Cartel para anunciar os actos do centenario |
Hai unha semana propuxéronme
guiar un autobús. Ó comezo púxenme todo contento porque eu, que conducía con
frecuencia tractores ós doce anos e coche ós dezasete, nunca conducira un
autobús. E moito menos un coma este, co volante á dereita.
Despois souben que non tiña que
encargarme do volante, senón dunha visita guiada pola exposición ambulante que
está percorrendo o país co gallo do centenario das Irmandades da Fala. Cousa da Asociación Cultural Francisco Lanza e do Concello de Ribadeo.
Dentro do autobús |
Aceptei,
a pesar de que eu non sei moito diso, que é máis cousa de historiadores. E a
min ponme moito respecto o labor dos
historiadores, porque teñen que saber ler principalmente o que non está
escrito. E tampouco quero eu caer no mesmo que fan algúns que len a Pío Moa e xa
se consideran capacitados para escribir liñas e liñas de historia con
pretensións de irrefutabilidade.
Aínda así, aceptei, que un sempre
procura botar unha man onde pode e cre que non estorba. A conmemoración foi
agradable, non polo que eu acheguei nin polos contidos da exposición en si,
senón polo resto das actividades, especialmente pola magnífica interpretación
que Carmen Rodríguez e a coral de Ribadeo fixeron de “O meu país”, de Miro Casavella, e polas brincadeiras retóricas dos Poetarras.
Canto ás Irmandades, algo
tratamos de contar das súas orixes, da súa evolución e da colleita que acabou
agromando nesta zona como consecuencia daquela sementeira.
Iso si. Tamén acabei conducindo o autobús co volante ó revés.
Saúde e terra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario