Manuel García "Galano". Foto collida de https://arribada.wordpress.com/2009/09/09/arribada-2009-entrevista-nel-semanariu-les-noticies-a-manuel-garcia-galano-pola-mor-de-la-concesion-del-premiu-timon/
Vaise indo agosto levando consigo cada día uns minutos de
luz. E cos últimos días de agosto fóisenos tamén a luz de Manuel García Sánchez, “Galano”.
Non se me dan nada ben as necrolóxicas e non pretendo que isto sexa tal cousa. Tan só unha mostra de afecto debida a quen me dedicou atención e agarimo cando o precisei.
Era tamén unha tarde de agosto cando Galano me acolleu na súa casa
de Tapia, atendendo a miña solicitude de ter con el unha xuntanza para redactar
o capítulo que lle dediquei en A herdade que nós temos (p. 94). Foron unhas agradables horas de conversa pausada, que interrompía de vez en cando para agradecerme o meu interese polo seu labor, que, segundo el, carecía de importancia. Aínda por riba!, cando o privilexiado era eu por contar coa súa colaboración.
Foi revisando con calma os cartafoles onde gardaba textos e tivo
a deferencia de agasallarme con dous inéditos para engadir á súa reseña
biográfica. Preferiuno el así, que fosen inéditos.
Non ha ser moi chorado Galano no mundo das letras galegas porque o seu labor continuado por manter vivas as palabras de noso no occidente de Asturias seguramente non chegou a todos os recantos ós que debería chegar. Eu chorar tampouco choro, que hoxe non teño o día, pero si que lamento profundamente a perda de quen tan ben me tratou.
Xoán Babarro contribuíu a difundir este autor eonaviego, acupándose
da obra de Galano na súa tese de doutoramento sobre O galego de Asturias,
defendida en 1994 e publicada en 2003. Tamén se encargou da edición caseira doutros sainetes seus para nenos na colección Os Teixedais, da que algún día falarei.
Posteriormente chegaríanlle os recoñecementos institucionais
desde Asturias: en abril de 2006 nomeárono fillo predilecto de Tapia, en maio
dese mesmo ano a ALLA nomeouno académico de honra, etc. Máis vale tarde ca nunca, seica.
Aínda que na rede é posible atopar todo isto e maís, deixo aquí uns datos elementais para quen non coñeza a obra de Manuel García "Galano":
Galano, nacido na Roda (Tapia) en 1922, participou activamente en moitas iniciativas culturais da comarca e colaborou en diversas publicacións. En 1979 cofundou o grupo de teatro Ameicer, que dirixiu ata 1994, e que representou a maioría dos seus sainetes. En 1993 agrupou once deles nun único volume que se publicou co título de Mareaxes tapiegos. No 2000 publicou outro seis co título de Erguendo el telón. A Academia de la Llingua Asturiana editoulle no 2005 as súas colaboracións na revista Entrambasauguas. nun volume titulado Vento d’Outono. |
Del toupo non sei nada. Sei que fuza, que fuza por cuando vai chuver. Cuando fai un montón de tierra, que fuza pa riba, dicen: "Mira, vai chuver, que fuza el toupo". [X. Babarro (2003): O galego de Asturias]
Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
30.8.16
No falecemento de Manuel García "Galano"
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)