“Pouco importa que teñamos galegos cultos se non
temos cultura galega”
(Peña Novo).
Andan os
ventos revirados para os que non levamos peineta e pega con forza na cara o sol
traidor, queimando todo o que é diversidade, tamén de linguas.
Pouco camiño
andamos nas últimas décadas, desde que no 78 a Constitución abriu ventanuxos de
luz, só ventanuxos, para os idiomas do Estado distintos do castelán.
Pouco camiño andamos desde aquela e en vez de permitir que a cousa siga por onde ten que ir, aparecen agora con descaro patriotas de símbolos –só de símbolos, que non de corresponsabilidade económica- que poñen en dúbida a legalidade e a lexitimidade das políticas lingüísticas. Xa o dicía Díaz Castro: "Un paso adiante e outro atrás, Galiza".
Pouco camiño andamos desde aquela e en vez de permitir que a cousa siga por onde ten que ir, aparecen agora con descaro patriotas de símbolos –só de símbolos, que non de corresponsabilidade económica- que poñen en dúbida a legalidade e a lexitimidade das políticas lingüísticas. Xa o dicía Díaz Castro: "Un paso adiante e outro atrás, Galiza".
Un non é
lexislador nin leguleio, pero penso que non cómpre ningún máster, nin tan
sequera dos de tómbola, para decatarse da necesidade, da legalidade e da
lexitimidade das políticas lingüísticas.
Para ver
a necesidade non hai máis que saír á rúa calquera día que non
chova moito e intentar vivir con normalidade en galego. Misión imposible.
A legalidade hai abondo quen a vixíe, que non se nos pasa nin unha. A proba máis evidente
foi o sucedido co texto inicial da Lei de Normalización Lingüística, que
establecía para o galego nin un milímetro máis nin un milímetro menos do que a
Constitución establece para o castelán. Pero houbo que suprimirlle o "deber
de coñecer o galego", obrigatoriedade que na Carta Magna continúa vixente
para o castelán, algo que por certo non existe na maior parte dos países
europeos para idiomas estatais similares.
Canto á lexitimidade,
eu creo que se pode defender desde tres vértices distintos:
Lexitimidade ética:
As políticas lingüísticas son precisas para garantir os dereitos
individuais da xente e para preservar un ben colectivo fundamental. Ademais,
non lesionan os individuos que se poidan ver repercutidos polas medidas de
aprendizaxe que se establezan, xa que a proximidade interlingüística entre
galego e castelán implica un mínimo esforzo para a dominio esencial das dúas linguas e
existe a posibilidade de aprender galego con escaso custe en calquera lugar da
xeografía. Os supostos danos individuais que algúns tentan exhibir non son máis
ca manifestacións reiteradas de prexuízos interesados.
Lexitimidade social:
A sociedade galega acepta maioritariamente
as políticas lingüísticas ou, cando menos, non se opón a elas, agás en períodos
de intoxicación mediática nos que hai quen sente a obriga de apoiar a súa panda.
Tense dito, por parte de expertos no
asunto, que precisamente a política lingüística de baixa intensidade pola que
se optou en Galicia non serviu para a recuperación do uso do idioma pero, a
cambio, garantiu a paz lingüística. Non imos agora analizar se se trata de
verdadeira paz social ou se é a paz dos cemiterios, pero o certo é que a
pedradas non andamos.
Lexitimidade legal:
As políticas lingüísticas derivan do marco legal existente, por outra parte
insuficiente: Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias, Informes
do Consello de Europa en relación co (in)cumprimento da mesma, Constitución española, Estatuto de autonomía, Lei de normalización lingüística, Plan xeral
de normalización da lingua galega, etc.
Supoñemos que non vén ó caso lembrar aquí o que se establece en cada caso.
Recordaremos unicamente un artigo da
Carta europea, que se cadra é o marco legal que menos se coñece:
Art. 7.2A adopción de medidas especiais en favor das linguas rexionais ou minoritarias, destinadas a promover unha igualdade entre os falantes desas linguas e o resto da poboación ou destinadas a ter en conta as súas situacións particulares, non se considera un acto de discriminación cara ós falantes das linguas máis estendidas.
Pois iso, que Europa mola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario