Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.6.09

Mulleres na memoria

Está todo dito aquí.

(Para contrastar, mentres subo isto saboreo un Suso de laranxa recén chegadiño de Inglaterra. Graciñas.)

21.6.09

A lingua do río e dos montes

- O que se goberna non é a barca, é o río. Trátase de coñecelo e saber seguir os rumbos que traza. A barca vai ela sóa. Iso foi o que me ensinou o barqueiro.
Marqués sorriu. Era un sorriso nervioso, un sorriso inesperado. Sorriu porque se decatou de que Cordel falaba noutro idioma. Non era só que Cordel falase o crioulo da fronteira co que el aínda se estaba familiarizando. Cordel falaba o idioma do río. Foi quizais decatarse de que el non participaba do idioma do río o que lle fixo percatarse do tamaño do seu empeño. Non eran palabras desa linguaxe o que lle era descoñecido, era outra cousa.
XELÍS DE TORO: Riofero. (2008)


A segunda advertencia é: en que lingua debo contar esta historia? Que ninguén pense que os fontamareses falan italiano. Para nós, a lingua italiana é unha lingua que se aprende na escola, como poden ser o latín, o francés, o esperanto. Para nós, a lingua italiana é unha lingua estranxeira, unha lingua morta, unha lingua cun dicionario, cunha gramática que se formaron sen ningunha relación connosco, co noso modo de actuar, co noso modo de pensar, co noso modo de expresarnos".SILONE, Ignazio: Fontamara (1930)
Fontamara é unha novela antifascista ambientada nas montañas dos Abruzzos italianos. Na última Semana Santa, o tesouro histórico máis prezado deste territorio, L’Aquila, derrubouse a causa do terremoto e supoño que os seus habitantes aínda estarán de camping, e non precisamente en Villa Certosa, de balde nin pagando.

Non sei que pasaría co río fero de Xelís. Non sei que vai pasar co río do noso país, porque temos xente gobernando a barca pero non coñecen o río nin distinguen o idioma propio dos que non o son.

NOTA
:
Tradución do fragmento de Fontamara: Eva Moreda.

11.6.09

A consulta ás familias

Non pensaba dedicarlle nin unha liña ó tema da consulta ás familias porque diso xa fala todo o mundo, pero vendo o que está pasando, non dou coutado os dedos, que se están tirando de cabeza ó teclado. Pero serei breve:
- A enquisa é unha parvada que non sei en que mal parto naceu.
- Aínda que é unha parvada, ten moi mala uva e moi malas intencións.
- A bromiña seica vai custar 200.000 €. Iso debe ser máis ou menos un Audi.
- Os intentos que está habendo para que non se facilite información adicional ás familias son vergonzosos e impropios dun sistema democrático.
- Se alguén ve intento de manipulación no tríptico que a coordinadora de equipos de normalización lingüística está distribuíndo debería pensar seriamente na súa saúde mental. Na miña vida vin cousa máis aséptica.
- Xa estou sendo capaz de controlar os dedos. O asunto non merece máis esforzo, nin máis enlaces, nin negriñas, nin tan sequera imaxe.

ENGADIDO
: A mellor proba de que cómpre impulsar o noso idioma é que na versión en galego do impreso da consulta hai faltas de ortografía.

10.6.09

Medra o Foro Peinador

Os nosos deputados andaron hoxe a pedradas no Parlamento pola modificación da Lei da Función Pública. Coa nova norma, segundo un tal Antonio Rodríguez Miranda, 27.706 aspirantes van exercer a súa liberdade lingüística e facer os exames para ingresar na administración pública no idioma que desexen. Se con isto facemos 27.706 persoas felices aínda non hai moito que obxectar, que o que perdemos en cultura aforrámolo en sanidade. Pero...

E cando uns cantos tipos deses xa estean na administración pública, ¿eu vou poder exercer a miña liberdade lingüística ou vou ter diante uns felices analfabetos en galego?

Mentres tanto, en Lestrove tiña lugar un encontro entre membros do Foro Peinador e representantes de oito novas empresas, que o vindeiro día 24 asinarán un convenio para iniciaren un proceso de galeguización das súas actividades. No acto estivo presente tamén a Subdirectora Xeral de Política Lingüística.

Moito me alegra esta noticia, porque non é novidade ningunha a importancia que eu lle dou ó mundo empresarial e ó económico en xeral no proceso de normalización lingüística, ata o punto de que creo que prefiro un empresario punteiro e prestixioso comprometido co galego antes ca un profesor de materias troncais –que seica son as que importan, segundo Feijoo e GB- balbuceando raíces cadradas nun idioma que non domina nin quere dominar, aínda que cobre por sabelo.

O propio Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, manifestou a propósito doutro convenio que acaba de asinar coas editoriais, que “o ámbito da normalización non debe centrarse só no ensino”. Perfecto. Iso sábeo calquera que non sexa sociolingüisticamente analfabeto.

A pregunta é: E logo por que demo volveron vincular o responsable de Política Lingüística á Consellería de Educación?

5.6.09

Antonio Fernández y Morales

A SERIE EMPEZA AQUÍ Antonio Fernández y Morales naceu en Astorga o 17 de setembro de 1817. De pequeno trasladouse a Cacabelos e ós 17 anos comezou a carreira militar. No desempeño desta profesión, acabou participando en varias batalliñas. Ata agora nada de particular. Xente así ou similar houbo moita.

Nunha estancia en Vilafranca do Bierzo coñeceu ó filólogo catalán Mariano Cubí i Soler, que o animou a escribir poesía en galego. Así naceu o seu libro Ensayos poéticos en dialecto berciano composto por 8000 versos repartidos en 16 poemas. Algo de particular? Depende... xente así xa non houbo tanta.

Pero se temos en conta que o seu libro se publicou en 1861 a cousa xa cambia ben e descubrimos que estamos ante unha figura absolutamente excepcional no seu tempo.

Estamos cansos de oír e dicir que o primeiro libro publicado integramente en galego foi Cantares Gallegos de Rosalía (1863), pois isto non sería certo se non fose porque Fernández y Morales icluíu un, un só poema bilingüe galego-castelán a carón dos outros 15 escritos unicamente en galego.

Ou sexa, por medio poema non se lle adiantou Morales a Rosalía no mérito de encetar a andaina do Rexurdimento. Moi inxusto é, xa que logo, que se descoñeza tanto a súa figura e que non apareza o seu nome en case ningún sitio. Para dalo a coñecer, cada ano por estas datas celébrase unha xuntanza en Cacabelos que inclúe sempre un acto en honra de Morales, ante a súa tumba. Nunca falta o entusiasmo de Quique Costas nin os versos de Anxo Angueira, que xunto cos amigos bercianos de Xarmenta realizan un labor de difusión ben meritorio.

Parece ser que Barreiro xa aceptou telo en conta para un Día das Letras Galegas. Que non tarde, non sexa que alguén decida facer unha consulta entre as familias e se decida suprimir esta data. Coa ganiña que eu teño de que me pregunten outras cousas!
CONTINÚA

1.6.09

O país das bestas

Os escritores eonaviegos seguen engordando o noso corpus literario. Se hai pouco era Belén Rico quen publicaba un libro, o próximo sábado, día 6, preséntanse simultaneamente dúas novas obras.

Na Casa das Letras de Ribadeo, Eva Moreda presenta O país das bestas. O proxecto desta novela fora finalista da primeira edición do premio Biblos-Pazos de Galicia, pero despois por motivos laborais non a puido rematar a tempo.

