Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.6.15

Medo

Cando eu era pequeniño tíñalle medo ós comunistas, á Garda Civil, ó Cuchufrito e ó can de Filomena.

O can de Filomena saíame ladrando ó carreiro da igrexa, que pasaba a carón da súa eira, cada vez que eu ía por alí. Tardei en decatarme de que os seus ladridos non eran unha ameaza senón unha prevención, xa que non se me perdía nada naquela dirección.

O Cuchufrito torgueaba polos camiños mentres os medía de lado a lado, con media botella de augardente no peto da chaqueta e outra media no papo. Levaba un podo ó ombreiro por se aparecía unha toxeira que rozar a cambio dunha cunca de caldo e dúas de Ribeiro. Pero nunca lle fixo mal a ninguén.

Á Garda Civil tíñalle medo porque un veciño sempre me dicía que me ían levar preso porque seica eu lle prendera lume ó río con fentos verdes e mistos sen cabeza. Era mal home, que iso a un neno non se lle di, pero deixei de terlle medo á parella cando me crucei unhas cantas veces con eles e nin me miraron.

O peor era o medo ós comunistas. Eu non coñecía ningún, nin sabía que pinta tiñan, pero morría co medo a que se me aparecese un e me fixese calquera desas moitas cousas malas que eles disque facían.

Pasábame coma a Don Celidonio cos sindicalistas e como supoño que lles pasará a moitos nenos de agora se lle prestan algo de atención ás declaracións de certos agoreiros, referíndose ós novos camiños que parece coller a política do País. O único que lles falta por dicir é o que Antolín Mediante puxo en boca dun personaxe nun dos seus poemas, publicado en Ecos vegadenses na primeira quincena do 31 (nº 161): se veñen os comunistas vas ter que compartir a muller con todos:
[...]

Fragmento dun poema sobre a situación política na época

3.6.15

Filgueira Valverde no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros

Portada de "Seis canciones..."
Deixando a un lado as polémicas sobre o acerto ou desacerto da RAG ó designar a Filgueira Valverde como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015, tiña pensado non deixar anoitecer maio sen dar conta da presenza deste autor no arquivo de Dionisio Gamallo. Pero o tempo corre máis ca min e entrou o mes de San Xoán sen que fixese os deberes. Toca hoxe.

Unha vez máis, debo manifestar o meu agradecemento á familia Gamallo Fierros, e en especial a Toni Deaño, por facilitarme o acceso a este material coa finalidade de organizar unha exposición no instituto de RibadeoDionisio Gamallo, onde boto algunhas horas moitos días do ano desde hai décadas.


A presenza de Filgueira Valverde no arquivo de Gamallo consta de:

Unha separata de Seis canciones de mar “in modo antico”, publicado en Albor (Cuaderno de poesía) baixo edición de José Díaz Jácome. Está datada en Pamplona, en marzo de 1941. Todos sabemos que non era moi frecuente daquela publicar en galego, por moi inofensivo que fose o contido e por moi adepto que fose o autor.
Programa dun curso de literatura

 O programa dun curso de literatura galega impartido por Filgueira na aula 1 da Facultade de Letras da USC entre o dezasete de xaneiro e o dezaoito de febreiro de 1933. O autor aparece no folleto como membro do Seminario de Estudos Galegos. O contido do curso aparece amplamente detallado en catro páxinas impresas en Nós, Pubricazóns galegas e imprenta.

Artigos de prensa:
“Na morte de Sáurez Couto”, publicado no suplemento dominical do Faro de Vigo, o 25 de outubro de 1981. O artigo, que ocupa unha páxina enteira, inclúe fotos e varios debuxos do pintor ribadense.

“Vigo, 1853. Ambiente de la ciudad cuando apareció Faro de Vigo”, publicado no Faro de Vigo o 31 de outubro de 1952. Canto ó contido, non podemos deixar de mencionar as reminiscencias de Curros cando Filgueira escribe:
1853. Galicia pide la construción de un camino de hierro. Es un aliento unánime. [...] Hasta la propia poesía abandona las noches para cantar enfebrecida al vapor y al progreso.
“Pasado y presente de la pintura gallega”, publicado o 21 de xaneiro de 1979 en El Progreso. Resúltanos interesante o paralelismo que Filgueira establece entre algúns pintores galegos e algúns autores literarios: Rosalía con Fierros, Avendaño e Alfredo Souto; Lamas con Carlos Sabrino, Pardo Bazán e Sotomayor, Pondal e Camilo Díaz, Valle-Inclán con Corredoira, Laxeiro e Jorge Castillo; Noriega Varela con Xulia Minguillón, Amado Carballo con Colmeiro, Otero Pedrayo con Julio Prieto e Prego, Pimentel con Frau, Blanco Amor con Souto, Neira Vilas e Casares con Seoane, Cunqueiro e Bouza Brey con Úbeda, e para rematar, o pintor Castelao co escritor Castelao e tamén con Cabanillas.
Tarxeta de Filgueira dirixida a Dionisio Gamallo

Unha tarxeta na que Filgueira saúda a Dionisio Gamallo e comunícalle que estivo “a la muerte pero voy reponiéndome” e dúas tarxetas de nadal, correspondentes a 1945 e 1946.

