Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

30.7.09

Naipe de sangue



De pequeno traguei ducias de noveliñas de Marcial Lafuente Estefanía e penso que aprendín delas moitas cousas boas. Aprendín, por exemplo, que ás veces non é mala cousa darlle unhas pedradas, sen mancar moito, a quen as merece. Clint Eastwood faino de vez en cando e non lle vai tan mal.

Perdinlle a pista a estas novelas cando fun medrando e deixei de velas á venda, pero aínda non hai moitos anos que merquei de novo unha en Mérida, ó dar con ela nun kiosco.

Con ese espírito positivo e libre, lin con devezo hai anos Por unha presa de machacantes, de Isidro Novo, e lembro aquel momento xenial no que un personaxe lle di a outro algo así como "Ou me contas todo o que sabes ou che poño un disco enteiro de Ana Kiro". A ver quen se resiste.

Por iso me alegra moito que se empece a facer cine do oeste en Galicia. A este paso aínda imos acabar sendo un país normal.

Máis nada, que vou dar unha voltiña pola serra do Galiñeiro, a ver se queda un cabalo libre.

24.7.09

A boca pobre. O país pobre

(...)
Xuntámonos todos no interior da escola, unha cabana pequena e fea na que a chuvia baixaba polas paredes e todo estaba amolecido e húmido. Sentamos nos bancos sen que ninguén dixese nin pío por temor ó mestre. Os seus ollos malévolos pasaron sobrevoando por toda a clase ata que se pousaron en min e así permaneceron fixos. Por todos os santos! Non me gustou nada sentir a súa mirada, aqueles ollos esculcándome. Despois sinaloume cun dedo longo e amarelado, e dixo:
- Pwat is yer nam?

Eu non daba entendido ese xeito de falar seu nin ningún dos que se usan no estranxeiro, pois o gaélico era o meu único medio de expresión e a miña defensa contra as dificultades da vida. Só souben quedar mirándoo fixamente, mudo de medo. Entón vin que lle viña un grave ataque de cólera que medraba e medraba coma se fose unha nube cargada de auga.

(...)
- Pois mira –dixo- ¿non comprendes que son os gaélicos os que ocupan esta parte do país e non poden escapar ó seu destino? Sempre se dixo e escribiu que a todos os pobres nenos gaélicos se lles pega o primeiro día de colexio porque non entenden o inglés nin as formas estranxeiras dos seus nomes, e que ninguén os respecta por seren gaélicos ata a medula. Non hai outra actividade no colexio ese día que os castigos cargados de vinganza e sempre a mesma parvada de Jams O’Donnell. Ai de min, non creo que nunca cheguen a acadar os gaélicos unha boa situación, senón penalidades sen fin.

(...)
- Vállame Deus -dixo-, souben que o goberno británico vai facer un gran labor polo ben dos pobres deste lugar –esteamos todos sans e salvos nesta casa!-, e dise que pagará dúas libras ó ano por cada neno noso que fale a lingua inglesa en vez deste gaélico de ladróns. Queren que abandonemos o gaélico, loados sexan sempiternally! Non creo que cheguen a alcanzar os irlandeses unha boa situación mentres lles sexa natural habitar casas pequenas nun recanto do val, moverse entre suxa borralla, pescar de cote na continua tormenta, relatar historias de noite sobre as penalidades e penurias dos gaélicos en doces palabras gaélicas...

- Ai de min! –exclamou miña nai-, que non teño máis ca un fillo, ese caso perdido que está aí co cu pegado ó chan.

- Entón –dixo o Vello-, debes ter máis ou quedarás sen paga.
(...)
- Vállame Deus –dixo-, antes de que rompa o día seremos familia numerosa, e gañaremos dúas libras por cabeza.

- Ocorren cousas sorprendentes no mundo –dixo miña nai- pero non espero nada semellante e nunca oín que se poida formar familia numerosa nunha noite.

- Non esquezas –contestou o Vello- que está Sorcha.

- Sorcha! Que cousas dis! –dixo miña nai abraiada. Eu saltei de sorpresa o oír o nome da porca.

- Pois si, ela e non outra –dixo el-. Sorcha xa ten un montón de fillos, e todos eles cunha voz do máis potente aínda que o seu dialecto nos resulte incomprensible. Quen de nós pode asegurar que non é en inglés como conversan entre si? Xa se sabe que os nenos e os ranchiños teñen todos os mesmos costumes, e ten en conta o extraordinario parecido que hai entre a pel duns e a dos outros.

- Iso está ben pensado –dixo miña nai- pero será preciso facerlles un traxe antes de que chegue o inspector para examinalos.

- Será absolutamente necesario –repuxo o Vello.

