A min gustábanme os valados que xa non hai, case. Fóronse esbarrigando e boto de menos a súa presenza camuflada na paisaxe, coma exércitos en ringleira.
Non reciben mimo os valados. Deberían ter, cando menos, a mesma consideración ca os hórreos, os cruceiros ou os petos de ánimas. Pero non; os valados son vítimas do esquezo e caen de seu ou a golpe de excavadora sen que ninguén mire para eles.
Non reciben mimo os valados. Deberían ter, cando menos, a mesma consideración ca os hórreos, os cruceiros ou os petos de ánimas. Pero non; os valados son vítimas do esquezo e caen de seu ou a golpe de excavadora sen que ninguén mire para eles.
Os valados da miña infancia eran anchos e exhibían fachendosos a arte dos arxinas. Eu camiñaba por eles xogando a ser funámbulo, con seguridade, case con tanta coma cando ía polos camiños que delimitaban. De vez en cando movíase unha pedra e había que recompoñer o equilibrio para non caer. Bo adestramento para a vida, que é así.
Os valados da miña infancia tiñan buratos para os lagartos e revestíanse cunha manta de musgo cando a sombra dos carballos era duradeira e había lentura nos cachotes.
Tamén tiñan rebos para arrebolarlles ás culebras e ós inimigos.
Agora estamos indefensos.
3 comentarios:
E de onde é ese valado tan xeitoso da foto, logo?
Marlene,
Nas terras de Deza aínda se poden atopar, de vez en cando, valados coma ese e máis bonitos aínda. Este é o valado dun camiño que leva aquí:
http://eltoupoquefuza.blogspot.com/2010/01/tempos-avesios.html
Eu levo anos indo o día 25 de decembro pola mañá a ese sitio -a capela de Santa Lucía, en Bendoiro (Lalín)- e nunca fun pola capela nin pola misa (nunca entrei) nin pola banda de música; fun sempre pola paisaxe, porque me gustaba baixar andando polo camiño, entre os valados e atoparme con xente que vexo de xeito case exclusivo unha vez ó ano, nese sitio tan bucólico. Este ano atopei o camiño convertido en pista e o valado do lado esquerdo desaparecido, porque o tiraron. Ademais agora chegan os coches ata a capela e aquelo é un desastre. Seguramente non volva ir, porque o camiño xa non me gusta e os motivos relixiosos nunca existiron.
que ben te entendo!
Publicar un comentario