Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.3.09

desORDE anALFABÉTICA

..., Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, Lourenzá, ...

No preciso momento en que un triste Pérez Touriño asumía publicamente os resultados das eleccións e felicitaba ó gañador, a TVG ía sobreimpresionando os datos dos concellos da provincia de Lugo, un por un, por orde alfabética.

Pouco despois, mentres o presentador daba nova información, tocáballe desfilar cara ó matadeiro ós concellos ourensáns, tamén por orde alfabética:

..., A Gudiña, O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...

Por orde alfabética!!??

Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, ... !?
O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...!?

Que pasa coas nosas letras? Que demostra iso de que o X apareza despois do I e antes do L e non ó final? Acaso pelexou co V e co Z, que serían os seus veciños naturais.

Non. Demostra que, a pesar de que en pantalla viamos X, nalgún recanto fondo, nalgún chip traidor, figura aínda Germade, Jove, Junqueira, ... Así cadran as cousas.

Demostra que en 2009, vinte e seis anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística (1983) establecese no seu artigo 10 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” rezuma aínda polos poros da tecnoloxía e das mentes da xente un pasado de aldraxe, unha man misteriosa que nos espeta na lama cada vez que queremos erguer os ollos para ver o sol.

Hai que ser tolerantes, non se pode ser radicais, as cousas teñen que ir pouco e pouco, sen imposicións ...”. O que hai que ser é parvos para non sermos capaces de poñer no seu sitio os nosos nomes... en 26 anos!
E oír o que hai oír...


7 comentarios:

Anónimo dixo...

Ai, Suso, e o que nos queda!

Anónimo dixo...

Eu cada vez estou máis convencida de que iso de que "non se pode ser radicais" é unha parvada. A igualdade, no ámbito que sexa, é unha idea radical e vai incomodar a moita xente, é posible que nos incomode tamén a nós mesmos nos ámbitos nos que somos privilexiados.

busto.agolada dixo...

Pois eu abundo máis no asunto. Agolada aparecía despois do F, respectando a orde alfabética de cando se segmentaba o topónimo en La Golada.
Tes toda a razón, aínda seguen coa toponimia en castelán e cómpre ser pechados para non ordealos debidamente cos nomes galegos.
Saúdos.

Melodi Parga Otero dixo...

Por iso non me cadraban a min as contas ... claro que como non estiven atendendo non me decatei ... E que isto de ter dous idiomas a convivir nun mesmo territorio xera incompetencia linguistica ... como defenden uns que eu me sei ...
Por certo ... creo que unhas cantas erasmus (tres alemanas e unha filandesa e outra da Rep. Checa) pensan que en Galicia SÓ, única e exclusivamente se fala galego ... (deduzción miña a partir das preguntas que me facian ...) Tamen deducin que somos "exoticos" para elas ... indagarei máis e contarei no blog0755. Un saúdiño e desculpa por toda esta parrafada ...

Suso F. Acevedo dixo...

Mélodi, dille a esas Erasmus que antes en Galicia tamén había castelanfalantes, pero que os fomos fusilando ó amañecer, en grupiños, cadrando coas nosas grandes festas: Día da Patria, Día das Letras Galegas, etc.

Xa que temos sona diso, polo menos que se fale de nós polo mundo adiante.

Anónimo dixo...

Eu tamén me decatara da orde "analfabética" da que ti falas. O que non pensara fora na súa tradución "inconsciente" ao castelán. Serán...

Anónimo dixo...

A nosa Galiza é algo mais que x e zzzzzzzzzzz.A nosa Galiza somos todos(ceibes)unha persoa,un voto.