Agora podemos por fin desfrutar desta obra, a primeira –que eu saiba- do noso sistema literario co tema da rapa das bestas como fondo. Con todo, non se trata, como a propia Eva indica, da novela sobre a rapa, senón dunha historia de rivalidade entre comuneiros e besteiros vista desde os ollos dunha muller de orixe urbana que descobre un mundo rural que percibe fragmentado, ás veces contraditorio e ás veces violento.

Saudamos a reaparición de Eva na nosa literatura –recentemente foi tamén finalista do premio Murguía de narrativa-, onde sabemos que ten moito que aportar e onde lle desexamos, máis ca sorte, xustiza. Sendo así, o seu éxito está asegurado.

O mesmo día, en Santiso de Abres, Aurora García Rivas presenta La flauta del sapo, un poemario en castelán.

Dúas obras distintas para ler agora que vai vindo o sol na beira norte.

25.5.09

Cans, coelhos e conejos

COELHOS E CONEJOS
O festival de Cans levoume a dar unha volta polo sur, á raia. Como ía con tempo, na Cañiza decidín saír do país. Crucei por Arbo a Portugal e fun en paralelo ó Miño cara ó oeste. En Monçao, pouco antes de atravesar de novo para a beira norte do río, pasei ó lado dun galpón (un saúdo para Alex-ghalpón!) e vinlle un letreiro:

VENDEMOS COELHO
VENDEMOS ESTRUME DE COELHO


Despois de cruzar o río, paseei por Salvaterra e batéronme os ollos nun rótulo dunha carnicería:

HAY CONEJO

Seica saín do país, pero non sei moi ben cando estiven dentro e cando fóra.

CANS E GATOS
O festival de cine de Cans empezou sendo unha broma duns cachondos mentais e resultou ser unha xenialidade.

Alfombras vermellas nos camiños que levan ás palleiras, chimpíns glamurosos ataviados con flores de xesta , globos de helio á altura das chemineas indicando o lugar das proxeccións, o cadeliño amarelo pendurado dos postes e dos balcóns, miles de persoas, famoseo bicando a Terra que lle deu vida, música da que tronza o peito...

Quixera ser gato para amarte sete veces! -berrou na noite Ce orquestra pantasma, que arrancou así a festa, con xenio, falando de amor e morte.

Dá gusto ver o rural vivo e moderno sen perder a esencia. Agora que sae en todos os medios de comunicación do Estado, cómpre que os da asociación Arela e os veciños todos, artífices do milagre, sexan capaces de controlar o evento, que non se lles escape das mans, que sigan conseguindo que os veciños da parroquia se sintan orgullosos do seu festival.

Angelina e Brad xa virán a petición propia cando saiban o que hai.

22.5.09

A decisión dos pais



Unha das ocorrencias de Núñez Feijoo é consultar os pais sobre os idioma no que prefiren que sexan educados os fillos.

E se pai e nai teñen opinións distintas?

E van decidir os pais dun ano determinado o que vai pasar cos fillos doutros pais en anos posteriores ou vaise consultar cada ano e ir cambiando a norma segundo os resultados?

E por que non se lle consultan outros aspectos relacionados coa educación dos seus fillos sobre os cales seguramente tamén lles apetece opinar?

Por que non escribo sobre a masiva
manifestación do 17 de maio en defensa da lingua? Porque eramos tantos que xa todos sabemos o que houbo. E os que non estiveron tamén deberían darse por enterados e actuar en consecuencia.

15.5.09

Onde metemos a lingua

PROCESOS DE RECUPERACIÓN
Coas particularidades lóxicas de cada caso, no proceso de recuperación de culturas marxinadas repítense sempre unhas pautas. Non entrarei a analizar exemplos para non estenderme, pero poderiámolo comprobar no caso do inglés despois das invasións franconormandas, no de Noruega cando a súa independencia de Dinamarca, etc. Os estudosos establecen diversas etapas, pero podémolas agrupar en catro fases fundamentais: folclórica, cultural, económica e política

1- Fase folclórica
Ó pobo asoballado permíteselle a exhibición de elementos puramente folclóricos, como poden ser no noso caso os cantos e bailes rexionais, o traxe típico, a celebración do magosto, dos maios, etc. Literariamente ten certa presenza o teatro costumista e a poesía intimista ou costumista. Soe ser unha época que non causa reticencias na poboación, que ata aplaude e pode que ata chegue a emocionarse con estes elementos. Esta fase vivímola nós incluso nos anos duros do franquismo.

2- Fase cultural Cultívanse todos os xéneros literarios e a marca máis evidente da cultura, o idioma, lévase a ámbitos coma o ensino, a administración ou a Igrexa. No caso concreto de Galicia, este último elemento non se activou, pero é ben coñecido o importante compromiso da Igrexa catalá ou vasca coa súa cultura. Esta fase soe provocar, nos seus inicios, reticencias en parte da sociedade, que ve ameazados os seus privilexios ou non é capaz de superar os seus complexos. Lembremos a oposición que houbo no seu momento contra a entrada o galego no ensino e o seu progresivo asentamento. Estas reticencias soen desaparecer cando a situación se asenta e se visualizan os seus beneficios.

3- Fase económica É un período fundamental. O compromiso coa cultura propia, especialmente co idioma, chega ó capital (o empresariado e a banca), que previamente terán detectado unha certa demanda ou, cando menos, predisposición positiva na sociedade. Evidénciase na etiquetaxe dos produtos, na publicidade, na rotulación dos establecementos, na documentación interna e no proceder público dos protagonistas (empresarios, banqueiros, ...).

4- Fase política É consecuencia inmediata da anterior. As distintas tendencias políticas, independentemente do espectro ó que pertenzan, comprométense coa cultura propia. Pasado algún tempo desde que ese asenta esta etapa, o normal é que se produza unha reorganización política que pode coller dous camiños: o federalismo ou a independencia. 

A NOSA CONTORNA 
Observando a rodeada, eu creo que Asturias e as súas dúas linguas marxinadas (asturiano e galego) pode servir como exemplo de fase folclórica asentada e do agromar dos primeiros síntomas da cultural. Cataluña ten ben asentada a fase económica e moi avanzada a política. Proba diso é que teñen partidos nacionalistas de dereitas (CiU) e esquerda (Esquerra Republicana) e que a actitude lingüística da versión propia dalgúns partidos estatais (PSC) é ben distinta á que ten en Galicia o mesmo partido (PSdG). Incluso un partido manifestamente antinacionalista como é Citadáns/Ciudadanos non renuncia ó seu nome en catalán.

O CASO GALEGO Ata a chegada do bipartito, o responsable de política lingüística dependía directamente da Consellería de Educación, o cal era un síntoma de que se situaba a lingua no ámbito cultural. Aínda que puidese actuar noutras áreas, mediante acordos, non tiña potestade directa nelas. 

No proceso de normalización, o paso da fase cultural á fase económica facíase difícil. Coa elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega parecía que se asumía a necesidade desta etapa, xa que se establecían tamén obxectivos e medidas para o ámbito económico, aínda que socialmente faltase moito por andar e non se percibise claramente esa demanda ou predisposición positiva á que me refería antes. O bipartito desligou a política lingüística da Consellería de Educación e fíxoa depender directamente de Presidencia, entendéndoa como algo transversal, o cal supoñía a posibilidade de avanzar no proceso polo camiño correcto. Outra cousa é que non se lle sacase todo o partido que se podía a esa situación no organigrama da Xunta. Parecía que as cousas ían polo seu camiño, aínda que moi a modo. Parecía moi distante a fase folclórica, parecía ben asentada a cultural e víanse as primeiras luces da económica, da man duns cantos empresarios que día tras día demostran que en galego tamén se pode facer empresa, que en galego se vende máis e non ó revés, como outros pensan (o de "pensar" é un dicir).

Pero o novo Presidente volveu ó pasado e vincula de novo o responsable de política lingüística á Consellería de Educación, ou sexa, vólvese situar no ámbito cultural, co cal se frea o avance natural do proceso de recuperación, un proceso que avanzaba paseniñamente desde hai décadas e que ninguén se atrevera a facer recuar ata que chegou Feijoo. Os responsables doutras áreas de acción política poden sentir que a cuestión lingüística non é cousa deles. Aquí acabamos de encetar un novo goberno e xa puidemos ver algunha proba: 

-En la legislatura pasada, para que una federación cobrara subvenciones de la Xunta tenía que usar obligatoriamente el gallego. ¿Ustedes mantendrán la norma? 
-Voy a poner un ejemplo. Un paciente que va al médico, qué es lo que quiere, un buen o alguien que le hable gallego de maravilla. Nosotros pediremos los requisitos necesarios para que se puedan aplicar nuestras políticas deportivas, pero nos ceñiremos a nuestra competencia, que es el ámbito deportivo
               (José Ramón Lete. Secreatrio Xeral para o deporte. 6/5/2009)

A este paso, volveremos ó folclore, a non ser que nos salve un anxo. Fácil non o ten.

NOTA: Eu quería ser breve, pero desta vez non me saíu... Desculpen os sufridores.

7.5.09

Drogha na bebida

Entro nunha panadería e atopo unha señora despotricando porque está nas listas de espera para que a operen e non a acaban de chamar porque (palabras textuais) “como a los médicos les piden que sepan gallego no hay ninguno que quiera venir a los hospitales de Galicia” e os enfermos teñen que esperar. Sendo así, a solución é ben fácil: irse para fóra, onde non hai galego e polo tanto supoño que tampouco listas de espera. Despois a vendedora, que ademais dunha experta manexando as barras de pan, debe ser unha gran filóloga, estivo impartíndome o tema ese titulado “El gallego que se enseña en la escuela no es gallego”. A punto estiven de coller apuntamentos na barra, igual que antes facían as contas a lapis na parte traseira das petadas.

Pouco despois cae nas miñas mans un xornal que deixei de mercar pero que me acosa, e atopo esta entrevista:
http://www.lavozdegalicia.com/deportes/2009/05/06/0003_7698564.htm

O tema do idioma tardou en aparecer, pero na 9ª pregunta, saíu.

Hoxe non houbo que esperar tanto. Xa saíu na 4ª. Dá igual a quen se estea entrevistando; o asunto ten que saír e sae:

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/05/07/0003_7700945.htm

Por suposto, dise “en algunas oposiciones”, pero non se concreta ningunha. Sería, seguramente, no mesmo lugar onde os profesores de historia, matemáticas ou filosofía non lles deixan falar castelán ós alumnos. Debe dar medo vivir nese sitio!

En Alcoa descobren de pronto que non entenden as actas do comité de empresa en galego porque poñen "estar de quendas". Como o modelo Burela anda cerca, aínda lle han botar a culpa ó amigo Bernardo.

Eu creo que é hora de organizar xa unha xira polo país para que á xente lle queden as cousas ben claras: o galego é o culpable de que haxa listas de espera nos hospitais –fóra de Galicia chegas e córtanche as dúas orellas e o rabo nada máis entrar pola porta-, de que os nosos deportistas non rendan máis, de que os nosos músicos toquen o piano borrachos coma un instrumento de percusión ata que os dedos lle empecen a sangrar un pouco, -San Bukowski nos ampare-, de que fundan as empresas, da peste dos porcos mexicanos, de que polo mar corran as lebres - polo monte as sardiñas trailará. E creo aínda que da teima de Bin Laden contra a arquitectura vertical de Manhatan.

A xente non pode esperar máis sen saber estas cousas, sen saber que na orixe de todos os nosos males está o galego. Cómpre, sen agardar, ir fusilando cada día un galegofalante para que, en pouco tempo, os poucos que queden vivan (coma galegos?) no paraíso.

