Os días 26 e 27 de xullo tiveron
lugar en Ribadeo as XV Xornadas de Historia Local, promovidas pola Asociación
Cultural Francisco Lanza, que nesta ocasión tiveron como tema “Comarca do Eo.
Unha historia común”.
 |
| Cartel das XV Xornadas de Historia Local, Ribadeo, 2017 |
Na primeira sesión Ángel Prieto Souto, de Santiso de Abres, falou de “A cultura como valor económico”. O segundo día correspondeulles a quenda a Quique Roxíos e a Héctor Acebo, que participaron nunha charla-coloquio co título de “A comarca do Eo, unha soa lingua”, que tiven a honra de moderar. Rematou a xornada con música a cargo de Toyemerendas, o último grupo promovido por Abel Pérez, da Veiga, onde segue contando coa voz de Ruth Martín, que xa estaba en Folkgazais.
 |
| Quique de Roxíos e Héctor Acebo. No medio, o moderador |
 |
| Actuación de "Toyemerendas" |
A comezos de xullo, onde o río Eo
deixa a un lado a parroquia de Abres (A Veiga - Asturias) e a outro a de Ría de Abres
(Trabada - Galicia), tivo lugar unha nova edición do festival
Eu son Eo, un encontro coorganizado polos dous
concellos, no que durante dous días hai, ademais de actuacións musicais,
outras actividades que poñen en valor a cultura común das dúas bandas do río.
 |
| Cartel de "Eu son Eo", 2017 |
En xuño, o xa mencionado
Quique Roxíos, resultou gañador do certame poético
Anduriña voandeira, convocado pola
Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. O poeta asturiano de Bual, agora afincado en Donosti, presentou unha obra en galego que enviou baixo o título de
Personaxe descoñecido.
Cóntanos os detalles el mesmo no seu blog.
Sabemos que
Héctor Acebo, xornalista de Santiso de Abres,
ten tamén preparado un poemario en galego que esperamos ver pronto editado. Mentres, confórtanos ler as súas habituais colaboracións en galego en
La comarca del Eo e no suplemento "A Mariña", do xornal
El Progreso.
En abril,
Quique Roxíos -nos últimos tempos non para- organizou na súa casa natal unha xuntanza de máis dunha ducia de persoas con
ideas diferentes pero con sensibilidade cara á lingua e cultura da comarca.
Parece ser que a intención é avanzar por ese camiño, buscando puntos de
encontro que beneficien a causa xusta da defensa do galego do occidente de Asturias. O propio Quique redactou a crónica dese evento para a sección "Voces" da web de
Prolingua.
Máis alá aínda, en Xixón, seica anda nos últimos tempos o asturiano de Xío
Xosé Rico e o galego de Ribadeo
Toni Deaño facendo microteatro polos
bares, representando con éxito en galego fragmentos de
Fridom Spik de
Jaureguízar. Cónstame que o feito de que o espectáculo sexa en galego non
impide que o público o acolla favorablemente e se mate a rir. A ninguén se lle
ocorre falar de colonización.
 |
| Portada de "Fridom Spik", de Jaureguízar |
Son, se cadra, pequenos chanzos e
está por ver a súa repercusión na convivencia da zona e no compromiso coa
cultura común, pero un prefire interpretalos como síntomas de normalidade
fronte ás augas interesadamente avoltas que baixaban hai só uns anos, cando
parecía un día si e outro tamén que a raia que alguén pintou un día no mapa entre
Asturias e Galicia era o Mississipi que ninguén debía atreverse a cruzar.