Flann O’Brien: A boca pobre

Seica xa hai quen anda buscando porcos. Cos traxes non hai problema, que os regalan.

17.7.09

Produtos galegos de confianza

Como as cousas andan tortas, sobre todo para os produtores de leite, agora ninguén se corta á hora de reclamar que consumamos produtos nosos, sempre que se poida, e non importados. A idea vale ata para os Citroen, que se dan moi ben á beira do Lagares; non coma os Audi, que os hai que traer de fóra porque o clima de aquí non lles presta.

Suponse que así amañamos un pouco os petos da xente e, de paso, consumimos produtos de confianza. Hai quen argalla outras ideas co gallo de buscar a confianza do cliente: disque a nova moda entre os restaurantes galegos é ter unha hortiña detrás do negocio, onde poder cultivar os seus propios produtos, de xeito que lles poidan ofrecer ós clientes a comida que eles mesmos obteñen.

A min paréceme ben, pero tamén hai quen se pasa. Con isto da confianza no produto, hai restaurantes nos que che veñen amosar á mesa o rodaballo ou o lumbrigante que vas comer pouco despois. Que pretenden? Que botes unha parrafada co bicho, que te fagas amigo del e que despois lle metas o dente a traición?

Houbo un tempo no que a min se me pasaba pola cabeza montar na sala da casa un acuario para o marisco, coma os que hai nos restaurantes. Pero deixei a idea precisamente porque tiña medo de encariñarme cos centolos e despois non ser capaz de metelos ó pucheiro sen remorsos, nin sequera botándolles loureiro para anestesialos.

Para confianza no produto, e xa que a cousa vai de hortas, nada coma o que se contaba da muller de Belisario do Burgo, con moita sona pola richada que facía e tamén polo seu mal xenio.

Disque unha vez chegaron uns clientes para cear e un deles preguntoulle se lles facía unha ensalada.

- Fago, pero ti vas buscar a leituga á horta, que eu xa puxen as zapatillas e non penso mollar os pés no orballo pola vosa ensalada. E sacúdelle ben a terra e as lermes, non mas vaias traer para dentro.

El foi e ela fixo a ensalada. Cuestión de confianza.

Se cadra, etiquetar os produtos en galego tamén daba confianza, pero iso igual parece cousa de radicais.

NOTA
:
Lermes: lesmas, limachas. Os que somos de onde somos, ás veces falamos con rotacismo.

11.7.09

A Igrexa e o galego

No mosteiro de San Rosendo de Celanova saquei onte esta foto.

Non é que me preocupen a min especialmente os asuntos da Igrexa, pero sempre é bo ver que usa o galego, sobre todo se ese compromiso se manifesta colgado nos mesmos muros onde estaba encerrado Celso Emilio cando pensou aquelo de

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
(...)

I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

É de supoñer que tamén a misa que se anuncia sexa en galego. Non o sei.

2.7.09

Falar galego é noticia - III

GEMMA FABEIRO
FOTO: V. Mejuto
Teño abandonada desde hai tempo esta sección, aínda que gardo material para engordala (a sección, non a modelo), e tirando de arquivo, lembro hoxe unha noticia de setembro de 2006 (Voz de Galicia) na que se daba conta dunha modelo galega que rexeitaran na pasarela Cibeles por fraca.

De paso que nos informa deste feito, o redactor lémbranos que "Gemma Fabeiro vive en Madrid desde hace dos años y medio, en un piso que comparte con una azafata, también de origen gallego, con la que asegura que siempre habla en el idioma de la tierra".

É incrible: unha galega que fala galego, aínda en Madrid e sendo modelo!

Eu non sei como llo permiten..., se é que aínda llo permiten, tres anos despois e coa que está caendo. Aínda nolo ha de impoñer a todos!

26.6.09

Mulleres na memoria

Está todo dito aquí.

(Para contrastar, mentres subo isto saboreo un Suso de laranxa recén chegadiño de Inglaterra. Graciñas.)

21.6.09

A lingua do río e dos montes

- O que se goberna non é a barca, é o río. Trátase de coñecelo e saber seguir os rumbos que traza. A barca vai ela sóa. Iso foi o que me ensinou o barqueiro.
Marqués sorriu. Era un sorriso nervioso, un sorriso inesperado. Sorriu porque se decatou de que Cordel falaba noutro idioma. Non era só que Cordel falase o crioulo da fronteira co que el aínda se estaba familiarizando. Cordel falaba o idioma do río. Foi quizais decatarse de que el non participaba do idioma do río o que lle fixo percatarse do tamaño do seu empeño. Non eran palabras desa linguaxe o que lle era descoñecido, era outra cousa.
XELÍS DE TORO: Riofero. (2008)


A segunda advertencia é: en que lingua debo contar esta historia? Que ninguén pense que os fontamareses falan italiano. Para nós, a lingua italiana é unha lingua que se aprende na escola, como poden ser o latín, o francés, o esperanto. Para nós, a lingua italiana é unha lingua estranxeira, unha lingua morta, unha lingua cun dicionario, cunha gramática que se formaron sen ningunha relación connosco, co noso modo de actuar, co noso modo de pensar, co noso modo de expresarnos".SILONE, Ignazio: Fontamara (1930)
Fontamara é unha novela antifascista ambientada nas montañas dos Abruzzos italianos. Na última Semana Santa, o tesouro histórico máis prezado deste territorio, L’Aquila, derrubouse a causa do terremoto e supoño que os seus habitantes aínda estarán de camping, e non precisamente en Villa Certosa, de balde nin pagando.

Non sei que pasaría co río fero de Xelís. Non sei que vai pasar co río do noso país, porque temos xente gobernando a barca pero non coñecen o río nin distinguen o idioma propio dos que non o son.

NOTA
:
Tradución do fragmento de Fontamara: Eva Moreda.

11.6.09

A consulta ás familias

Non pensaba dedicarlle nin unha liña ó tema da consulta ás familias porque diso xa fala todo o mundo, pero vendo o que está pasando, non dou coutado os dedos, que se están tirando de cabeza ó teclado. Pero serei breve:
- A enquisa é unha parvada que non sei en que mal parto naceu.
- Aínda que é unha parvada, ten moi mala uva e moi malas intencións.
- A bromiña seica vai custar 200.000 €. Iso debe ser máis ou menos un Audi.
- Os intentos que está habendo para que non se facilite información adicional ás familias son vergonzosos e impropios dun sistema democrático.
- Se alguén ve intento de manipulación no tríptico que a coordinadora de equipos de normalización lingüística está distribuíndo debería pensar seriamente na súa saúde mental. Na miña vida vin cousa máis aséptica.
- Xa estou sendo capaz de controlar os dedos. O asunto non merece máis esforzo, nin máis enlaces, nin negriñas, nin tan sequera imaxe.

ENGADIDO
: A mellor proba de que cómpre impulsar o noso idioma é que na versión en galego do impreso da consulta hai faltas de ortografía.

10.6.09

Medra o Foro Peinador

Os nosos deputados andaron hoxe a pedradas no Parlamento pola modificación da Lei da Función Pública. Coa nova norma, segundo un tal Antonio Rodríguez Miranda, 27.706 aspirantes van exercer a súa liberdade lingüística e facer os exames para ingresar na administración pública no idioma que desexen. Se con isto facemos 27.706 persoas felices aínda non hai moito que obxectar, que o que perdemos en cultura aforrámolo en sanidade. Pero...

E cando uns cantos tipos deses xa estean na administración pública, ¿eu vou poder exercer a miña liberdade lingüística ou vou ter diante uns felices analfabetos en galego?

Mentres tanto, en Lestrove tiña lugar un encontro entre membros do Foro Peinador e representantes de oito novas empresas, que o vindeiro día 24 asinarán un convenio para iniciaren un proceso de galeguización das súas actividades. No acto estivo presente tamén a Subdirectora Xeral de Política Lingüística.

Moito me alegra esta noticia, porque non é novidade ningunha a importancia que eu lle dou ó mundo empresarial e ó económico en xeral no proceso de normalización lingüística, ata o punto de que creo que prefiro un empresario punteiro e prestixioso comprometido co galego antes ca un profesor de materias troncais –que seica son as que importan, segundo Feijoo e GB- balbuceando raíces cadradas nun idioma que non domina nin quere dominar, aínda que cobre por sabelo.

O propio Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, manifestou a propósito doutro convenio que acaba de asinar coas editoriais, que “o ámbito da normalización non debe centrarse só no ensino”. Perfecto. Iso sábeo calquera que non sexa sociolingüisticamente analfabeto.

A pregunta é: E logo por que demo volveron vincular o responsable de Política Lingüística á Consellería de Educación?

5.6.09

Antonio Fernández y Morales

A SERIE EMPEZA AQUÍ Antonio Fernández y Morales naceu en Astorga o 17 de setembro de 1817. De pequeno trasladouse a Cacabelos e ós 17 anos comezou a carreira militar. No desempeño desta profesión, acabou participando en varias batalliñas. Ata agora nada de particular. Xente así ou similar houbo moita.

Nunha estancia en Vilafranca do Bierzo coñeceu ó filólogo catalán Mariano Cubí i Soler, que o animou a escribir poesía en galego. Así naceu o seu libro Ensayos poéticos en dialecto berciano composto por 8000 versos repartidos en 16 poemas. Algo de particular? Depende... xente así xa non houbo tanta.

