Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.12.12

Belén Rico: Algunhas maos


Desde A Veiga chéganos Algunhas maos, o primeiro poemario de Belén Rico Prieto. A verdade é que, no meu caso chegoume máis tarde do que desexaba e a culpa é miña e só miña. Vale..., miña e do calendario, que non quixo ser propicio. Belén sabe.

Aínda que tardase eu en telo, o importante é que o libro naceu, e vaia se naceu con ben!

Creo que atinou Belén ó empezar por El Acabo e deixar a Saramago nas portas do seu corazón de cartolina, no inicio desa viaxe de versos que tiña que facerse necesariamente en soidade, porque hai dores e esforzos que un ten que pasar só.

Despedido o de Azinhaga, chegou a mellor Belén, e abriunos o seu arcón de cerna pura. As palabras ripounas da terra, pero pasounas polo filtro da alma e púxonos diante, a corazón aberto, a memoria, a lingua, a reflexión sobre o propio feito de escribir -por veces parécenos ver a Rosalía sobrevoando as páxinas-, os medos e as esperanzas que poucas veces a xente amosa. Porque Algunhas maos non é só un exercicio de revitalización do léxico -que o é-, senón tamén un fermoso acto de transparencia ante o lector.

Quero chorar tanto como teño ganas
hasta romper as fontes,
deixar que tanta neve se derrita
y escorrentar el inverno que levo nel alma.


NOTA: Aproveitamos para deixar constancia da nosa noraboa polo premio Terra Viva 2012 que recentemente recibiron Belén Rico  e Aurora García Rivas.



Ningún comentario: