Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.1.19

Augardente, zorza..., o que se vai perdendo.





Non son bebedor de augardente. Debe ser que ma deron a probar prematuramente, á hora da parva, en calquera rego de patacas ou outonando nunha leira –non o lembro- e aínda noto o lume baixando pola gorxa abaixo.

Non son bebedor de augardente pero gústame o nome, igual que me gustaba “perrasca”, “terraxe” ou “tarraxe”, como lle chamaban algúns veciños.

Agora xa non. Desde hai uns anos a xente pide orujo e os máis cursis atrévense con “un orujito”. Augardente xa non hai.

Pasou coa augardente e agora está pasando coa zorza. Desde hai uns meses decátome de que nas cartas de racións e na boca dos camareiros xa é raro atopar zorza; o que se ofrece é picadillo

A mirada dos porcos é cada vez máis triste por ese motivo, pero case ninguén mira os porcos á cara, para evitar a culpa.

Perdemos a augardente e agora estamos perdendo a zorza. De paso, a dignidade.

Ningún comentario: