Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.5.08

Morrer por uns fonemas


Segundo se conta nunha pasaxe dos Xuíces, os da tribo de Galaad mandábanlle repetir ós fuxitivos a palabra xibolet (=espiga) para averiguar a súa identidade. Se o repetían correctamente, co son inicial palatal, eran dos seus, pero se pronunciaban un /s/ inicial era proba de que eran efraimitas; entón apreixábanos e degolábanos xunto ós areais do Xordán.

O 31 de marzo de 1282 iníciase en Palermo unha revolta contra os ocupantes franceses. Para recoñecer os fuxidos mandábanlles pronunciar a palabra ciciri (=chícharo). Os sicilianos pronuncian perfectamente a sibilante inicial, pero os foráneos pronunciaban sisiri. Isto permitía identificalos para condenalos.

Cando o ditador dominicano Trujillo quixo expulsar os traballadores haitianos, para distinguir os negros dominicanos, de fala castelá, dos haitianos, de fala francesa, a policía mandáballes pronunciar a palabra Trujillo. O iota é difícil de pronunciar para os que non falan castelán. Deste xeito identificaban os negros haitianos que querían expulsar.

Outros din que o facían usando a palabra perro. Neste caso a complicación para os haitianos estaba na vibrante múltiple. O resultado era o mesmo.

Con motivo dunha revolta contra os alemáns, os polacos executaban a todo o que non puidese pronunciar correctamente palabras polacas coma soczewic ou miele. Seica tamén na Segunda Guerra Mundial os ianquis utilizaban a palabra lollapalooza para ver quen era xaponés e quen non, porque os xaponeses pronunciarían todos eses /l/ como /r/.

Agora leo en escalofriante reportaxe de El País (25-05-08) que os negros de Johanesburgo, os mesmos que ata o ano 94 sufriron o apartheid, preguntan como se din en zulú palabras moi concretas para identificar negros procedentes de países coma Mozambique, Zimbawe, Suazilandia, Somalia ou Nixeria. Así recoñecen os amakwerekwere, ou sexa, os que falan distinto, os inmigrantes, ós que inmediatamente tratan de xeito brutal, apealeándoos e saqueándolles o pouco que teñen.

Son distintos tempos, distintas linguas, a mesma atrocidade. Dificilmente se pode imaxinar un uso máis perverso para algo tan fermoso coma un idioma.

6 comentarios:

Anónimo dixo...

Parabéns por este post, Suso! Aprendemos e desfrutamos tamén os de Chamoso.

Suso F. Acevedo dixo...

Alégrome de saber que os de Chamoso (San Cristovo ou Santo André?) seguen visitando toupeira.

"Veña, déixote logo, meu amigo,/ tesme dito que prefires as cartas en branco, que as outras non chegan".

Unha aperta.

Anónimo dixo...

Enhorabúa polo "post" morrer por uns fonemas".

Como sempre, interesante.

Quique.

Anónimo dixo...

San Cristovo, claro, pero aquí asinamos Chamoso namais porque o santo marchou para a Hermo (Muimenta) e non se soubo máis del.

Máis apertas, meu!

Carlos Andina dixo...

Ola Suso
Curiosas formas para identificar a xente.
Claro que como te identifiquen mal...

Chao

Anónimo dixo...

Quizais non saibas que en inglés a palabra "shibbolet" denomina as variacións lingüísticas propias dunha rexión ou grupo social.
Unha pinga de mestizaxe como contrapunto á amargura dos usos que ás veces se fan das linguas.