. Pero ó
usalos, o castelán entra tamén en materias que se imparten en galego e habería
que ir pensando en que ese espazo, eses minutos cada vez máis abundantes que
perde o galego deberían ser compensados cun aumento de materias asignadas ó noso
idioma. Se non se fai, tamén aquí aumenta o desequilibrio entre as dúas linguas.
3- Desequilibrio
na avaliación final da ESO.
No artigo 22.1 do borrador do anteproxecto
do Decreto que establece os novos currículos regúlase a avaliación final de
etapa da ESO, na que, se non interpreto mal, o alumnado non ten que examinarse obrigatoriamente da materia de Lingua
galega, por non ser troncal senón de libre configuración autonómica:
Artigo 22. Avaliación final da
Educación Secundaria Obrigatoria
1. Ao finalizar o cuarto
curso, os alumnos e alumnas realizarán unha avaliación individualizada pola
opción de ensinanzas académicas ou pola de ensinanzas aplicadas, na que se
comprobará o logro dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias
correspondentes en relación coas seguintes materias:
– a) Todas as materias xerais
cursadas no bloque de materias troncais, salvo Bioloxía e Xeoloxía e Física e
Química, das que o alumno ou alumna será avaliado se as escolle entre as
materias de opción, segundo se indica no parágrafo seguinte.
– b) Dúas das materias de
opción cursadas no bloque de materias troncais, en cuarto curso.
– c) Unha materia do bloque de
materias específicas cursada en calquera dos cursos, que non sexa Educación
Física, Relixión, ou Valores Éticos.
Queremos pensar que se trata
dunha inconcreción na redacción do Decreto ou dun erro de interpretación pola
nosa parte. De ser, efectivamente, opcional a proba de lingua galega na
avaliación final, a norma pareceríanos escandalosa.
4- Desequilibrio
na exención.
Xa postos, cremos que habería que modificar
tamén o artigo 18 do Decreto 79/2010, que regula a exención da cualificación
das probas de lingua galega.
Por unha banda, hai desequilibrio no feito de que se conceda a exención da nota de
lingua galega e non da de castelán ó alumnado que se incorpore ó noso sistema
educativo sen coñecer nin un idioma nin o outro. A mensaxe que se lle está
lanzando, indirectamente, é que un deses idiomas é importante e o outro non.
Por outra banda, vai sendo hora de que se
lle dea un tratamento diferenciado ó
alumnado procedente das zonas de fala galega administrativamente non galegas.
Non é o mesmo chegar de Kiev ou de Shangai ca de Castropol, Santalla de Ozcos,
Lubián ou Corullón.
Como conclusión, cremos que tanto
desequilibrio ben merece modificacións no
Decreto
polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do
bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e a derrogación do mal
chamado
Decreto para o plurilingüismo, independentemente do remate que acabe tendo o proceso xudicial no que aínda
pode estar inmerso, e a elaboración doutro con consenso e con senso, como
oportunamente se suxeriu recentemente desde a Coordinadora Galega de Equipos de
Normalización e Dinamización Lingüística.
ADDENDA
O día 11 de
abril publicouse en La Voz de Galicia
unha noticia relacionada co que expoñemos no punto 3:
Certamente, o Real Decreto 1105/2014, de 26 de decembro, polo que se establece o
currículo básico da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato (BOE, 3
de xaneiro de 2015) establece no punto 1 da disposición adicional 7ª que:
1. La asignatura Lengua
Cooficial y Literatura deberá ser evaluada en las evaluaciones finales
indicadas en los artículos 21 y 31, y se tendrá en cuenta para el cálculo de la
nota obtenida en dichas evaluaciones finales en la misma proporción que la asignatura
Lengua Castellana y Literatura.
No momento de redactarmos o artigo,
descoñeciamos esa disposición e, certamente, alegrámonos de que exista e
garanta a presenza do galego como materia obrigatoria nas avaliacións finais da
ESO e bacharelato.
Con todo, non deixa de ser tamén un xeito
de desequilibrio o feito de que a obrigatoriedade do galego nas probas se
regule nunha disposición adicional doutro decreto. É como se o castelán entrase
pola porta principal e o galego pola porta traseira.
20 de abril de 2015