Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.6.16

Conducindo as Irmandades

Cartel para anunciar os actos do centenario
Hai unha semana propuxéronme guiar un autobús. Ó comezo púxenme todo contento porque eu, que conducía con frecuencia tractores ós doce anos e coche ós dezasete, nunca conducira un autobús. E moito menos un coma este, co volante á dereita.

Despois souben que non tiña que encargarme do volante, senón dunha visita guiada pola exposición ambulante que está percorrendo o país co gallo do centenario das Irmandades da Fala. Cousa da Asociación Cultural Francisco Lanza e do Concello de Ribadeo.

Dentro do autobús
Aceptei, a pesar de que eu non sei moito diso, que é máis cousa de historiadores. E a min ponme moito respecto o labor  dos historiadores, porque teñen que saber ler principalmente o que non está escrito. E tampouco quero eu caer no mesmo que fan algúns que len a Pío Moa e xa se consideran capacitados para escribir liñas e liñas de historia con pretensións de irrefutabilidade.

Aínda así, aceptei, que un sempre procura botar unha man onde pode e cre que non estorba. A conmemoración foi agradable, non polo que eu acheguei nin polos contidos da exposición en si, senón polo resto das actividades, especialmente pola magnífica interpretación que Carmen Rodríguez e a coral de Ribadeo fixeron de “O meu país”, de Miro Casavella, e polas brincadeiras retóricas dos Poetarras.

Canto ás Irmandades, algo tratamos de contar das súas orixes, da súa evolución e da colleita que acabou agromando nesta zona como consecuencia daquela sementeira.

Iso si. Tamén acabei conducindo o autobús co volante ó revés. 

Saúde e terra!


30.5.16

A ría que non é ría

Ría de Ribadeo, con Castropol ó fondo (Foto: Tania Fernández Faílde)
De todos os episodios aldraxantes que temos visto contra a toponimia galega, un dos máis absurdos é recente e está pasando bastante desapercibido.

Perpetrouno a Xunta de Galicia e di que a ría de Ribadeo non é unha ría senón un lugar xeolóxico de interese, que denominan Ría do Eo porque si. Non acatan os informes lingüísticos dos especialistas porque se refiren á ría e non a esa outra cousa que seica inventaron uns sabios de Madrid.

Como a denominación forma parte dun catálogo de espazos naturais, xa imaxino os guías turísticos describíndollelo ós visitantes: 
- Esa masa de auga que vostedes ven na desembocadura do río, esa onde nadan os parruliños e hibernan os paxaros, onde se fan deportes náuticos e medran cangrexos matahomes, onde se pillan luras parvas que van á luz das farolas nas noites de verán..., esa non lles é unha ría: é unha canteira asulagada.
O nome que evita citar a vila mariñá xa é cousa asentada da outra banda das augas, en Asturias, por máis que a cartografía usase sempre, aquí e acolá, a denominación de ría de Ribadeo. Hai algún tempo alguén decidiu que Ribadeo era nome prohibido no Principado e empezou a campaña de ría del Eo.

Como o inicio da teima case cadrou coa crise, quero pensar que non foi por mala fe, senón por aforrar tempo, tinta e pintura en documentos e letreiros. Pero que o atentado veña de dentro da casa e cunha argumentación tan peregrina supera o nivel de aguante dos máis pacientes.

Nin mel, nin dátiles, nin leite.
Apaña, mozo, pedras[...]

17.5.16

Manuel María: "Documentos personaes" personalizados.

Hoxe toca espir a Manuel María. É o tributo que hai que pagar por ser merecente dun 17 de maio para si.
Portadas de exemplares de textos de Manuel María
Ademais doutros de edición máis recente, eu teño un exemplar da 1ª edición de Documentos personaes. Nel consta unha dedicatoria asinada en Lugo en agosto de 1958.

As follas amarelas e medio arrancadas conservan os quince poemas que compoñen o libro. A ironía do último, "Testamento", no que se prega non chorar cando o Alcalde de turno se luza cun longo discurso na súa honra, ten un engadido final, manuscrito a bolígrafo, no que se fai unha excepción con Saleta, autorizándoa a ela, só a ela, a derramar bágoas. Non teño a certeza de se o engadido é do autor ou da propia Saleta:
Inda que o aito sexa emocionante / non se lle permite a ninguén / derramar bágoas. / 
                           A Saleta si...
Fragmento do poema "Testamento", cun engadido manuscrito 
Xa que escribo dende onde escribo, co Cantábrico aí ó lado, quero referirme tamén ó poema “Gacetilla literaria”, onde o autor repasa a actualidade literaria do país, con alusión a dous nomes ribadenses: Luz Pozo e Daniel Cortezón: 
[...]  
Cuña Novás hai tempo non pubrica./ Novoneyra metido no Caurel. / Cunqueiro, tan fino e inxenioso. / Fole anda a rematar unha novela. / Luz Pozo Garza está en Viveiro. / Os versos de Xohana Torres son moi bos. / Todo este trebello enriba dun./ Maside en Compostela. Otero Pedrayo / a falar longamente no café.Ferrín, Mourullo, Franco Grande, / López Nogueira, Lorenzo e Cortezón, / coa súa mocedade madura pro bandeira./ 
[...]

No medio do vello libro consérvase un recorte, con foto dun Manuel María mozo, anunciando un acto de sinatura de exemplares, co gallo da festa do libro.
Recorte de prensa anunciando un acto de Manuel María
Teño tamén unha separata, con dedicatoria do 30 de agosto do 58, do que, segundo parece foi o primeiro poema que Manuel María lle dedicou a Saleta. Xa me teño referido a el neste blog e a cousa acabou incluso tendo repercusión errónea que xa aclarei cun comentario no mesmo post.
Fragmento da separata do poema de Manuel María publicado en Papeles de Son Armadáns.
Con todo, parece ser que o erro valeu para que na propia Fundación Manuel María soubesen da presenza do autor en Papeles de Son Armadáns, así que tampouco foi tempo perdido.

No medio da separata consérvase outro recorte da prensa de Vigo, sen data, cunha entrevista na que o autor se mostra algo crítico coa poesía da época: “Hay mucho versificador y poco poeta”. Pero da entrevista interésame agora resaltar só o comezo:
- Fai constar que tu i-eu falamos en galego nesta conversa.
- Fago.
Entrevista a Manuel María no ano 1958
Despois, todo o texto está en castelán. Pasou en 1958. Se fose hoxe, 58 anos despois, con algúns xornais galegos tería que empezar advertindo o mesmo.

22.4.16

A forza que vén de lonxe - XII: media ducia de golpe

Estou algo preocupado.


Carmen Mejía
1-
Hai unha semana sóubose que a Fundación Pedrón de Ouro decidiu concederlle o Pedrón de Honra 2016 a Carmen Mejía, unha filóloga que ama e difunde a nosa cultura nas aulas da Complutense e en calquera outro lugar do mundo no que se atope. De feito, nestes momentos é tamén a presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Carmen Mejía. Galega? Non; manchega. 

2- 
Cartel de "A dozen galician women"
Hoxe mesmo preséntase en Cork, que queda aí arriba,  A dozen Galician women, unha antoloxía de poetas galegas coordinada pola tamén poeta Elvira Ribeiro. Así, na verde Eirín saberán algo máis da "brigada poética feminina" que puxo patas arriba a poesía galega das últimas décadas.

3-
En Michigam inaugúrase o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos. Disque o interese pola nosa cultura nos EEUU está medrando de xeito sorprendente nos últimos anos.

4- 
En Bos Aires inaugúrase a Cátedra Galicia-América apadriñada por Manuel Rivas, que non é mal padriño para botar a andar. Temos así un novo centro de estudos galegos na capital aerxentina, que se une ós dous que xa hai.

5-
"Cantos de poeta", de Gelria
O día 24 preséntase en Barcelona o libro-DVD Cantos e poeta, un proxecto do que xa falei noutra ocasión. Músicos do país (Mario Cortizo e Federico Mosquera) acompañados pola fermosa voz da polifacética Elena Tarrats, unha barcelonesa que ten máis currículo ca anos. Un orgullo que preste a súa voz á nosa lingua e, ademais, que o faga con tanta soltura máis alá da interpretación dos versos.

6-
Portada do informe
A Academia da Lingua Frisoa (Fryske Akademy), onde ten a súa sé o programa Merkator Education, publica un amplo informe sobre a situación do galego no sistema educativo. Magnífico traballo do incansable Quique Costas e compañía. Medio mundo saberá así como alguén estragou nos últimos anos un camiño que viña de lonxe e as consecuencias do seu capricho, perpetrado por unha mísera presada de votos.

Estou preocupado. Media ducia de boas novas no prazo dunha semana, de forza que vén de lonxe para dicirnos que temos algo que interesa e moito. A este paso non vai haber recanto no mundo onde non haxa un grupo de persoas interesada no noso, non vai haber Universidade no mundo onde non haxa un equipo de investigación dándolle voltas á nosa lingua e á nosa literatura. Xa me empeza a poñer nervioso tanto interese pola cultura galega no estranxeiro, porque o que lles soe gustar ós estudosos é diseccionar cadáveres, desentrañar os segredos dos fósiles... A ver se imos estar nese estado, sen decatármonos.

15.4.16

conTextos: O Xardín de Ribadeo e "As pozas demoradas", de Xavier Rodríguez Baixeras

Alicia, Estela e Alberto, de 2º de ESO, alumnado receptivo e entusiasta, dos que fan que a docencia mereza a pena.
Propúxenlles unha idea e puxéronse diante da cámara, vencendo a timidez, para contarlle ó mundo o contexto no que xurdiu un texto, un anaquiño de historia local e de literatura:


5.3.16

O artigo do artigo

Concello de Lugo

Un non é xurista nin pretende selo, pero algo sabe ler e por iso se sorprende especialmente que se estimase o recurso conta o artigo 1 que di: 
1- O galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
2- As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
 O alto tribunal entende que:
“[...] al silenciar la referencia al castellano contenida en los preceptos legales dan a entender que este no es idioma oficial o que solo son válidas las actuaciones administrativas en gallego”.
Se a cousa se colle ó pé da letra, a súa interpretación carece de rigor filolóxico. A clave está no contido que implica a presenza ou ausencia do artigo no artigo 1. Non é o mesmo: 
O galego [...] é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
que
O galego [...] é o idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
No segundo caso, si que se podería falar de que o castelán queda excluído como idioma oficial. Coa primeira redacción, que é a da ordenanza municipal, non. 

Razoando como fixo o TSXG, se dicimos “A muralla de Lugo é patrimonio da humanidade” habería que interpretar que ningún outro monumento pode selo; se dicimos “A praia das Catedrais é monumento natural” habería que interpretar que ningunha outra paraxe pode selo, e se lemos “Mariano Rajoy é persoa non grata en Pontevedra” habería que interpretar que ninguén máis pode compartir con el esa condición.

Ou sexa, parvadas. Lingüisticamente, a sentencia é insostible porque non hai artigo no artigo 1 da ordenanza. Pero tamén sei que o TSXG non razoou con criterios lingüísticos, senón que “interpretou” a norma.

Nada raro hai niso. Sabemos que os tribunais, superiores e inferiores, botan a vida interpretando leis. Pero imaxino que a interpretación habería que facela desde o coñecemento da realidade, do contexto e non desde os propios prexuízos ou teimas persoais, que un TSX parece unha cousa moi seria.

Tratar os dous idiomas por igual é fomentar a desigualdade
Se se coñece a realidade, non creo eu que a ninguén se lle pase pola cabeciña pensar que un cidadán vai ter prohibido usar o castelán nas oficinas do Concello. Non, ho, non!, que o dereito ó analfabetismo en galego está garantido por activa e por pasiva.

Sábese ben que o idioma historicamente proscrito, o débil, é o galego e ese é o que precisa un impulso para que sexa certo iso que di a Constitución, esa Constitución da que tanto se fala e á que tan pouco caso se lle fai, no seu artigo 3.3: 
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Ademais, non esquezamos que o documento chámase Ordenanza de uso do galego na administración local de Lugo. Se é a ordenanza do galego, o lóxico é que ordene o uso do galego e non vén a conto pararse co castelán, igual que o manual de uso da lavadora non di nada do lavalouza. 

Despois queixarémonos de que cada vez haxa máis xente disposta a marchar pola porta sen despedirse.

1.3.16

Calandiño, correndiño: xerundios con diminutivo

Algunhas veces parece que un ten que escoitar as palabras en boca doutros para darse conta de que existen. Tal foi o que me pasou a min cun uso do diminutivo moi pouco frecuente, a pesar de ter lido algún dos textos que o conteñen. Refírome ó diminutivo unido ó xerundio "calando".

No seu poema “O gato da tasca mariñeiraBernardino Graña dinos que

[...]
O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
[...]

Lera eu Profecía do mar de Bernardino e non me fixara. Foi en boca da catalá Elena Tarrats, fermosa voz de Gelria, que versiona este texto no seu disco Cantos de poeta, onde eu reparei neste uso.
Captura de pantalla de "O gato da tasca mariñeira", de Gelria

Ata entón, só coñecía o uso do diminutivo acompañando o xerundio de correr (correndiño), que vin nalgúns poemas de Rosalía e que son os que exemplifican case sempre as escasas mencións que se lle fai a esta particularidade nas gramáticas.

[...]
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;

[...]

Tratando de saber algo máis do asunto, pregunteille ó amigo Google, que sempre está de garda, e contoume que a forma calandiño xa está recollida no dicionario de Marcial Valladares e noutros posteriores que se cadra o tomaron del. Tamén disque está presente en textos doutros autores: Aurelio Ribalta, López Ferreiro, Vaamonde Lores, Leiras Pulpeiro, Roxelio Rodríguez Díaz e algún outro.
"Calandiño" no TILGA
Canto ás gramáticas, calandiño aparece no Compendio de Gramática Galega Básica de Frías Conde, pero identifica esta forma como participio:

En galego o diminutivo por antonomasia é –iño/a.
[...]
Pode mesmo usarse con participios:
-Vinde para acó, calandiño, eh?

Funcionalmente pode ter pinta, pero formalmente...

Eu non sei se ademais de correndiño e calandiño haberá outros xerundios que se teñan usado con diminutivo. Sexa como sexa, aquí quedan estas notas deslabazadas sobre este recurso enfatizador, fermosa reviravolta do idioma, e que outros con máis tempo, gana e "sabencia" ca min afonden no asunto "se lles prouguer", para poñelo de xeito académico e bonito.


OBSERVACIÓN PARA REFLEXIONAR:

Elena Tarrats, a voz feminina de Gelria é catalá de Barcelona. Non lle supón isto ningún inconveniente para cantar en galego nin para pronunciar perfectamente o ene velar ("non hai", "unha") e o xe palatal ("mexilóns", "empuxan") eses fonemas que se lle atragoan a algunha xente do país.
Cousiñas que pasan...


25.2.16

Anos despois, as nenas da lingua.

I
O Sermos Galiza desta semana agasállanos cunha reportaxe "A fondo" sobre o galego do Val do Ellas, en Estremadura.
Captura de imaxe do programa
 "Informes TVG"

Souben daquela póla da nosa estirpe hai vinte e tantos anos, grazas a materiais que me foron chegando desde esa enciclopedia sobre o asunto que é o estudoso Xosé Henrique Costas, o amigo Quique.

Despois comezaron a publicarse artigos e estudos monográficos que afondaron no tema e que lin con “fruición”, como disque lle gusta dicir ó tocaio Alonso Montero. Tamén lembro o primeiro audiovisual: un capítulo de “Informes TVG”, un ben interesante programa que daquela se emitía na canle autonómica.

Gravei en vídeo aquela reportaxe e useina nas clases repetidas veces. Saía un Quique noviño, co tellado aínda ben colmado, explicando con entusiasmo o tesouro de noso que aínda se mantiña ó abeiro da serra de Gata. Saía un home que falaba moito e rápido sobre a calidade das olivas que por alí recollían. Saía outro que falaba dun fillo que emigrara a Australia había xa ben anos pero non perdera o xeito de falar dos devanceiros. Saían membros da asociación “Fala i cultura”, que trataban de unir forzas na tarefa. Saía tamén un representante da administración que falaba medindo cada palabra para rematar dicindo nada, e unha mestra que con cada resposta contradicía a anterior e que daría para unha tese de doutoramento sobre prexuízos lingüísticos. Ovellas, había tamén ovellas.
Captura de imaxe do programa
 "Informes TVG"

E saía tamén alumnado das escolas da zona. Lembro un neno inquedo na cociña da súa casa, outro orgulloso do seu con cara de futuro e, sobre todo, unha nena de ollar fermoso que respondía un contundente
- Si.
cando lle preguntaban se preferiría que se falase valverdeiro na escola.

II
Non sei se é bo ou malo, pero un ten certa teima de mirar atrás para refrescar estampas que leva na memoria. Tamén en relación co devir da nosa lingua.

O cartel de "Fálalle galego", acertado ou non, é unha desas imaxes. Hai pouco sabiamos, a través dunha reportaxe de Xan Carballa, que aquela nena anónima que era todas as nenas e nenos do País tiña por nome Violeta e, pasados os anos, andaba ben lonxe, en Shangai, por motivos laborais.
 

Pregúntome agora que sería daqueles nenos da reportaxe do Val do Ellas, daquela nena con ollos esperanza que dicía "Si", mirando fixamente a cámara, soñando un futuro vivo para a súa/nosa lingua.

Que sería deles? Que sería dela?



26.1.16

No 80 aniversario de "El pequeño escolar"

Cabeceira de "El pequeño escolar"

O día 1 de febreiro cúmprense oitenta anos da saída á rúa do primeiro número de El pequeño escolar, un xornal escolar que se publicou entre febreiro e xullo de 1935 con textos do alumnado de varias escolas da Mariña.
Gregorio Sanz
O seu principal impulsor foi Gregorio Sanz García, un mestre que impartiu clase en varias escolas de Galicia desde 1922 ata 1970.
Naceu en Ayllón (Segovia) o 4 de xaneiro de 1900. Procedía dunha familia moi humilde e, despois de cursar os estudos primarios na súa vila, estudou Maxisterio por libre a partir de 1914. Rematou con dezasete anos e, ó non atopar escola, desprazouse a Madrid, onde tentou a carreira militar. Durante a súa estancia na capital frecuentaba a biblioteca do Museo Pedagóxico e alí convidárono a dar clases na Casa Escuela Concepción Arenal do Protectorado del niño delincuente. Foi tamén alí onde soubo que se buscaba mestre para a escola agrícola da Fundación Pedro Murias, que ese rico indiano promovera na súa parroquia natal da Devesa, en Ribadeo. Así recalou en Galicia en 1922, onde se asentou definitivamente. A partir de 1923 dedicouse a dar clases particulares en Ribadeo, onde colaborou na posta en marcha da Biblioteca Popular Circulante, a imitación da que xa funcionaba en Castropol. En 1928 ingresou no ensino oficial por oposición e obtivo destino na escola de San Pedro de Benquerencia, en Barreiros. Tamén impartiu clase preparatoria no Instituto de Ensino Medio de Ribadeo. Ó empezar a guerra detivérono, como lle sucedeu a tantos outros mestres republicanos, e estivo cinco anos preso no cárcere de Lugo.
Portada de "Uno de tantos"
de Gregorio Sanz
O propio Gregorio Sanz rememora esta etapa da súa vida no libro Uno de tantos. Cinco años a la sombra. O libro inclúe un prólogo de Víctor Moro, que desempeñou importantes cargos de responsabilidade pública e privada, onde o que daquela era alumno seu conta como eran as clases de Don Gregorio: innovadoras, motivadoras, abertas á realidade do alumnado, ...
Tendo en conta o nome do mestre e a descrición que fai do seu labor docente, ó ler as palabras de Víctor Moro resulta imposible non acordarse de Pardal, o neno protagonista do relato “A lingua das bolboretas”, de M. Rivas. Uns anos despois da publicación da obra de Rivas, a investigadora Rosa Cal establece tamén esta relación nunha reseña do libro de Gregorio Sanz publicada en A Nosa Terra. Di que, pouco despois de coñecer ó mestre afincado en Ribadeo, leu o conto de Rivas e decatouse da relación:
Inmediatamente recoñecín no personaxe do mestre a D. Gregorio. Dábase a casualidade de que entón se estaba a celebrar a Feira do Libro en Madrid, e Rivas asinaba exemplares. Alí me dirixín para confirmar a sospeita. Felicitei ó escritor e pregunteille “O mestre de A lingua das bolboretas é Don Gregorio?”. “Si, señora, vostede leu o libro?” foi a súa resposta. Díxenlle que si e que amais Don Gregorio estaba vivo e que aos 95 anos a súa mente estaba totalmente lúcida e que podía visitalo en Vilaframil, Ribadeo.
O mestre Don Gregorio na adaptación
ó cine de "A lingua das bolboretas"

Ó saír da cadea, Gregorio Sanz volveu dar clases particulares, despois traballou como contable nunha empresa de Guitiriz e, finalmente, regresou ó ensino nunha academia de Lugo. Posteriormente permitíronlle o reingreso no ensino oficial e destinárono a Covas (Viveiro). Opositou de novo e obtivo posto en Vigo, onde se xubilou en 1970. Tras a súa xubilación,  afincouse en Ribadeo, onde faleceu en 1997. Actualmente o colexio público da vila leva o seu nome, como mostra de agradecemento e agarimo dos veciños.

El pequeño escolar
El pequeño escolar publicouse con periodicidade quincenal entre febreiro e xullo de 1935. Saíron, polo tanto, doce números. Cada exemplar constaba de catro páxinas e imprimíase na Tipografía de “Las Riberas del Eo”, en Ribadeo. Vendíase a 10 céntimos e, nunha nota aclaratoria que aparece no segundo número, indícase que se precisaba unha venda mínima de 600 exemplares para cubrir as 50 pesetas que custaba imprimir un millar, contando tamén cos gastos de administración e co desexo de que quedase un remanente para premios en concursos escolares que se establecesen para a rapazada.
Un artigo de "El pequeño escolar"
O xornal, ademais do saúdo inicial e dalgunhas notas aclaratorias dos responsables, está integramente formado por colaboracións do alumnado das distintas escolas da zona. Tamén admitía colaboracións de exalumnos menores de dezasete anos, reservando para eles un máximo de 1/3 do espazo.
Predominan os textos en prosa, con contido moi variado: contos, crónicas da actividade escolar, reportaxes sobre as festas e celebracións da zona, crónicas deportivas dos equipos da contorna, noticias curiosas, reflexións sobre asuntos de actualidade, redaccións sobre temas diversos, reseñas de escritores, personaxes ou acontecementos históricos, etc. Tamén aparece algún debuxo, uns poucos poemas e cartas entre alumnado das distintas escolas da zona e incluso a alumnos doutros lugares do Estado.
O idioma predominante é o castelán. O galego tan só rezuma nalgunhas expresións en castelán traducidas literalmente e, de xeito excepcional, en tres colaboracións da sección “Cantares”. Utilízase unha variante con trazos propios da oralidade, como era habitual na época:
Un exemplo do uso do galego no xornal

CANTARES
Vexo a Rinlo, vexo o Rato
desd’o alto de Noceda
vexo a Rochela e Reinante
no alto d’a mau esquerda.
Levantando un pouco a vista
vexo as folliñas d’o mare
y’escuitando unha miguiña
oens’os carros cantare
y’os labradores co arado
berrando pra que ande o gado.
ALFONSO VENTOSO
Vilandriz, A Devesa, 6/01/1935

O vello perdeu a vella
entre a florida d’o toxo
e agora anda chorando
que lla comeu o raposo.
Na escola que hay en Barreiros
agora hay moita alegría
porque ven o Ayuntamiento
pra facernos compañía.
As nenas que hay en San Cosme
todas son muy aplicadas
si non mo queredes crer
non tedes mais que miralas.
Aló enriba, no meu monte,
vin un neniño chorar
pregunteille: ¿Por que choras?
non me quixo contestar.
Este día que nevou
fun ó campo co-a cabriña
estaba cuberto de lá
e volvinme pra casiña.
MARÍA REGO
Barreiros, 12-1935

As neniñas de San Cosme
todas son muy aplicadas
e todas son muy guapiñas
e tamén muy resaladas.
A escola de San Cosme
non che pode estar mellor
está no campo da República
con bon edificio ó redor.
O reloj pra dar as horas
n’unha campá pra tocar
as neniñas d’esta escola
ben che podemos bailar.
E os lús tamén temos
o mercado pra comprar
as agullas pra coser
e os fíos pra bordar.
MARÍA TERESA GONZÁLEZ
San Cosme de Barreiros. Escola nº 1.

Tamén hai unha alusión ó himno galego no remate da crónica dunha excursión pola zona, asinada por Jesús Vila Sanz, de Vilaselán, no número do 1 de xuño, que por erro aparece datado o 15 de maio, igual có anterior: “Luego regresamos por la carretera de Piñeira y llegamos a la escuela a las 5 y media cantando el Himno Gallego contentísimos”.
Ademais dos méritos pedagóxicos, visto desde a actualidade, El pequeño escolar resulta tamén un interesante documento histórico que nos permite coñecer moitos datos concretos do xeito de vida da xente da zona desde a perspectiva inocente da rapazada das escolas: o estado de cada escola, as actividades que facían, o xeito de vida nas casas, a alimentación, os hábitos no tempo de lecer, as celebracións, ... e mesmo as inquedanzas e os soños dos máis novos.
Mostra de ensino innovador,
aproveitando unha excursión
Conmove, por exemplo, a inocencia nun fragmento dunha carta que a nena Arsenia Puente envía desde a Pontenova, o 1 de marzo, dirixida a unha alumna de Santiago de Reinante:
Y para terminar, una pregunta a María López de Santiago de Reinante. He visto la marea en la ría de Abres, y desearía saber si en la costa se notan también las crecidas de las mareas y si es peligroso estar cerca del mar cuando las hay”.
María López contéstalle no número do 1 de abril con todo detalle, explicándolle pormenorizadamente o movemento das mareas na praia da Santiago de Reinante e dille que durante a baixamar “va la gente del pueblo, y yo también muchas veces voy, a surtirnos de percebes, mejillones y de lo que encontramos para alimento”, e remata interesándose polo contorno da outra rapaza: “Yo desearía ver las minas de hierro, porque nunca salí de Santiago de Reinante y me alegraría hacer una excursión a Puentenuevo para verlas. ¿Como son esas minas”.
Aínda que a distancia física é a mesma, é evidente que o mar e a Pontenova quedaban moito máis lonxe no ano 35.
Un artigo que conmove
Unha “Noticia comentada” asinada por Carmen Miranda no exemplar do 1 de maio dános información fundamental sobre as prioridades naquela época: para as mulleres, primeiro os labores do campo e despois, se queda tempo, a formación académica:
Estos días hubo muy pocas niñas en mi escuela porque están sembrando las patatas. Las patatas vinieron de América para Europa. En Galicia hay muchas patatas. Las patatas se siembran en marzo.
Los días que graniza y llueve vienen las niñas a la escuela, aunque a las niñas nos gusta mucho más venir a la escuela en verano que en invierno porque en invierno hace frío y en verano calor. Yo vengo todos los días a la escuela y aprendo mucho y las que tienen que sembrar las patatas no vienen todos los días porque tienen que ir llamar el ganado a la tierra. Las patatas se recogen en septiembre.
Outros artigos cóntannos con detalle como se aproveitaban as excursións para facer medicións da extensión dalgunhas leiras ou observacións atentas de distintos aspectos da natureza. Algúns adiantos tecnolóxicos (termómetro, compás, cataventos, ...) permitíanlle ó alumnado anotar diariamente datos das condicións meteorolóxicas. Así podemos saber, por exemplo, que o día 7 de febreiro de 1935 dentro da escola nº 2 de Barreiros había 11 graos e no exterior 8. O vento sopraba con dirección N.E. e estaba un día chuvioso e con sarabiadas, segundo nos informa Eugenio Niñe.
As clases non debían manterse alleas ás tensións políticas da época, xa que no número do 1 de marzo Pedro Vizoso, de Benquerencia, informa de que na súa escola tivo lugar unha votación para ver quen era partidario da guerra. “Solo se levantaron Ramón de Quietán y Carlos de Rosende y los demás nos quedamos sentados porque no queremos guerras”. No número seguinte, Antonio Fernández Lozano, de Ribadeo, retoma o tema e valora os datos: “[...] los niños de la escuela de Benquerencia hicieron en la escuela una especie votación para ver quienes eran partidarios de la guerra, y nada más fueron dos, todos los demás fueron buenas personas, tienen conocimiento, mientras que los otros dos parece que no tienen conocimiento y que no saben qué es la guerra porque si no ya dirían lo de los demás. Me gustaría saber que piensan de las guerras los niños de otras escuelas y si quieren que todos seamos amigos”. No número do 1 de xuño Antonio Molejón, de Vilandriz – A Devesa, condena as guerras nun contundente artigo titulado “¿Próximos a unha guerra?”.
Parece que naqueles meses os contrarios á guerra eran unha maioría esmagadora nas escolas, pero pouco máis dun ano despois acabarían gañando Ramón de Quietán e Carlos de Rosende.
A pesar de que o número do 1 de xullo abre cun “¡Hasta septiembre!” asinado por Narciso Ríos, de San Miguel, a interrupción acabou sendo definitiva e o xornal non volveu saír.
Na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, consérvase íntegra unha copia da colección. A súa lectura deixa ver a ilusión da rapazada no proxecto e a frescura dos seus textos acende en nós, oitenta anos despois, a admiración por eles e por quen promoveu esta iniciativa.