Cartas:
No arquivo de Gamallo consérvanse doce cartas. A máis antiga é do dez de decembro de
Comezo dunha carta de Filgueira a Gamallo
1937 e a máis recente do vinte e cinco de marzo de 1989. Esta última é a única manuscrita e redactada en galego; as outras están mecanografadas en castelán.

Canto ó contido, as máis antigas, ademais dunha serie de cumpridos de carácter persoal, tratan principalmente de cadros do Pintor Fierros, avó de Dionisio, polos cales Filgueira amosa interese, para expoñelos no museo de Pontevedra e, nun caso, tamén se refiren a un de Sánchez Coello que Filgueira require para unha exposición en Lisboa. Nas cartas hai valoracións pictóricas moi precisas por parte de Filgueira, que chega a concretar a cantidade e o tipo de cadros que lle gustaría ter de Fierros no museo. Tamén se ofrece para desprazarse a Ribadeo el ou o restaurador do museo para recoller e acondicionar os cadros.

Pero, aínda que o contido das cartas se centra sobre todo na pintura, tamén hai alusións literarias, tanto referidas a textos de Gamallo como a traballos de Filgueira.

A máis literaria é unha carta do vinte e dous de xuño de 1959, na que Filgueira dá conta detallada dos traballos de investigación nos que daquela andaba metido, tanto para editar en Galicia como en América. Tamén se refire a un ciclo de conferencias que vai pronunciar en Coímbra e en Lisboa, e envíalle o esquema das mesmas, que levan por título: Compostela, ciudad barroca; Los influjos litúrgicos e La sobrevivencia del “Cossante”.

Do comezo da carta dedúcese que Gamallo lle pediu esa información a través de Aquilino Iglesia Alvariño.

Postdata dunha carta na que Filgueira lle pide autorización
a Gamallo para propoñelo como Correspondente da RAG.
Ademais do contido mecanografado, unha carta do sete de xaneiro de 1943 contén unha postdata manuscrita na cal Filgueira lle pide permiso a Dionisio Gamallo para propoñelo como correspondente da Real Academia Galega. É de supoñer que o ribadense aceptou, pois efectivamente acabou sendo correspondente da RAG, igual que o foi da RAE e do RIDEA.

Comezo da última carta de Filgueira a Gamallo
Acompañando a última carta, Filgueira gaba o galego de Gamallo e di que lle envía un poema que o ribadense lle dedicou en febreiro do 38. 

Efectivamente, a carón da carta consérvase un poema titulado “Eucaristía del amanecer”, dedicado “Al Sr. Don José Filgueira Valverde. Catedrático de Literatura y amigo, la más sentida de mis composiciones”. O poema consta de dúas páxinas mecanografadas, inclúe unha variente manuscrita para un dos versos, e está asinado por Dionisio Gamallo.

Comezo do poema que Gamallo lle dedicou a Filgueira en 1938
E iso é todo amigos, como dicía o bicho aquel.

31.5.15

1000 Primaveras +

Pantallazo do vídeo 1000 primaveras +
Un día faláronme da idea. 

Un día púxenme diante da cámara de Tania con moito mundo ó fondo, para que a mensaxe chegue lonxe. Tamén do outro lado da ponte que vai cara ó Eo-Navia.

Un día pilloume Noel e púxome á cabeza da procesión. 

Un día será certo que hai 1000 primaveras máis.


16.5.15

De Miles Davies ó capador de Faramontaos, pasando por Filgueira Valverde

I
Alan Lomax
Seica un tal José María Rodríguez andaba os camiños coa coitela na man capando porcos por terras ourensás. Parece que tamén mataba. O 8 de decembro do 52 tocaba matanza en Faramontaos, na Merca.

Seica un tal Alan Lomax andaba polo país  adiante gravando músicas populares. Era o ano 52 e acompañábao a Garda Civil, que non tiña nada mellor que facer e un texano de case dous metros cunha gravadora na man podía ser un tipo perigoso. Antes, xa lle dera por gravar os negros de Mississipi e Louisiana e o FBI acabou redactando sobre el un informe de 800 folios.
Filgueira Valverde

Seica un tal Filgueira Valverde lle recomendou a Lomax asistir á matanza do porco nalgunha eira do país. Non sei se o fixo con intención de que gravase os berros do porco co coitelo espetado na gorxa, pero o que o americano gravou foi a melodía do chifro co que o capador anunciaba a súa presenza.

Seica un tal Miles Davies acabou escoitando a gravación do chifro do capador de Faramontaos e inspirouse nel para compoñer The pan piper, que abre o seu álbum Sketches of Spain.
Miles Davies

De todo o que lin estes tempos sobre Filgueira Valverde, o que máis me gustou foi saber a súa participación nesta historia. Paréceme que demostra sensibilidade pola súa parte, aínda que tamén habería que saber que pensou o porco de que lle mandase a un texano como testemuña da súa agonía.

II
Souben desa historia no último número de Luzes (nº 16), unha magnífica publicación dirixida por M. Rivas e X.M. Pereiro sen ningunha axuda oficial. Se cadra, a estes dous tamén había que poñerlles a Garda Civil á beira, que teñen un bolígrafo, saben escribir e, polo tanto, son perigosos.
Portada do nº 16 da revista Luzes

2.5.15

Eonaviegos en “Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)”

Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)
Dionisio Gamallo Fierros
Rematei abril coa lectura das últimas páxinas de Conciencia política e literatura galega enMadrid (1950-2000), de Ana Acuña, que poucos días antes foi galardoado co premio Losada Diéguez de Investigación.

Achegueime a ese libro, principalmente, porque presupoñía que nel ía atopar novos datos das andanzas de Dionisio Gamallo Fierros no Madrid dos anos 50, xusto antes de volver a Ribadeo para ser o primeiro director do instituto de ensinanza media que agora leva o seu nome, a carón do do concello.

E Gamallo está no libro, acertadamente clasificado como “erudito non belixerante”, pero intúo que o seu protagonismo queda un pouco diluído, esparexido aquí e acolá, se cadra de xeito acorde coa súa desorganizada vida intelectual: estaba sempre pero parecía que nunca estaba.
Daniel Cortezón

Seguramente a relevancia de Dionisio cobre máis protagonismo cando alguén sexa capaz de poñer orde no seu interminable arquivo e dea a coñecer máis datos do seu labor naqueles anos. E sei que hai quen anda metido nesa difícil faena. Polo que vou sabendo, poida que sexa Pura Vázquez quen mellor o retrate cando di “[Gamallo Fierros] será introdutor e guía naqueles tempos de cantos galegos caïamos por Madrid”.

Porén, non contaba con tanta presenza doutro ribadense, bo amigo do anterior: Daniel Cortezón. Descoñecía eu tanta implicación, incluso política. Por exemplo, non sabía nada do seu arriscado esforzo vendendo nos anos sesenta exemplares dos libros prohibidos de Castelao, chegados de América, para recadar fondos para a película que Valentín Fernández promoveu daquela en Arxentina sobre o rianxeiro, dirixida por Jorge Prelorán.
Luz Pozo Garza
A mí Valentín Fernández me mandó cientos de libros que estaban siendo perseguidos en España, cientos de libros que yo vendí para la película de Castelao” (Daniel Cortezón). 
“Nese labor traballou moito Daniel Cortezón e eu proprio” (Isaac Alonso Estraviz).
Tamén atopei referencias a Cotarelo Valledor –poucas, porque faleceu xusto no ano no que comeza o estudo de Ana Acuña-, a Fermín Penzol e a outros eonaviegos como Luz Pozo, Xavier Rodríguez Baixeras, Crisanto Veiguela, Xavier Frías Conde ou Viqui Veiguela, todos implicados na difícil tarefa de manter acesa a chama da cultura galega en Madrid. Por haber, ata hai unha pequena alusión a Antón Moreda, un mariñao de Barreiros relacionado co nacionalismo galego, de quen non sei case nada.
Xavier Rodríguez Baixeras

Xavier Frías Conde
Eu sabía xa, por diversas fontes, do labor dalgúns destes. Coñecía, por exemplo, o decisivo papel de Frías Conde como impulsor e mantedor, a carón doutros, do Grupo Bilbao. Sabía tamén da presenza neste grupo de Viqui Veiguela, para min unha poeta excelente, de quen me dixeron unha vez: “É que xa no instituto era capaz de converter en poesía os apuntes de matemáticas”.

Pola contra, non tiña constancia ningunha da actividade en Madrid de Luz Pozo e de Xavier Baixeras, nin do activismo de Crisanto Veiguela.

