Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.1.09

Chico Buarque: Budapest



Interésanme as linguas desde calquera pespectiva menos guisadas. Nótolles, ó mordelas, unha sensación escamosa que me desagrada.

Ultimamente deume por fixarme na presenza das linguas como motivo literario, especialmente casos alleos ó galego, e fun anotando algunhas referencias nas que aparecen en obras literarias alusións ós idiomas cun certo protagonismo, aínda que case sempre de xeito secundario.

Pero acabo de saber dunha novela na cal un idioma é motivo principal: Budapest, de Chico Buarque. Non é de publicación recente, pero eu coñecina agora na súa versión galega, de Faktoría K, que un tampouco vai estar ó tanto de canta folla se move no souto.

Polo que leo nas reseñas, conta a historia dun home que se apasiona pola lingua húngara ata o punto de cambiar totalmente a súa vida, deixando o seu país, a familia e todo o seu pasado.

A min sempre me interesou Hungría desde o punto de vista lingüístico, ese país con 15 idiomas oficiais onde todos eles se poden usar no Parlamento central sen que supoña ningún trauma. Chámase respecto á diversidade.

A maiores, a novela presenta o atractivo de que o autor é ben coñecido polo seu labor musical e de que na obra teñen cabida os grandes mitos daquela selección húngara que marabillou e se proclamou subcampioa do mundo en Suíza no 1954, con Puskas á cabeza.


Bossa nova, unha lingua como protagonista, Hungría, fútbol,... máis non se pode pedir. Haberá que lela, a ver se o resultado é tan bo como prometen as reseñas e as circunstancias

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Hai unha novela danesa, traducida ao castelán como La señorita Smila y su especial percepción de la nieve, que ten algúns parágrafos que se cadra che interesan. A protagonista é medio groenlandesa e medio danesa, pero síntese máis identificada con Groenlandia, que é onde naceu, e esta inadaptación (porque vive en Copenhague) exprésase tamén ás veces a través da lingua.
Na película, que é de Billie August, toda esta parte das linguas reducírona á mínima expresión, por suposto. Pero bueno, a peli aínda é salvable porque sae Gabriel Byrne, que non está moi mal. :)

Anónimo dixo...

Por certo, o autor do libro que comentei antes é Peter Hoeg (co "o" tachado; non sei como poñer esa grafía danesa).

Suso F. Acevedo dixo...

Si que me interesa. Tomo nota. A este paso vou acabar facendo unha colección de "literatura lingüística" ou algo así.