Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.1.10

Anque aínda...

I
Acato e respecto a autoridade da Academia, aínda que non son eu moi purista en cuestión de lingua. Con todo, cústame prescindir dalgunhas palabras ou expresións proscritas, como sucede con anque. Non acabo de entender que mal fixo para ser expulsada a patadas do paraíso, pero algo faría.

Esa contracción, procedente de aínda que, xa a usou o Padre Sarmiento nas súas coplas:

122
Anque o liño tivo / muito gorgo, é certo /non coubo nos lagos /o liño colleito.

413
Anque de repente / foi todo o suceso, / xuntouse a purrilla / xentío nun credo.

E tamén Rosalía en Cantares Gallegos:

San Antonio bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque m’ esfole.

A min acompañoume desde pequeniño, medrou comigo, aparéceseme con frecuencia e cústame moito deixala tirada na beira do camiño. Tampouco creo que a súa existencia eive moito a fala nin os falantes, pobriña.

Hai uns días dei con ela nunha redacción dunha alumna, incrustada nunha expresión que si me chamou a atención: Anque aínda non rematara todo...”.

Anque aínda”. Vese ben que quen usa esta construción redundante non recoñece xa as orixes, pero gustoume este uso tan pouco frecuente. E gustoume aínda máis porque a alumna é dos Ozcos, esa lingua de terra asturiana que desce deica o mar coma unha serpe, en palabras de Ferrín, e conserva a fala galega ás veces con termos e xiros que nós perdemos. Dos tres Ozcos, a alumna é de Santalla (de Eu-lalia, “a que ben fala”). Sendo así, tan ben falada, ¿como non me vai gustar?

II
Na Asturias de fala galega, neste caso en Grandas, atopámonos estes días coa nova de que o Consorcio para a xestión do Museo Etnográfico de Grandas de Salime ten pensado destituír a José Naveiras Escanlar, Pepe el Ferreiro, como director do mencionado museo.

Descoñezo os motivos de tal decisión. Non sei se Pepe lle partiu a rabela ou as abeacas dun arado na cabeza a algún político, con razón ou sen ela, ou se estamos ante un capricho máis de quen ten o poder e abusa del. Só sei que o museo etnográfico de Grandas é fillo de Pepe el Ferreiro, que a el dedicou boa parte da súa vida e que sen el non existiría. O malo é que os fillos ás veces medran e comen os pais.

4 comentarios:

Dilaida dixo...

Como te explicas!, é un pracer ler as túas entradas.
A min tamén me gustaba "anque" pásame o mesmo ca ti, e gústame "il", "eso", "verao", "irmao" ...É que todo isto mameino dende que nacín e cando falo na miña entorna non podo, non quero e non debo cambiar o rexistro. As normas déixoas para os alumnos e para a escrita porque estou convencida de que as variantes que ten a fala son precisamente o que fan máis rica.
Bicos

Eva dixo...

Facía falta poñer esa copliña (por certo, eu tiña entendido que era unha copliña popular, ANQUE despois Rosalía a utilizase) falócrata e apoloxista da violencia de xénero para demostrar o uso de ANQUE?

Marlene dixo...

Precisamente este verán fun a ese museo e alucinei coa cantidade de apeiros e utensilios de épocas pasadas que alí están expostos. Como non están sinalizados nin se explica cal foi a súa utilidade, foi meu pai o que exerceu de guía. Fun notando como entre disimulos se nos xuntaban outros visitantes que así se ilustraban grazas ó saber do meu vello.

Suso F. Acevedo dixo...

Dilaida,
Tamén ti tes contidos ben interesantes no teu blog. Xa te enlacei ó meu.

Eva,
Xa sabes que iso de que "o pobo é sabio". En realidade, "anque" aparece en tres estrofas desa cantiga, pero non quixen abusar...

Marlene,
Iso non é un pai; iso é unha enciclopedia! (Xa sabes que a sinalización en xeral non é o punto forte deste País).