Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.1.10

Tempos avesíos


Pódese dicir que o meu Nadal empezou coa xeada do día 25 nas terras de Deza e remata coas sarabiadas que caeron hoxe toda a tarde na Mariña. Tempo avesío de cabo a rabo. Unha metáfora.

Como todo cansa, tiña intención de desconectar temporalmente do mundo virtual que visito con frecuencia e poida que ata de un mundo real que xa intuía pouco grato. Imposible.

Con esa idea erguinme cedo o 25, confiando en poder gozar un ano máis coa paisaxe da Santa Lucía –o que máis me gustan son os valados do camiño que leva ata alí e o regueiro que rodea a capela- e alí dei xa cos primeiros túzaros empeñados en espetarme de narices na lama da realidade:

E querían prohibir falar o castellano! Eu non digho que non se estudie o ghallegho, pero a ver logho en que imos falar polo mundo adiante! E bla, bla, bla, ... as mesmas ridículas retrónicas de sempre.

A punto estiven de ir buscar o prolingüeiro Rafa Cuíña, que acababa de estar departindo con eles e permancecía a uns metros, para que me axudase a tiralos ó regueiro xeado, a ver se lles viña o sentidiño, ou a esnafralos barranco abaixo desde a cima dos penedos onde seica freou de repente un cabalo por intermediación da Virxe –indiscutible, que ben se ven alí as marcas dos pezuños...–. Pero tiña as mans frías e non me apetecía sacalas dos petos nin despois ir declarar ó cuartelillo. Prefería coller pan recén cocido no forno e tomar un viño na taberna adornada con fotos de Loriga, mesmo no cruce que vai cara ó Corpiño, mentres vía arder un cepo na lareira mal imitada.

Case coa mesma nocturnidade que os lugareños rouban na noite do 24 as cancelas dos veciños para deixalas á beira do camiño, o señor Núñez presentou uns días despois o seu decreto secreto. E diso oín eu que se falaba en canta rolda de viños e copas houbo neses días, que non foron poucas.

Agora repaso por encima o mundo virtual que aparquei en parte e atopo que son incontables as colaboracións de prensa, as noticias, as entrevistas e as cartas ó director que debaten sobre o asunto.

Temos que levar á clase política o consenso que hai na sociedade” –dixo o señor Núñez hai uns días-.

Si ho! Este pensa que os consensos os activa el cando quere co mesmo botón co que activou os conflitos. Vaiche aviado!

Se convocase unha rolda de prensa e dixese dunha vez “Impoño esas bases e impoñerei o novo decreto porque gañei as eleccións, teño maioría absoluta, impórtame tres pitos o galego e fago da miña capa o saio que a miña acomplexada mente me indica”, eu non lle discutía nada, que niso ten razón, pero tómanos por parvos e empéñase en darlle voltas ó asunto con falacias que non cre nin el e que chegan a ser insultantes, e iso é o que me saca das cuñas.

Por iso tamén eu falarei do decreto secreto, que fóra aínda sarabea. Pero será para outra.

1 comentario:

x. dixo...

Toda a razón tes, Suso, e desde logo o sentimento de indignación e a imposibilidade de, nestas condicións, desconectar dos "tempos avesíos" é compartida. É terrible a situación e como callou a mentira. Con todo, penso que hoxe os que queremos de verdade a igualdade lingüística temos máis resortes e xeramos un discurso que chega máis e mellor que hai un ano por estas datas, cando todo o extremismo españolista andaba coa zunía da "imposición" a sabendas da sua radical e insultante falsidade. Callou porque, no fondo, somos unha sociedade con pouca autoestima, pouca consciencia de seu e á que estigmatizaron durante séculos os seus sinais de identidade, e todo iso fai que, en xeral, respondamos a moitos comportamentos como Albert Memmi explicaba naquel libro clásico, o "Retrato do colonizado", cada vez máis necesario para reler.
Apertas grandes.