Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.7.12

Máis lousas


Das lousas paso ás lápidas, con observacións deslabazadas, que para iso estamos no verán e anda o mundo patas arriba:

I
Seica hai quen di que un país se coñece polos seus cemiterios. Pois como sexa certo, imos aviados. De todos é coñecido que se nos dá moi ben ter cemiterios sen xente: Fisterra, Bonaval… Non importa, tal como se van poñendo as cousas, non sobra termos uns camposantos baleiros por se, chegado o momento, temos que usalos como okupas.

Tamén tivemos o detalle de meter os nosos galegos máis sobranceiros nun panteón especial para eles: o Panteón dos Galegos Ilustres. E despois dámoslle as chaves á Igrexa, para que nolos deixen ver só se lles peta, non vaia ser que a alguén lle entren ansias patrióticas despois de visitalos.

En calquera recantiño aparecen detalles que poden dar que pensar. Hai uns días, os sempre tristes asuntos fúnebres leváronme a San Miguel de Tabagón, un lugar do Baixo Miño, case onde o río baleira xa o seu desánimo no Atlántico, canso de ver e regar tanta desfeita, cos habitantes de Santa Trega sempe vixiantes.

Nas lápidas do vello cemiterio que rodea a Igrexa nótase a proximidade de Portugal, xa que case todas teñen foto do defunto, algo pouco frecuente na Galicia profunda pero habitual ó sur do Miño. Polo que respecta á letra, salvo unha lápida en portugués, todo o que se le está escrito en castelán. Debe ser que o noso país non ten idioma ou que non vale para morrer. Ou será que non se sabe que país é este.

Se cadra é por iso polo que non hai bandeira no enorme mastro que teñen á entrada da Igrexa, que pouco ten que envexarlle ó que colocou o minisTrillo na madrileña praza de Colón. Pode ser que despois de mercar tantos metros de estaca, ós veciños de San Miguel de Tabagón non lle quedasen cartos para o trapo, pero eu creo que máis ben é que non sabían cal poñer.

II

Máis sobre lápidas, pero non fúnebres:
Nun periplo enoturístico que me ocupou recentemente tamén vin placas rechamantes en Logroño: placas conmemorativas patrocinadas. A cousa mola. Non me parece mal que a empresa privada se implique en perpetuar feitos destacables e patrocine os rótulos que os conmemoran, pero non deberían suplantalos como fixeron os de Alcampo na placa que reproduzo aquí. Tanto aumentaron o tamaño da súa imaxe corporativa que apenas se ven as datas que a preceden e que son o motivo da homenaxe que xustifica a placa, supoño, que a empresa privada non é tan egoísta como para querer quedar co que non lle corresponde...


III
Non todo vai ser malo: iniciei a colleita do meu aerohorto. Pequeno tamaño, pero sabor exquisito.

5 comentarios:

Melodi dixo...

E xa postos, tampocuo hai epitafios bonitos, porque nos rexe a ley do veciño: fago o que faga el para non ser menos ca el pero para que non digan que quixen ser máis. E por outra banda hai unha idea de cemiterio como xardin de penas e desgracias, máis que lugar da memoria dos seres queridos, asique nada, inzamolos de lápidas negras e frores escuras ( ou polo menos así é na miña casa, que por desgracia temos o temo moito de moda). Hay uns trinta anos tamén era asi en Alemaña ata que se creou a ADF ( asociacion de cemiterios alemáns) que chegraron á creación do museo de cultura sepulcral de Kassel ( traballei para eles un mesiño de nada, pero o máis productivo e enriquecedor da carreira), agora o museo funciona como consultor para temas xuridicos e de arquitectura de xardíns ... en fin, longo tema. Tes que perdoar a parrafada, non poiden evitalo querendo ser experta neste ámbito ...

Marlene dixo...

Oes, Suso, pois as cenorias parecen grandiñas... (Por certo, miña mai ten a mesma louza). E cambiando de tercio, ¿sabes que o domingo 29 (este non, o outro) hai malla do trigo nas Anzas? Chuchos.

Marlene dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Marlene dixo...

Non é lápida nin placa conmemorativa, pero en Negueira de Muñiz teñen unha casiña na mesma vila que se emprega a modo de local de reunións e ten un rótulo feito en madeira que pon algo así: "Neste lugar reúnense cazadores, políticos e demais mentireiros". :-)

Suso F. Acevedo dixo...

Para rótulos, un que vin unha vez cerca de Forcarei: "Cuidado! El perro no muerde pero la dueña si".

Xa sabía o da malla, que os das Anzas tedes bos embaixadores e xa me informaran. Pero non vaias pensar que me atraen moito esas "revisións" do pasado. Nas terras de Deza levan anos facendo mallas en varios sitios e nunca fun a ningunha. Non sei..., a malla non me trae á cabeza precisamente días de felicidade. Todo o contrario: eran xornadas moi duras, con moitísima calor, moito po, moito ruído, as mans acribilladas polas canetas do trigo, ... Non, non son recordos agradables, por moito que houbese troula, solidariedade e compañeirismo. Hai outras actividades da miña infancia labrega que recordo con máis agrado.

Mélodi, é ben interesante o que dis sobre a ADF. Non sabía que existise tal cousa.