No título do libro alúdese por separado á “conciencia política” e a “literatura galega”. Eu creo que, en xeral, a relevancia dos eonaviegos madrigalegos medra canto máis nos achegamos ó segundo aspecto, e é máis escasa en relación co primeiro, aínda que a militancia política non é algo alleo a todos
eles.

A análise de Ana Acuña remata co inicio deste século, pero cando alguén  revise coa mesma minuciosidade os quince anos que van do mesmo, atopará seguramente máis dinamismo có que a autora describe por volta do 2000, cun Grupo Bilbao avivado e cun Xavier Frías máis hiperactivo ca nunca.

Polo de pronto, o libro de Ana Acuña paréceme unha lectura moi recomendada para todos os que queiran saber do asunto que ben se explicita no título e, de xeito especial, para os eonaviegos das dúas bandas da ría que queiran saber máis sobre o traballo dos seus conveciños que son ou foron nalgún momento “madrigalegos”.
Viqui Veiguela



Crisanto Veiguela

Armando Cotarelo Valledor
Fermín Penzol
Antón Moreda



28.4.15

Lingua e documentación

Cabeceira do blog.
Coñecín hai pouco o blog Historia de Deza, no que o autor vai engadindo regularmente interesante información sobre a zona.

Nunha das entradas, baixo o título Documentos de las tierras de Deza en el Archivo Histórico Nacional (5 de novembro de 2014), ofrécenos un listado de todos os documentos relacionados coa comarca conservados nese arquivo. De cada un deles indícase data, contido, idioma e, dos máis antigos, tamén tipo de letra.

A min interésame sobre todo o idioma, porque permite ver os cambios de lingua que se foron dando ó longo da historia. Non é que sexan sorprendentes, pero achegan datos e datas concretas ó que xa coñecemos globalmente.

Entre o 1082 e o 1274 hai dezasete  documentos, dos cales catorce están en escritos latín. En dous casos non hai indicación de idioma.
Primeiro documento escrito en latín que figura no arquivo

O primeiro documento redactado en galego é de 1284. Trátase dun documento de compravenda mediante o cal Juan Moogo lles vende a Pedro Gil e a seu tío seis leiras situadas en San Salvador de Pescoso.

Último documento redactado en latín e primeiro escrito en galego, segundo o listado do blog

O último documento en galego é de 1455. Entre este e o de 1284 quedan vinte e catro documentos en galego e cinco sen indicación de idioma.
Último documento escrito en galego e primeiro redactado en castelán

En 1559 temos o primeiro texto en castelán, que supoñemos fixo de aí para adiante, aínda que varios documentos aparecen sen indicación de idioma. Entre esta data e a do último texto en galego sitúase o momento no cal os escribáns galegos pasaron a ter que examinarse obrigatoriamente en Valladolid. Evidentemente, o cambio de idioma non é alleo e esta decisión e a outras iniciativas centralizadoras.

Tamén é interesante ver a denominación que se lle dá ó novo idioma. A primeira vez que aparece, en 1559, cítase como “castelán”.
"Castellano"
Despois pasa a indicarse como “lengua de Castilla”, que é xeito máis frecuente de chamarlle. Aparece así en 1559, 1632, 1713, 1745, 1752, 1768, 1772, 1782, 1787. 
"Lengua de Castilla"

A etiqueta “español” aparece unha vez en 1679 e outra en 1772. A partir desa data vólvese ó uso de “lengua de Castilla” ata 1804, cando reaparece “español”. Desde esta data para adiante xa non se indica o idioma, supoño que dando por sentado que é o castelán, ou sexa, “la lengua de Castilla”.
"Español"

Os nosos papeliños secuestrados en Madrid dan conta da andaina da nosa lingua. "Pobo que non coñece a súa historia é pobo condenado á irrevocable morte", seica dixo alguén.


20.4.15

Denuncia do desequilibrio

Este artigo publicouse inicialmente na sección "Voces" da web de ProLingua.


Descúlpeseme, antes de nada, que aproveite e distorsione o título do primeiro poemario de Xela Arias para encabezar este artigo.
De lectura ben menos amena cós poemas da malograda Xela é o Anteproxecto deDecreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos agasallou xusto antes da Semana Santa, supoño que como lectura alternativa ás procesións.
Pasado o índice, no terceiro parágrafo xa nos arrebolan un “pronomicidio” (A Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, lle deu unha nova redacción ao artigo 6 da Lei ...), que non ha ser o único, para mancarnos os ollos e o oído como anticipo doutros estacazos ós que o Decreto pode abrirlles a porta.
Para deixarnos co sabor acedo do comezo, as 913 páxinas do documento péchanse co cadro das materias específicas de opción de 2º de bacharelato, onde non figura a Literatura galega do século XX e da actualidade, ata o de agora optativa neste curso. A súa supresión non nos parece asunto menor. Dirase, seguramente, que se pode ofertar como materia de libre configuración de centro, pero non vemos motivo para non mantela xa no listado ofrecido pola Consellería, a carón das outras quince, evitando así trámites e condicións que terán que cumprirse para poder impartila.