Para min que alguén nos botou drogha na bebida.

1.5.09

O navegante solitario: mentiras arriscadas

Estes tempos acórdome con frecuencia do relato O navegante solitario, de M. Rivas (Un millón de vacas, Xerais, 1989):

Un día de temporal foran a pique varias embarcacións, entre elas unha tripulada por un só home, que aparecera esnaquizada contra os cons. As cámaras mostran a lancha desfeita e, a continuación, o corpo morto daquel navegante solitario tirado na area.

Mentres a TV dá conta do naufraxio e da súa morte, o navegante solitario pide outra cervexa na barra do Singapore. O taberneiro mira a tele, mira o cliente, xira o mondadentes cos labios, cuspe no serrín e di:

- Ese da televisión era vostede.
O estranxeiro asentiu.
- Polo visto, vostede está morto.

O taberneiro chama a berros o seu fillo, sóbeo á barra e dille:
- Mira, aí tés. Este señor está morto.

Non sei que pretendeu o autor con este relato, pero eu sempre o vin como unha mostra do papanatismo da xente ante os medios de comunicación. O taberneiro ten o mariñeiro diante de si, pedíndolle unha cervexa detrás doutra, pero se a tele di que morreu, entón é que está morto e nada importa a evidencia.

Facéndose eco da paranoia máis patética do novo Presidente da Xunta, os medios de comunicación falan todos os días, sen dar nomes, de profesores que non deixan que os seus alumnos lles falen en castelán nin fagan os exames neste idioma. Chegan a dicir que en Galicia os nenos só poden falar en castelán no recreo.

Como os medios de comunicación falan deles, a xente na rúa, nas tascas, á entrada dos prostíbulos e á saída da misa, tamén fala deles. É a mesma xente que sabe que o seu fillo, o seu neto ou o seu veciño fala castelán na escola cando quere e fai os exames en castelán cando lle peta.

Eu aínda estou esperando a que alguén me diga o nome dun destes profesores ou dun destes centros onde fusilan castelanfalantes ó amañecer. Ninguén os coñece. A realidade invisible.

No mesmo libro de Rivas hai outro relato (Unha visita ó mercado) que comeza:

Págoche para que me digas cando fago o parvo e non para que pases o día dándome palmadiñas –dixo o candidato.

Un asesor imprescindible que alguén esqueceu contratar. Arrepentirase.

26.4.09

Belén Rico: Domingo y os animales


A semana pasada presentouse na Veiga Domingo y os animales. Con esta nova publicación, Belén Rico Prieto pon a disposición dos rapaciños eonaviegos, e dos non tan rapaciños nin tan eonaviegos, un conto máis para ler na súa lingua, con fermosas ilustracións de Lulas Somoza.

Estiven na presentación, convidado pola autora. Daba gusto ver o auditorio da fermosa casa de cultura ateigado de xente chegada de lugares ben distantes, desde A Coruña ata Uviéu. Daría gusto igualmente que os representantes das dúas Academias da Lingua/Llingua asentadas nesas cidades se xuntasen tamén un día, a falar as cousas como as hai que falar, deixando a un lado pamplinas sen pés nin cabeza.

Mentres tanto, haberá que conformarse con escoitar e aplaudir de vez en cando a xente coma Belén, de quen me abraia a sensibilidade e o entusiasmo que transmite ó falar dos seus rapaces, da súa cultura, e de referentes coma Saramago ou Babarro, que o outro día citou alí.

Agora, que sexan os lectores quen gocen con este agasallo de Belén e que dentro de moitos anos os nenos eonaviegos sigan falando de xatíos, de raposos, de fuíñas, de curuxas e de rezcacheiros. Para min foi, en conclusión, un día de amizades vivas, de momentos agradables que un sempre soña con prolongar e repetir.