O seleccionador español, Luís de la Fuente, acaba de facer pública a relación de futbolistas para o próximo partido. Entre eles, como vén sendo habitual, está David Vivian (así, con acentuación grave), do Atletic de Bilbao. O seu avó era natural de Ourense e, sendo así, é máis que probable que o apelido do defensa fose en orixe Vivián (con acentuación aguda), apelido que ten aínda hoxe presenza en varios concellos ourensáns e tamén na cidade de Vigo, a onde é ben sabido que buscou o mar moita xente de Ourense. Pode ser esclarecedor darlle un vistazo ó mapa do apelido na Cartografía dos apelidos galegos. Pero os locutores -e non sei se o propio xogador- ignoran esa circunstancia e teremos que escoitar outra vez o seu apelido coa acentuación deturpada, mancando nos oídos cada vez que toque o balón.
Xa pasou con Pablo Insua, nado en Arzúa, que empezou a ser mencionado como Insúa (con tonicidade no "u") cando abandonou o Dépor e saíu de Galicia para ir ó Leganés e despois a outros equipos (Shalke 04, Huesca, Sporting de Xixón e Granada). Os locutores mencionábano sempre como Insúa e así aparecía tamén na escrita en moitos medios, por máis que a forma correcta sexa Insua.
Hai un rapaz de Bertamiráns que, despois de medrar na canteira do Dépor, fixo as maletas camiño do Leipzig, en Alemaña. Tras algunhas cesións a equipos de Suíza e dos Países Baixos, recalou no Alavés, onde estivo esta temporada. Tamén formou parte da selección galega e de distintos combinados da española non absoluta. Sempre nos falan del como Hugo Novoa, con acentuación grave. Téñolle oído a Gonzalo Navaza explicar que a forma xenuína é a esdrúxula, Nóvoa, e así se conserva nas terras do Ribeiro, de onde é orixinario, mentres que vai aparecendo a variante coa acentuación alterada, Novoa, a medida que imos deixando atrás barras de bar co pouso da treixadura no fondo das cuncas.
Non sei se os antepasados de Álvaro Carreras, xoia ferrolá do Benfica que medrou lonxe do Madrid e agora seica queren recomprar, serían en realidade Carreiras ou se a súa estirpe estará fóra do país. O certo é que a área onde máis presenza ten o apelido Carreiras non anda lonxe de Ferrol, así que o máis probable é que nalgún momento alguén decidise suprimir o "i", seguramente por aforrar tinta e tempo, que ninguén ten nada en contra do galego, ho!
Triste país este onde ata perdemos a lingua cada vez que o árbitro chifra o comezo do partido.