A publicación deste borrador coincidiu con novas manifestacións das Autoridades nas que se alude unha e outra vez a que o equilibrio lingüístico no ensino está garantido, algo que xa se vén repetindo desde que se coñeceron os preocupantes datos do Informe IGE 2013.
Nós consideramos que non é así e que ó incuestionable desequilibrio social a favor do castelán hai que engadir tamén desequilibrios no ensino, por moito que se insista no contrario:
1- Desequilibrio nas materias.
No novo currículo da ESO aumenta o número de horas de docencia das matemáticas. Se temos en conta que se trata dunha materia que se debe impartir en castelán, é evidente que está aumentando tamén o número de horas de docencia neste idioma.
2- Desequilibrio nos materiais.
O Decreto 79/2010 establece que “Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”.
No caso do galego, isto parécenos factible para recursos clásicos como os apuntamentos; algo máis difícil de cumprir para os libros de texto e moi complicado para outros recursos que cada vez teñen máis relevancia nas aulas.
En relación cos libros de texto, o mercado editorial ten as súas propias normas, movidas principalmente pola rendibilidade económica, e a oferta en galego é escasa ou nula para algunhas materias, especialmente para as que poden impartirse en galego ou castelán segundo a escolla de cada centro.
Máis preocupante é aínda o que sucede con outro tipo de recursos pedagóxicos. Por moito que o Decreto 79/2010 estableza que a Consellería fomentará a elaboración e publicación de materiais curriculares, o certo é que a rede está chea de recursos, moitas veces magníficos desde o punto de vista pedagóxico, pero que case nunca están en galego.
Abonda con mirar o repositorio do espazo Abalar para comprobar que non é raro atopar recursos en castelán para materias que deben impartirse en galego. A propia Administración facilita eses materiais contradicindo a súa norma. Se iso sucede no reducido mundo Abalar, calquera pode imaxinar o que se pode atopar de xeito xeral no interminable espazo da rede.
Penso, por exemplo, en documentos audiovisuais –Youtube é unha fonte inesgotable- e en recursos interactivos, moitas veces difíciles de elaborar, que podemos atopar en webs institucionais e en blogs particulares de docentes que os ofrecen a toda a comunidade escolar, creados con ferramentas que non todos dominamos.
Por moi boa predisposición que haxa para poñérmonos a elaborar recursos dese tipo en galego, non creo que se poida competir en calidade con moitos dos dispoñibles nos espazos educativos das webs de diversas institucións ou Fundacións que contan con financiamento e profesionais cualificados para crear produtos para o ensino, ou de particulares que os ofrecen desinteresadamente a toda a comunidade escolar.
Co que custa manter a atención e o interese en aulas cada vez máis masificadas, non é xusto pedirlle ó profesorado das materias que deben impartirse en galego que renuncie a eses recursos, pedagoxicamente bos, polo feito de non estaren en galego.
Antes, podería tratarse de algo excepcional, pero cada vez teñen máis presenza e é unha sorte que os docentes poidan acceder a este tipo de recursos, inalcanzables hai só uns anos. Pero ó usalos, o castelán entra tamén en materias que se imparten en galego e habería que ir pensando en que ese espazo, eses minutos cada vez máis abundantes que perde o galego deberían ser compensados cun aumento de materias asignadas ó noso idioma. Se non se fai, tamén aquí aumenta o desequilibrio entre as dúas linguas.
3- Desequilibrio na avaliación final da ESO.
No artigo 22.1 do borrador do anteproxecto do Decreto que establece os novos currículos regúlase a avaliación final de etapa da ESO, na que, se non interpreto mal, o alumnado non ten que examinarse obrigatoriamente da materia de Lingua galega, por non ser troncal senón de libre configuración autonómica:
Artigo 22. Avaliación final da Educación Secundaria Obrigatoria
1. Ao finalizar o cuarto curso, os alumnos e alumnas realizarán unha avaliación individualizada pola opción de ensinanzas académicas ou pola de ensinanzas aplicadas, na que se comprobará o logro dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes en relación coas seguintes materias:
– a) Todas as materias xerais cursadas no bloque de materias troncais, salvo Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química, das que o alumno ou alumna será avaliado se as escolle entre as materias de opción, segundo se indica no parágrafo seguinte.
– b) Dúas das materias de opción cursadas no bloque de materias troncais, en cuarto curso.
– c) Unha materia do bloque de materias específicas cursada en calquera dos cursos, que non sexa Educación Física, Relixión, ou Valores Éticos.
Queremos pensar que se trata dunha inconcreción na redacción do Decreto ou dun erro de interpretación pola nosa parte. De ser, efectivamente, opcional a proba de lingua galega na avaliación final, a norma pareceríanos escandalosa.
4- Desequilibrio na exención.
Xa postos, cremos que habería que modificar tamén o artigo 18 do Decreto 79/2010, que regula a exención da cualificación das probas de lingua galega.
Por unha banda, hai desequilibrio no feito de que se conceda a exención da nota de lingua galega e non da de castelán ó alumnado que se incorpore ó noso sistema educativo sen coñecer nin un idioma nin o outro. A mensaxe que se lle está lanzando, indirectamente, é que un deses idiomas é importante e o outro non.
Por outra banda, vai sendo hora de que se lle dea un tratamento diferenciado ó alumnado procedente das zonas de fala galega administrativamente non galegas. Non é o mesmo chegar de Kiev ou de Shangai ca de Castropol, Santalla de Ozcos, Lubián ou Corullón.
Como conclusión, cremos que tanto desequilibrio ben merece modificacións no Decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e a derrogación do mal chamado Decreto para o plurilingüismo, independentemente do remate que acabe tendo o proceso xudicial no que aínda pode estar inmerso, e a elaboración doutro con consenso e con senso, como oportunamente se suxeriu recentemente desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.


