Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.9.09

Peros




Non hai moito tempo, oín na radio unha entrevista a un home da zona do Eume que era membro dunha asociación para a recuperación dos peros.

A entrevista tróuxome á cabeza esa palabra, e mesmo a froita, que eu coñecín de pequeno e que xa tiña medio esquecida: os peros (con e pechado, substantivo), que veñen sendo unhas pequenas peras silvestres.

A semana pasada retratei en Guntín unha árbore, cargadiña de froito, que me pareceu de peros, aínda que non estou certo. Sexa ou non sexa, ben me vale para a reflexión que quero facer aquí:

A palabra pero está morrendo, aínda que aparece recollida en dicionarios modernos, e unha proba da súa debilidade e do perigo de que se perda é o feito de que nunca aparece como exemplo nas típicas parellas de palabras que se usan para exemplificar os valores do xénero ou a diferenza de significado segundo a apertura da vogal tónica:

Pera: froita da pereira.
Pero: froito silvestre de pequeno tamaño, semellante á pera.

Pero: con /e/ pechado, substantivo.
Pero: con /e/ aberto, conxunción.

Pérdense as cousas, pérdense as palabras. Os amigos da recuperación dos peros, se cadra sen sabéreno, fan tamén labor filolóxico.

4 comentarios:

Mélodi dixo...

Claro que morren esas palabras, os nenos agora xa non vamos á herba e volvemos subidos no pico do carro mirando colgar das arbores froitos ós que tendemos as mans, froitos comos os peros ou os abruños ... igual temos sorte e un día nos recrean esas viaxes en realidade virtual ...

Quique Roxíos dixo...

Tein a pel un pouco áspera estos peros?

Na ía casa había úa arbore de peros, que lo tirou un airón... pero vindo a foto primeira recordo aquel sabor e aroma. Unmmmnhmmmn

Pero non tou seguro que foran "Peros".

Un abrazo

Melodi Parga Otero dixo...

A xefa maior preguntame o mesmo sobre a pel deses froitos ...

Suso F. Acevedo dixo...

Pode que a pel sexa un pouco máis áspera cá da maioría dos tipos de peras, pero eu tampouco estou seguro de se os que poño na foto son peros ou non.

Polo aspecto, creo recordar que os que eu coñecía de pequeno non eran tan grandes, pero comín un dos que poño na foto e o sabor é cravado a aqueles.

E, en relación con este tema, un lector -un saúdo para os da Ponte Nova!- faloume indirectamente de PEROS DOS CANS, denominación que seica se usa para unhas boliñas vermellas de non sei que planta. Eu non coñecía ese termo.