Pero se temos en conta que o seu libro se publicou en 1861 a cousa xa cambia ben e descubrimos que estamos ante unha figura absolutamente excepcional no seu tempo.

Estamos cansos de oír e dicir que o primeiro libro publicado integramente en galego foi Cantares Gallegos de Rosalía (1863), pois isto non sería certo se non fose porque Fernández y Morales icluíu un, un só poema bilingüe galego-castelán a carón dos outros 15 escritos unicamente en galego.

Ou sexa, por medio poema non se lle adiantou Morales a Rosalía no mérito de encetar a andaina do Rexurdimento. Moi inxusto é, xa que logo, que se descoñeza tanto a súa figura e que non apareza o seu nome en case ningún sitio. Para dalo a coñecer, cada ano por estas datas celébrase unha xuntanza en Cacabelos que inclúe sempre un acto en honra de Morales, ante a súa tumba. Nunca falta o entusiasmo de Quique Costas nin os versos de Anxo Angueira, que xunto cos amigos bercianos de Xarmenta realizan un labor de difusión ben meritorio.

Parece ser que Barreiro xa aceptou telo en conta para un Día das Letras Galegas. Que non tarde, non sexa que alguén decida facer unha consulta entre as familias e se decida suprimir esta data. Coa ganiña que eu teño de que me pregunten outras cousas!
CONTINÚA

1.6.09

O país das bestas

Os escritores eonaviegos seguen engordando o noso corpus literario. Se hai pouco era Belén Rico quen publicaba un libro, o próximo sábado, día 6, preséntanse simultaneamente dúas novas obras.

Na Casa das Letras de Ribadeo, Eva Moreda presenta O país das bestas. O proxecto desta novela fora finalista da primeira edición do premio Biblos-Pazos de Galicia, pero despois por motivos laborais non a puido rematar a tempo.

Agora podemos por fin desfrutar desta obra, a primeira –que eu saiba- do noso sistema literario co tema da rapa das bestas como fondo. Con todo, non se trata, como a propia Eva indica, da novela sobre a rapa, senón dunha historia de rivalidade entre comuneiros e besteiros vista desde os ollos dunha muller de orixe urbana que descobre un mundo rural que percibe fragmentado, ás veces contraditorio e ás veces violento.

Saudamos a reaparición de Eva na nosa literatura –recentemente foi tamén finalista do premio Murguía de narrativa-, onde sabemos que ten moito que aportar e onde lle desexamos, máis ca sorte, xustiza. Sendo así, o seu éxito está asegurado.

O mesmo día, en Santiso de Abres, Aurora García Rivas presenta La flauta del sapo, un poemario en castelán.

Dúas obras distintas para ler agora que vai vindo o sol na beira norte.

25.5.09

Cans, coelhos e conejos

COELHOS E CONEJOS
O festival de Cans levoume a dar unha volta polo sur, á raia. Como ía con tempo, na Cañiza decidín saír do país. Crucei por Arbo a Portugal e fun en paralelo ó Miño cara ó oeste. En Monçao, pouco antes de atravesar de novo para a beira norte do río, pasei ó lado dun galpón (un saúdo para Alex-ghalpón!) e vinlle un letreiro:

VENDEMOS COELHO
VENDEMOS ESTRUME DE COELHO


Despois de cruzar o río, paseei por Salvaterra e batéronme os ollos nun rótulo dunha carnicería:

HAY CONEJO

Seica saín do país, pero non sei moi ben cando estiven dentro e cando fóra.

CANS E GATOS
O festival de cine de Cans empezou sendo unha broma duns cachondos mentais e resultou ser unha xenialidade.

Alfombras vermellas nos camiños que levan ás palleiras, chimpíns glamurosos ataviados con flores de xesta , globos de helio á altura das chemineas indicando o lugar das proxeccións, o cadeliño amarelo pendurado dos postes e dos balcóns, miles de persoas, famoseo bicando a Terra que lle deu vida, música da que tronza o peito...

Quixera ser gato para amarte sete veces! -berrou na noite Ce orquestra pantasma, que arrancou así a festa, con xenio, falando de amor e morte.

Dá gusto ver o rural vivo e moderno sen perder a esencia. Agora que sae en todos os medios de comunicación do Estado, cómpre que os da asociación Arela e os veciños todos, artífices do milagre, sexan capaces de controlar o evento, que non se lles escape das mans, que sigan conseguindo que os veciños da parroquia se sintan orgullosos do seu festival.

Angelina e Brad xa virán a petición propia cando saiban o que hai.