ADDENDA
O día 11 de abril publicouse en La Voz de Galicia unha noticia relacionada co que expoñemos no punto 3:
Certamente, o Real Decreto 1105/2014, de 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato (BOE, 3 de xaneiro de 2015) establece no punto 1 da disposición adicional 7ª que:
1. La asignatura Lengua Cooficial y Literatura deberá ser evaluada en las evaluaciones finales indicadas en los artículos 21 y 31, y se tendrá en cuenta para el cálculo de la nota obtenida en dichas evaluaciones finales en la misma proporción que la asignatura Lengua Castellana y Literatura.
No momento de redactarmos o artigo, descoñeciamos esa disposición e, certamente, alegrámonos de que exista e garanta a presenza do galego como materia obrigatoria nas avaliacións finais da ESO e bacharelato.
Con todo, non deixa de ser tamén un xeito de desequilibrio o feito de que a obrigatoriedade do galego nas probas se regule nunha disposición adicional doutro decreto. É como se o castelán entrase pola porta principal e o galego pola porta traseira.
20 de abril de 2015

13.4.15

A tiranía do azar

Portada de La Voz de Galicia dixital
Hai pouco lin Tocar los libros, de Jesús Marchamalo, un inxenioso libro que trata de libros de xeito divertido.

No comezo, o autor analiza as distintas formas de organizar os libros nas bibliotecas e chega á conclusión de que a orde alfabética, tan habitual, ten os seus perigos, porque pode facer que Sábato cadre no andel a carón do marqués de Sade, algo que parece un sacrilexio, igual que resulta intolerable xuntar a Platón con Pynchon, que non sei quen é.

Supoño que algo parecido é ó que lle pasa ó alumnado cando se colocan co mesmo criterio: algúns desexarían cambiar de pai só para ter un apelido distinto e librarse do pelma que lle tocou á beira. É a tiranía do azar.


Tamén o azar pode facer que acaben compartindo espazo, neste caso nas portadas dos xornais, autores en principio ben distintos: Grass e Galeano.

Portada de El País dixital

6.4.15

Conservas legais e ilegais

Cando Tania merca conservas, o primeiro que fai ó chegar con elas á casa é indicarme que non son ilegais. O mesmo fai cando mercamos xuntos e se demora mirando con calma os andeis ateigados de torres de latas en difícil equilibrio:
- Estou mirando que non sexan ilegais.
Non é que a miña filla estea obsesionada con que os peixiños dean ou non a talla nin con que os moluscos sexan “sen papeis” ou documentados. Ela chámalle conservas ilegais ás que teñen a toponimia estragada na etiquetaxe do envase e legais ás que coidan este aspecto. Faino porque sabe da miña negativa a mercar produtos de empresarios que desprezan este asunto.

Acórdome de todo isto mentres case rompo unha uña intentando abrir unha lata de mexillóns con abrefácil, despois de pasalas negras para sacarlle a tapa a un bote de espárragos de Navarra.
Vou ter que introducir  novas condicións... ou facer tortilla para a cea.

