Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

5.5.08

Idiomas en Eurovisión


É O TEMPO DAS UTOPÍAS
Houbo un tempo no que non era raro que no rural galego varios veciños se xuntasen nunha casa a ver a tele. A primeira, por suposto, e en branco e negro, que a penuria do tardofranquismo non daba para máis. Non coma agora que en cada casa o mando a distancia bota fume para escoller entre non sei cantas canles de colores. E máis que están chegando vía TDT, que corre moito máis có AVE e xa bateu de cheo na Fonsagrada vangardista.

O Undoustres de Kiko xuntaba centos de ollos a carón do lume cada semana, pero era o festival de Eurovisión quen rompía o share moito antes de que esa palabra agromase nestas leiras. E velaí volve.

Con Massiel enchéusenos o peito de orgullo lalala, segundo me contan. Nada souben eu en moito tempo de que Serrat quixera inutilmente dicirlle á vella Europa que o catalán tamén existía. Seica Fraga se alporizou un pouco. Non se podían dicir esas cousas al vent, que igual caía unha estaca ben asentada nas costelas. En Eurovisión participaba España e dicir España era dicir castelán se de linguas se trataba. Os outros eramos mudos, seica.

Pero pasou o tempo e un día alguén cantou unha lluropslivinaselebreixon con saltiños ben ridículos e nin queixa houbo. Despois foi blodimeri, por favor e nin queixa houbo. Agora tócalle a un chiquilicuatre que canta media canción en inglés, e nin queixa escoito. Será certo que mudaron os tempos e as vontades?

E que pasaría se alguén propuxese que TVE se representase cunha canción en catalán ou en éuscaro ou en aranés ou en asturiano ou en tamazigh de Ceuta ou en portugués de Olivenza-Badaxoz ou en galego da Fonsagrada TDT?

A irlandesa Sandi Jones cantou en gaélico no 72 en Edimburgo. Francia, país moi pouco dado a recoñecer a diversidade lingüística, mandou no 96 unha voz doce que cantou en bretón unha balada de mensaxe ben fermosa na que se lle pedía ás nais bretoas que criasen os seus fillos nese idioma. Tempos houbo en que Suíza e Bélxica rotaban escrupulosamente as súas linguas para representarse en Eurovisión. Non pode algo así seguir sendo unha fermosa utopía para nós.

Podemos quedar últimos en inglés, que non pasa nada, pero como alguén insinúe a posibilidade de probar sorte noutro dos nosos idiomas, seguramente fervan as ondas divinas e humanas, ondee a bandeira de Trillo con bágoas nos ollos por un estado que rompe e almorcemos cada maña coas letanías xa sabidas.

Tampouco é que a min me quite o sono Eurovisión, pero é algo que me entra pola fiestra ano tras ano e gustaríame que cambiase de cara de vez en cando.

Máis me amola aínda que non lle fagamos o caso debido ó Liet, ese festival alternativo para as linguas silenciadas que se celebra bianualmente, onde o galego sacou peito con Anubía no 92, Uxía no 94 e Narf, que quedou segundo cos ritmos mesturados do seu “lento lamento do temporal” na última edición. Case nada.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Ah, pero a metade do chiki chiki está en inglés? E a outra metade en que está? Eu cría que estaba nalgunha lingua minoritaria, pero ben minoritaria.

Anónimo dixo...

o peor e que en Eurovision ... a musica subordinase ó espectaculo ... en fin que quero musica de narf e non sei por onde conseguila (legalmente, por suposto)

Carlos Andina dixo...

Ola Suso.

Que e eso de "blodimeri"?Non me sona de nada.
Tampouco sabía que se houbese cantado en gaélico nin en bretón.

Aínda que se me escapen algunhas cousas gustoume pero máis divertido foi o de Fraga.

Ata mañá(Viernes)

Anónimo dixo...

blodimeri foi a cancion que cantaron as ketchup, non perdiches nada por q desafinaron o q lles deu a gana.

Por cantar tamén se cantou en idiomas inventados como a canción "sanomi" de Urban Trad (Bélxica 2004)