Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.1.13

E dará igual, ho!

Pasou hai dous días. Falaba eu co responsable dunha funeraria:
- E non terá por aí un B para poñer nun "Rivadeo" que está alí con V?
- E dará igual unha cousa cá outra, ho!
- Home, igual non dá. Ese V manca os ollos.
O tipo miroume coma quen mira un neno encaprichado. Foi indo cara as coroas e os ramos que rodeaban o féretro de meu pai e púxose a remexer por alí. Achegueime e ensineillo:
- É este. Encargárono os meus compañeiros de traballo.
Pensei que ía amañar o asunto, pero non foi así. Alí seguiu durante horas o ramo coa súa cinta IES DE RIVADEO, ata que marchamos. Aquel V sobreviviu toda a intensa nevada do martes, que deixou o Candán branco coma as montañas das postais que meu pai me mandaba desde Suíza naqueles vinte anos de emigración. Desde o cemiterio vese ben.

Eu non lle volvín dicir nada ó funerario, que non tiña o corpo para moitas lerias -e tivo sorte de que Tania non o coñecese-, pero agora que o penso entristéceme a súa insensibilidade e non quero nin pensar como valorará ese home o labor dos docentes que se esforzan cada día por conseguir que o seu alumnado use a lingua con corrección. É ben triste que dea igual unha cousa cá outra. Así nos vai.