Portada do libro |
Entre os vellos papeis que Mamé conserva dos seus devanceiros, hai un exemplar de D’a Terra de Manuel Canto Lorido. Así descubrín eu este poeta, do que nunca oíra falar.
Investigando un pouco, souben que naceu en Riotorto, que en 1918 era mestre en San Miguel de Reinante e que despois exerceu na Pontenova. En San Miguel dirixiu o xornal El Eco de San Miguel, que chegou a ter subscritores alén mar.
D’a Terra imprimiuse en 1918 na imprenta Mancebo de Mondoñedo, cando o autor aínda non cumprira vinte anos. Aínda que Canto Lorido se declara admirador do xenio de Curros e de Cabanillas, nos 23 textos que compoñen o libro (22 poemas e un conto final) predomina o costumismo.
Poema dedicado a Cabanillas |
Tamén canta algún episodio que debeu ser sonado na época, como é a botadura no barco Electra na ría de Foz, poema ó que se atopan algunhas alusións na prensa recente.
Fragmento do poema mencionado |
Canto á lingua, trata de reproducir a fala da súa zona, como fixeron outros naquel tempo, segundo confesa o propio Canto nunha introdución “Par’o leutor”:
Non retrato a Galicia ô xeito nin co-a fala de Rosalía nin Pondal, senón n-a maneira de falar que teñen n-a terra donde Noriega Varela -poeta castizo hastra na-mais- bebeu a inspirazón cando pubricou o seu libro “Montañesas”.
Así mesmo, anuncia a próxima publicación doutro libro titulado Aluaradas d’a aldea se D’a terra ten boa acollida. Fose porque a acollida de D’a terra non foi a esperada ou por outro motivo, non temos noticias de que tal libro chegase a editarse.
Despois do seu destino na Pontenova, non sabemos que foi do Manuel Canto Lorido mestre nin do poeta. Tampouco temos noticia de El Eco de San Miguel, o xornal que dirixiu e que nos gustaría poder consultar.
--------------------------------------------
(IMAXES por xentileza de Mamé, que nos permitiu fotografar o libro)