Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.9.07

Tesouros invisibles na illa Cortegada


O verán do 2007, que non chegou por estas terras, despediuse coa volta da illa Cortegada ó dominio público.

Queda así libre de caer nas mans de calquera especulador que a encha de adefesios. Queda a salvo o seu exclusivo bosque de loureiros, os piñeirais, as ruínas das súas construcións e os posibles restos arqueolóxicos. Todo o que se pode ver. Ben.

E que pasa co que non se ve?

A prensa de onte ofrecía un detallado esquema da illa, incluídos os seus escasos pero fermosos topónimos: Bao de Louredo, A Veiga, Sartaxéns, O Bao, Punta Corbeiro, Punta do Batel, Malveira Grande e Malveira Pequena.

Seguro que hai máis nomes. Alguén debería recuperalos canto antes aproveitando as vellas memorias que estes días se emocionan por poder pisar de novo carreiros prohibidos.

Alguén debería axeitar a ortografía ás orixes. Seguro que son Vaos eses Baos e Corveira o que a prensa nos dá como Punta Corbeira.

Saboreando a eufonía de Malveira e de Louredo, celebro a intención de coidar dese tesouro que é a illa Cortegada. Pero coidémoslle tamén o que non se ve.

E que san Gonzalo Navaza nos ampare.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Oes, e xa postos, "Malveira", que che hai unha en Cariño, habería de ser "Malbeira", ou?

Suso F. Acevedo dixo...

Que eu saiba, "malveira" vén de "malva" (do latín "malva"), polo tanto debe ser con V.

Non se trata de poñer todo ó revés, digo eu.

busto.agolada dixo...

A toponimia e a microtoponimia resumen case sempre a historia do lugar. Anque profano na materia, a orixe e explicación dos topónimos é algo que me interesou desde sempre.
Moi ben polo artigo. Cortegada tamén merece ser recuperada na súa toponimia.
Saúdos.