Algunhas veces parece que un ten
que escoitar as palabras en boca doutros para darse conta de que existen. Tal
foi o que me pasou a min cun uso do diminutivo moi pouco frecuente, a pesar de ter lido algún dos textos que o conteñen. Refírome ó diminutivo unido ó xerundio "calando".
No seu poema “O gato da tasca mariñeira” Bernardino Graña dinos que
[...]
O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
[...]
Lera eu Profecía do mar de Bernardino e non me fixara. Foi en boca da catalá
Elena Tarrats, fermosa voz de Gelria, que versiona este texto no seu
disco Cantos de poeta, onde eu reparei
neste uso.
![]() |
Captura de pantalla de "O gato da tasca mariñeira", de Gelria |
Ata entón, só coñecía o uso do diminutivo acompañando o xerundio de correr (correndiño), que vin nalgúns poemas de Rosalía e que son os que exemplifican case sempre as escasas mencións que se lle fai a esta particularidade nas gramáticas.
[...]na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
[...]
Tratando de saber algo máis do asunto, pregunteille ó amigo Google, que sempre está de garda, e contoume que a forma calandiño xa está recollida no dicionario de Marcial Valladares e noutros posteriores que se cadra o tomaron del. Tamén disque está
presente en textos doutros autores: Aurelio Ribalta, López Ferreiro, Vaamonde
Lores, Leiras Pulpeiro, Roxelio Rodríguez Díaz e algún outro.
Canto ás gramáticas, calandiño aparece no Compendio de Gramática Galega Básica de Frías Conde, pero identifica esta forma como participio:
![]() |
"Calandiño" no TILGA |
En galego o
diminutivo por antonomasia é –iño/a.
[...]
Pode mesmo
usarse con participios:
-Vinde para acó, calandiño, eh?
Funcionalmente pode ter pinta,
pero formalmente...
Eu non sei se ademais de correndiño e calandiño haberá outros xerundios que se teñan usado con diminutivo. Sexa como sexa, aquí quedan estas notas deslabazadas sobre este recurso enfatizador, fermosa reviravolta do idioma, e que outros con máis tempo, gana e "sabencia" ca min afonden no asunto "se lles prouguer", para poñelo de xeito académico e bonito.
OBSERVACIÓN PARA REFLEXIONAR:
Elena Tarrats, a voz feminina de Gelria é catalá de Barcelona. Non lle supón isto ningún inconveniente para cantar en galego nin para pronunciar perfectamente o ene velar ("non hai", "unha") e o xe palatal ("mexilóns", "empuxan") eses fonemas que se lle atragoan a algunha xente do país.
Cousiñas que pasan...
Eu non sei se ademais de correndiño e calandiño haberá outros xerundios que se teñan usado con diminutivo. Sexa como sexa, aquí quedan estas notas deslabazadas sobre este recurso enfatizador, fermosa reviravolta do idioma, e que outros con máis tempo, gana e "sabencia" ca min afonden no asunto "se lles prouguer", para poñelo de xeito académico e bonito.
OBSERVACIÓN PARA REFLEXIONAR:
Cousiñas que pasan...
Ningún comentario:
Publicar un comentario