Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.12.08

Zobra

A Cabana (Zobra), xuño de 1990
Hórreo e eira lastrada
Unha reportaxe de hoxe en La Voz de Galicia fai que rompa o descanso vacacional que onte mesmo anunciei.

Zobra. El paraíso escondido de Pontevedra”, titula o autor.

Zobra é parte da miña memoria e de min mesmo. O meu apelido materno ten alí a súa orixe e consérvase en forma de topónimo ortograficamente deturpado, para non variar, no mesmo lugariño onde Casa Celsa acolle os visitantes. Media parroquia é da miña familia, sen que saiba identificar a ninguén. Nunca fun capaz de poñer orde en todos aqueles nomes dos que miña nai me falaba nin tan sequera de saber a cantas casas pertencían, pero funme facendo unha idea común a todos eles: boa xente, moi boa xente.

Tardei en ir a Zobra, aínda que Zobra estaba frecuentemente presente nas conversas da infancia, pero era un sitio de conto de Ánxel Fole, moi distinto ó que hoxe retrata a prensa. Desde a miña ventá vía a cima dos seus montes e raro era o ano que non había que ir ó enterro dalgún parente. Ir a Zobra era sempre ir a un enterro, menos unha vez na que meu irmán foi pola festa, que cadra co seu cumpreanos o día mesmo no que se enceta o ano.

Se cadraba no inverno, a expedición ós enterros era memorable: saíase de mañá porque desde Vilatuxe había que ir andando, e despois do funeral era inevitable a visita á casa de varios dos parentes, e acabábase ceando e facendo noite na casa de quen máis forza facía. Botábase a noite e regresábase ó día seguinte. Teño oído falar de enterros en días de neve que deberon ser coma unha expedición pola Antártida, cun metro de neve, con xente esvarando e a caixa a piques sempre de desfacerse contra o chan.

A pesar de tanta incomunicación, os parentes buscaban cada ano maneira de mandarnos mel das mellores alvarizas. Mel de carqueixa, de carpaza, de uz, ... que gardabamos para os remedios porque era o mellor. Tamén tiñan ovellas, en continua loita contra o lobo. E bestas.

Os poucos nenos da parroquia viñan ó colexio a Vilatuxe, coma nós, primeiro na carroceta de Taboda e algo despois no Land Rover, que era o único coche que daba ido alí. No inverno faltaban moitos días.

Eu tardei en ir a Zobra e cando fun fíxeno pola pista de Lebozán, a carón da casa grande de Chedas, que era casa rica. Teño oído historias de bandoleiros e de estraperlisas naquel lugar abandonado hoxe no medio do monte. Tamén fora casa rica a da Cabana, e proba diso é o hórreo de seis claros e a ampla eira de mallar, ben lastrada, a única que eu vin na miña vida.

Antes de eu ir, xa volveran os Acevedos de Panamá e contábanse marabillas da casa que fixeran no medio e medio do lugar: o chalé dos panameños. Decepcionoume cando o vin por primeira vez. Valados altos, reixas, ...parecía deseñado para defenderse daquela xente que os rodeaba e que nunca nada roubaría. En Zobra, coma en calquera parroquia, as casas estaban sempre abertas e aquel búnker alí no medio parecía un insulto a tanta bondade.

Máis incomunicado có propio lugar de Zobra, ou cá Cabana ou ca Acevedo, estaban o Ameixedo e a Trigueira, onde había minas, da volta de alá do río. Nunca alí cheguei. Dicían que, se se seguía para diante, o camiño acababa levando a Grovas, unha aldea xa daquela abandonada no medio do Candán, onde sempre quixen ir e nunca fun. Cara á esquerda cadraba Carballeda, onde tamén tiña primos, e outros lugares xa de Ourense, cara a O Irixo, onde Cela ambientou a súa mazurca.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Para o Autor: SUSO
Son veciño de Zobra e a túa descripción produciume unha fonda impresión. Gustariame coñecerte para falar de Zobra. Unha boa oportunidade é a festa do PRIMEIRO DO ANO que siguen organizando os/as mozos/as, aínda, que non quero forzarte convidote con "forza").
xosedobarro@gmail.com

busto.agolada dixo...

Comparto a admiración por Zobra e os montes do Candán. Se ben non coñezo a zona tan ben coma ti.
Aproveito para desexarche sorte e felicidade no 2009.

Suso dixo...

Xosé,
Escribinche ó enderezo que dás. Agardo resposta.
Suso

vilatuxe dixo...

A ver Suso,son de VILATUXE e quixera saber quen é o escribe destes montes que sempre tanto quixen

Se queres faino a :candandeza@hotmail.com

Por suposto que respondereiche