BIBLIOGRAFÍA:
Cal, Rosa (2000): "A lingua das bolboretas e o cabodano do mestre Don Gregorio", en A Nosa Terra, semanario, nº 945, p. 23.
Costa, Antón (1992): “Entrevista a Don Gregorio Sanz”, en Revista galega de educación, nº 14, outubro de 1992.
Sanz, Gregorio (1986): Uno de tantos. Cinco años a la sombra. Ed. do Castro, Sada.

AGRADECEMENTO:
A Chus, da Biblioteca Pública de Ribadeo, que ten organizado un interesante fondo local.

17.1.16

Chamar as vacas

O recente falecemento de Neira Vilas levoume de novo ás Memorias dun neno labrego, que descansaban no andel desde non sei cando. A edición que eu posúo ten un debuxo de Díaz Pardo na portada, no que aparece un neno que ben podería ser Balbino chamando unha xugada de vacas do país.

Un neno "chamando as vacas". Portada de Memorias dun neno labrego
A imaxe tróuxome á memoria o desagrado que me produciu unha noticia de prensa de hai uns meses, onde se daba conta dos Premios “al mejor joven manejador”, dentro da edición Feiradeza de 2015. Os afortunados foron Miguel Rial e Avelino Souto.

Faro de Vigo, 28/06/2015

Alégrome por eles, que seguramente “manejan” as vacas con moita arte, pero non deixa de poñerme triste que se denomine así o que sempre foi chamar as vacas, que era o que facía Balbino e moitos outros nenos e non tan nenos labregos. Non creo que xustifique o cambio o feito de que agora a acción se leve a cabo nun recinto feiral ou nun pavillón en vez de facelo nunha leira ou que sexa unha exhibición e non unha necesidade. Ademais, paréceme unha falta de respecto para as vacas, que non merecen que as "manejen" podendo "chamalas" e dicirlle as cousas como hai que dicírllelas.

Se perdemos a lingua, mellor é que nos nos disfracemos de cow boys ou que nos botemos tamén definitivamente a manejar tractores e que deixemos definitivamente as vacas en paz, como símbolo dun tesouro que non soubemos manter. 

