Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.1.09

Declaración de Aciveiro

Aciveiro ocupou durante moitos anos o espazo íntegro correspondente ó 8 de setembro no diario da miña vida.

Dicir Aciveiro era daquela dicir Liberdade. Alí, onde o Lérez non leva máis ca tres caldeiros de auga, xuntabámonos ducias de familias de Trasdeza e Terra de Montes para participar na que sen dúbida era a romaría máis concorrida da Galicia interior nos meus anos de infancia. Ese día paraba o mundo, abandonábanse as casas, aparcábanse os labores.

Desde a mañá cediño íanse ocupando as carballeiras cos manteis e coas cestas repletas, que agardaban medio esquecidas ata que remataba a rutina misa-concerto-vermut nos pendellos da antiga feira. Chegada a hora, as carballeiras ateigábanse de romeiros e, despois da comida, as botellas e os postres circulaban de familia en familia. Os grupos íanse mesturando sen mirar orixe nin condición.

A tarde era música, cantos, risas, bailes, algunha que outra enchenta, sestas debaixo dos carballos, paseos, moceos e fútbol. Lembro moito fútbol.

Abondaba con que dous botasen a andar un balón no prado do cura para que os equipos fosen medrando espontaneamente. Con absoluta liberdade, cada un entraba e saía do partido cando quería e dáballe para onde lle petaba. Seguramente algunha vez temos xogado alí partidos de 40 contra 30, sen coñecérmonos a maioría. O resultado poucas veces se sabía porque o partido duraba toda a tarde e os xogadores ían cambiando sen saberen o que herdaban. Iso era o de menos.

Tamén xoguei algún partido serio, de once contra once e con árbitro para insultar, no campo novo do cruce, agora cheo de toxos, e no prado da “reta do satenta”, que agora é unha xesteira.

O mosteiro era unha ruína e a ruína era nosa. Explorei ducias de veces cada dependencia. Impresionábame a cociña, coa súa enorme cheminea, e a corte dos cabalos, tan perfecta. Vin e lin latín en pedra viva na parede do claustro e tratei de descifrar o misterio daquelas letras sen oír falar nunca de declinacións. Tamén tiven os pelos de punta a carón do oco da escaleira que non levaba a ningún sitio –o piso da primeira planta caera- oíndo contar a historia de que en tempos alí entalaban xente á que lle ían botando auga na cabeza, pinga a pinga, ata que lles podrecía o cerebro.

A xornada remataba coa verbena loitando contra o frío e o resío da noite, que non andaba con bromas naquelas terras altas xa entrado o mes de San Miguel. Pero como xa era de noite, desas cousas non se fala, que non se vían.

Eu medrei e amañaron o mosteiro. A primeira vez que entrei nas novas dependencias sentín que eran okupas na miña casa aqueles ós que eu lles paguei por un café.

Agora sei que, hai pouco máis de dous meses, diversos membros da xudicatura, a fiscalía e mandos superiores da Garda Civil e da Policía Autonómica consensuaron no mosteiro un documento sobre o uso do galego nas súas relacións coa Administración de xustiza: a Declaración de Aciveiro.

Alégrome ben de que fose nun escenario tan querido para min, aínda que noutras circunstancias, onde se dese un pasiño máis na dignificación da nosa lingua, desta vez nun ámbito tan difícil e onde queda tanto por facer.

Seguro que as caladiñas augas do Lérez e os ventos fríos do Candán han saber espallar a semente que o fiscal xefe Carlos Varela e os seus botaron aquel 30 de novembro entre os valados do (meu) mosteiro.

3 comentarios:

Mélodi dixo...

mmm, tiña que ser impresionante recorrer o mosteiro, soiña ... escoitando ás pedras ... que ben entendin o dos "ocupas" ... [perdoa, pareceme que comezo a sufrir ... deformación profesional]

piny88 dixo...

Olá!

Som uma rapaça eonaviega, ainda que agora estou em Compostela. Polo que vim no teu blogue tu tambem eres da minha terra nom? A verdade e que nom ha muita gente ali preocupada pola nossa lingua. Ja vexo que conheces a Quique de Roxios... e o meu primo xD.. Bom, um saúdo.

deixo-che o meu e-mail: piny88@gmail.com

busto.agolada dixo...

Xa somos dous máis que amamos Aciveiro. Eu namorei del desde o Gómez de Castro e andei as ruínas que describes. E alédame a súa resurreción incluso como pousada. Agora alédame dobremente por saber do teu especial afecto polo lugar e pola Declaración da Xudicatura e funcionariado.
Apertas, Suso