Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.12.08

Lingua e política

Había nos membros de Voces Ceibes verdadeiro compromiso lingüístico ou a súa aposta polo galego era só un posicionamento antifranquista?

Por que esmoreceu o entusiasmo co que se empregaron os portavoces dos distintos grupos parlamentarios no debate de aprobación da Lei de Normalización Lingüística?

Queda algo no socialismo galego das teses de Ceferino Díaz ou González Amadiós?

En que medida o antigaleguismo militante de Francisco Vázquez prexudicou o seu partido en Galicia?

Como foi posible que acabase como responsable máximo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega o mesmo Fraga que subía polas paredes cando Xosé Luís Barreiro decidiu que a TVG emitise só en galego ou que sancionou a La Voz de Galicia, sendo ministro de Franco, por publicar unha carta de Augusto Assía na que se criticaba o trato que o réxime lle daba ó galego?

Por que o mesmo Feijoo que votou a favor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega pasou en poucos meses a estar en contra do Decreto 124/2007, que di exactamente o mesmo?

Segue sendo a reivindicación da lingua un elemento fundamental para o nacionalismo galego ou este asunto perdeu forza ó longo do proceso de aperturismo á sociedade dos nacionalistas?

Que escuros intereses hai detrás de Galicia Bilingüe? Quen financia as súas custosas actividades? Existe algunha relación entre este colectivo e o partido de Rosa Díez?

Será posible nun futuro próximo que os líderes políticos cheguen a un acordo sobre o Estatuto para poñer o galego e o castelán verdadeiramente en pé de igualdade legal, acabando cos privilexios que a Constitución lle dá ó castelán?

Estas e outras preguntas son obxecto de reflexión profunda e análise detallada neste libro, un estudo necesario entre a lingua e o poder político desde a pretransición ata a actualidade, que está chamado a ser un éxito de vendas e a desaparecer dos andeis das librerías tan pronto como apouse neles.

1 comentario:

Suso F. Acevedo dixo...

Como ninguén comenta, comento eu:

Esperaba que alguén se interesase por este libro, pero xa vexoq ue non.

Este libro do que falo non existe. Inventeino eu. É que ultimamente está de moda un libro que trata de como falar de libros que non lemos. Eu pensei ir máis alá e falar dun libro que non existe.

Pero a verdade é que ben podería existir. Igual o escribo :)