10.1.16

O galego, oficial na Veiga











O Concello da Veiga acaba de aprobar unha ordenanza que permite usar de xeito oficial o galego de Asturias nas relacións entre a cidadanía e o consistorio. Así, por primeira vez na historia, moitos habitantes do concello poderán facer trámites escritos no mesmo idioma que falan.

Visto así a novidade parece de risa, porque debería ser o máis normal do mundo que a xente poida escribir e falar na mesma lingua, pero as cousas son como son e hai idiomas que teñen licenza para entrar polos oídos pero non polos ollos. Non ten moito sentidiño esta discriminación dos sentidos pero é o que hai polo mundo adiante.

Boa parte do mérito creo que é dun par de músicos, que agora ocupan a Alcaldía e a Concellería de Cultura, respectivamente. Xente sabia, sen dúbida. Coñecendo a labia do edil de Cultura, Abel Pérez, non imaxino a ninguén capaz de sacarlle a idea da cabeza. 

Como era de esperar, a decisión acolleuse con diversidade de opinións, e seica xa hai por aí discusións acendidas porque o Concello puxo nun cartel XENEIRO e non ENERO, “como se dixo toda a vida”. Se cadra é que a vida dalgúns é moi limitada.

Pero tampouco ese tipo de disputas é sorpredente. Outros pasamos antes por esas e, facendo un pouco de memoria, non é difícil acordarse das pedradas que voaron de bando a bando pola segunda forma do artigo, polo –cia / -za do nome do País que pisamos ou polo “grazas” que non fixo graza ningunha cando deixou de ser “gracias”.

Non sorprende, pois, que na beira de alá do Eo haxa agora disputas parecidas, pero se cadra neste momento non é tan importante o modelo de lingua como o feito de que poida usarse para todo. Un tamén pensa que o modelo debería ter outras referencias distintas ás que ten, pero non é tempo de avivar ese lume.
 
Pouco antes do Nadal asistimos con absoluta normalidade a unha representación teatral en galego na casa da cultura da Veiga. Agora o idioma de todos nós ergue un pouco máis a cabeza e pode entrar tamén gravado a tinta na casa consistorial. Son boas novas. Un alédase de que o tempo vaia atemperando as cousas, que as tensións lingüísticas que non hai tanto facían ferver o aire na zona vaian acougando, que non todos os ventos veñan á contra para a lingua e a cultura en galego de Asturias. 

Armando Cotarelo Valledor había estar contento. E supoño que tamén o está Belén, Viqui, Crisanto e moitos outros que saben o valor da lingua que herdaron .

Ergo a miña copa.

16.12.15

O naZimento na literatura galega

Non. Aínda que se achega o Nadal, non é do nacemento dun meniño nun pendello vello do que vou falar, que ese é un tema moi trillado e dorme ata as mulas que lle dan alento. O que pasa é que que a un ás veces dálle por facer malabarismos léxicos gratuítos.

Odessa, as antenas de Arneiro en Cospeito, a ruta das ratas, o colexio alemán en Vigo, os submarinos U-boot, o avión de Córneas, Farandulo.net, o mosteiro-zulo de Samos, Lesli Howard,... Son nomes que pouco ou nada me dicían ata hai algún tempo. Todos teñen algo en común: a relación cos nazis en Galicia.

Supoño que os historiadores saberán diso o que lles deixen saber, e ata hai algunha publicación específica sobre o tema, coma Galicia en guerra, de Eduardo Rollan, pero desde hai algún tempo parece que o asunto interesa tamén ós literatos.

Xa Jaureguízar acollera nazis en A cova das vacas mortas (2006). Uns anos despois aparecen de novo na trama de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo (2011). É de supoñer que a presenza do nazismo nesta obra ten moito máis que ver coa realidade có que sucede na novela de Jaureguízar, que seica os filoesvásticos andaban máis mestos en Vigo ca na raia asturgalaica.

Máis recentemente chegáronnos dous títulos nos que se retoma o tema: Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, e Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Na primeira, Vigo volve ser o espazo predominante, mentres que na de Xabier son as terras de Lemos as que se prestan como espazo para esta novela que nos recorda, en moitos aspectos, a súa magnífica ópera prima: Atuado na braña.

De propina, acaba de estrearse o documental A viaxe de Leslie, inspirado no derribo dun avión fronte á costa de Ortegal, en 1943, onde morreu, entre outros, o actor británico Leslie Howard

Non fo o único caso de combate aéreo fronte ás nosas costas: na presentación en Ribadeo de Cabalos e lobos, o autor referiuse a un combate entre alemáns e aliados fronte ás costas de Ribadeo, un episodio que ningún dos alí presentes coñecía pero sobre o que se pode atopar información na rede.

Como non teño nada claro onde remata a verdade histórica e onde comeza a ficción literaria, mellor deixo o asunto, que ademais teño sono.