16.3.15

Galego, lingua por defecto

Escribín este texto para a sección "Voces", de ideas.gal, onde se publicou inicialmente
(13 de marzo de 2015)

Empezarei por unha triste anécdota:
Hai xa uns cantos anos, tiven que acudir como testemuña ó xulgado de Mondoñedo por un preito entre veciños. A xuíza preguntoume en castelán e eu respondinlle en galego con toda naturalidade. Non notei nin o máis mínimo reparo. Cando me deron a miña declaración para asinar vin que todo estaba en castelán. Por arte de maxia e dunha funcionaria que tecleara, a nosa lingua desaparecera da acta do acto. Díxenlle, con cordialidade pero con firmeza, que non asinaba porque aquelas palabras, reproducidas en estilo directo, non eran as miñas.
- Es que me parece una tontería tener que traducirlo para que lo firmes –chegou a dicirme.
Traducirme do galego para o castelán non fora parvada pero volver a cousa ó seu, si que o era, seica.
Eu creo que algo parecido está a suceder ultimamente co Decreto do Plurilingüísmo: modificar o anterior Decreto para darlle un trancazo na cabeza ó galego parecía unha emerxencia nacional, pero modificalo para favorecer o galego seica non é importante, que a clave está nas familias e non no ensino. Non entendo, logo, por que fixeron depender de novo a SecretaríaXeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e non de Presidencia, como estaba antes.
Tamén se di que non hai que facer política co idioma. Non sei entón para que existe un organismo que se chama precisamente Secretaría Xeral de Política Lingüística. Coa lingua hai que facer política, igual que hai que facer política ambiental para gobernar e salvar bolboretas e culleretes ou política pesqueira para gobernar e salvar sardiñas e zamburiñas. Coa lingua hai que facer política; o que non hai que facer son parvadas.
Tamén cómpre facer política no sector privado, e pódese, porque o sector privado, en sentido estrito, non existe, especialmente nestes tempos de privatizacións. Privada é a propiedade, pero polo medio das empresas, das Fundacións, dos colectivos culturais, deportivos ou do tipo que sexa andan os cartos de todos en forma de subvención, exención, doazón, axuda ou contratación. A idea tampouco é miña: estamos cansos de oír como desde a Administración lle atribúen o adxectivo de “pública” á ensinanza ou á sanidade concertada, porque se financia con fondos públicos aínda que a xestión sexa privada.
Non me parecen mal as axudas, pero tamén se poden condicionar ó uso do galego. E non lle había parecer mal á maioría da poboación, porque hai xente con actitudes negacionistas, pero tamén hai un amplo sector ó que, cando menos, o galego non lle estorba, aínda que non teña un compromiso activo nin militante a prol da lingua. Iso habería que aproveitalo.

Nos últimos tempos lin algún estudo sobre a “paisaxe lingüística”, ou sexa, os usos idiomáticos en todo iso que lle entra polo ollos a calquera cidadán na súa vida cotiá. O habitual, nada máis saír pola porta, é que nos atopemos cun DERECHA ou IZQUIERDA encima da nosa propia entrada ou da do veciño. Despois entramos nun ascensor que, se é moderno e listiño, dirá CERRANDO PUERTAS, BAJANDO, ABRIENDO PUERTAS ou algo polo estilo. Atravesaremos a zona das caixas do correo cun novo lote de DERECHA e IZQUIERDA. Á saída da porta, non é raro atopar esa papeleira privada que se rotula co eufemismo de PUBLICIDAD. Despois botamos a andar, camiño do traballo, do bar ou dun destino incerto e imos vendo máis e máis letreiros en castelán: ABIERTO, CERRADO POR VACACIONES, SE VENDE, SE ALQUILA, NOS TRASLADAMOS A..., nomes de locais, anuncios publicitarios en folletos e valados, coches de empresa rotulados...

