Hai quen di que o declive dunha empresa empeza o día en que rompe un cristal da nave e ninguén se preocupa por repoñelo. Parece ser que ese pequeno detalle, aparentemente insignificante, é un indicio da decadencia inevitable, aínda que outras circunstancias parezan indicar boa saúde.
Se aplicamos iso ó trato que a Consellería de Educación lle dá á lingua galega, a conclusión é preocupante: centros de ensino novos con con rótulos de SALIDA en castelán coma se non existisen no mercado en galego; ascensores novos que só teñen audio en castelán, habendo tamén oferta en galego; erros de lingua en ferramentas que se lle facilitan ós centros (Aula Virtual, espazo web...); recursos en castelán no repositorio Abalar para materias que deben impartirse en galego... Xa teño falado diso noutros lugares.
O último cristal roto é o Protocolo COVID, que se fixo público o día seguinte ás últimas eleccións. Máis alá das discrepancias que poida haber en relación co seu contido, trátase dun documento impresentable desde o punto de vista lingüístico: desde o CONTENIDO que encabeza o índice ata os planos con modelos de distribución das aulas, rotulados integramente en castelán, pasando por moitos outros erros que detectaría calquera alumno de secundaria medianamente preparado.
![]() |
Fragmento do índice do Protocolo |
Poderase dicir que eses son pequenos detalles no medio dun problema como o do coronavirus e nun conxunto tan amplo como é o labor da Consellería, pero o certo é que son xa demasiados cristais rotos.