En todo isto o galego é excepción, pero existe. Existen e subsisten sen máis problemas cós que teñen os que usan o castelán, o cal demostra que facerse ver en galego é posible, non causa rexeitamento e, ademais, dános dignidade. Se algúns negocios teñen en galego o nome, a carta, a rotulación, etc. sen ningunha consecuencia negativa, nada malo pasaría se os outros tamén os tivesen. E xa nin vou lembrar aquí estudos nos que se conclúe que o galego vende máis. Confórmome con que se teña a certeza de que non vende menos.
Probablemente, o promotor do edificio ou o emprendedor que montou o negocio contou con algún tipo de axuda pública e podería pedírselle a cambio o uso do galego nestes pequenos detalles. O asunto xa nin debería discutirse se se trata dun edificio público, onde tamén chega o desleixo. Eu traballo nun centro de ensino no que recentemente se acometeron importantes obras de ampliación. Un día observei como un obreiro estaba rotulando unha das portas: COCINA. Pregunteille se non tería por alí un rabiño para poñerlle encima ó N e, para que non parecese un capricho meu, indiqueille que a lexislación establece que os letreiros dos centros teñen que estar en galego. Aquel home miroume con cara de extraterrestre, pero uns días despois estaba posto un COCIÑA. Non cheguei a tempo, pola contra, para evitar tamén varios SALIDA que nos deixaron polas paredes ó rematar a obra. Tivemos que acabar mercando uns SAÍDA, con cargo ós fondos do centro, que pegamos por encima dos outros, por se no futuro os arqueólogos queren dar conta do proceso.
Tamén nos puxeron un ascensor moi moderno que fala e di SUBIENDO, BAJANDO, PLANTA PRIMERA... Un día cadrei co técnico de mantemento e pregunteille se non o podía poñer a falar en galego.
Se queres, déixocho agora mesmo falando en polaco, húngaro, alemán ou nunha ducia de linguas máis, pero en galego non, que cómpre instalarlle un chip que non ten. 
-Vaia, ho...!
Estou seguro de que encher o País de DEREITA e ESQUERDA ou de ascensores que falen en galego non provocaría que se vendesen peor as vivendas. Seguro que a maior parte dos compradores nin reparan nese detalle e o galego quedaría aí para sempre, porque haberá pouca xente disposta a gastar cartos na defensa do idioma, pero son menos aínda os dispostos a gastar cartos contra o idioma.
Pola contra, se de entrada se usa o castelán e alguén propón cambialo para o galego, o asunto xa terá que ir á reunión da comunidade e aí xa vai aparecer alguén que diga que iso é un gasto inútil, e haberá probablemente un troglodita que aproveite para caldear o ambiente chamándolle radical ou cousas peores a quen propoña o cambio.
Ben sei que o problema da lingua móvese noutra dimensión, pero precisamente por iso toda axuda é necesaria, que “un gran non enche celeiro, pero axuda ao compañeiro”. Con detalles tan pequenos, a Administración non perdería cartos e o País gañaría moito. Cómpre conseguir que o galego sexa a lingua que, con naturalidade, apareza por defecto na paisaxe ante os ollos da sociedade. Moitas veces non está por rutina, por tradición ou desleixo. Non é por que a xente teña posturas belixerantes na súa contra. Existen, pero son catro gatos mal encarados, unha minoría negacionista que adoita agacharse diluída nunha maioría que non existe.

Cómpre coñecer e recoñecer o mérito da xente que leva anos loitando pola dignidade do idioma, pero tamén cómpre aproveitar a actitude non contraria daqueles e daquelas que non acoden ás rúas de Compostela cando tocan a rebato as campás da indignación, pero que tampouco teñen nada contra a nosa lingua e que teñen boa disposición para convivir con ela ou para tela, cando menos, á entrada da casa. Se cadra, cando a teñan alí algún tempo, acaban abríndolle as portas da vivenda e tamén do corazón.

28.2.15

No centenario de "Vento mareiro": Ramón Cabanillas na prensa de Castropol anterior á guerra.

Exemplar da 2ª edición de Vento mareiro (1921)
Mañá, 1 de marzo, cúmprense cen anos da publicación do poemario Vento mareiro de Ramón Cabanillas, na Habana. Conservo con orgullo un exemplar da segunda edición, de 1921 (Ed. Galatea, Madrid), con portada de Castelao e ilustracións interiores de Álvaro Cebreiro.


Aproveitando a data, quero dar conta da presenza do poeta de Cambados na prensa de Castropol rescatando datos que xa incluín nunha análise máis ampla.


Cabanillas no Castropol (1905-1925).
A partir do 20 de xaneiro de 1924 (nº 675) iníciase a publicación dunha serie de entregas co título de “Por la tierra ancestral. Crónicas de un viaje, escritas por el licenciado Tristán de Brul”. Descoñezo a identidade deste viaxeiro, que percorreu Galicia e deixou no xornal ampla crónica das súas andanzas.

No nº 681 do xornal, correspondente ó 20 de marzo de 1924, o cronista, dando conta do seu paso pola ría de Arousa, intercala dous fragmentos do poema “A trainera” que Cabanillas incluíra en No desterro (1913), despois de publicalo previamente na prensa galego-cubana:

[...]



O 10 de maio do mesmo ano (nº 685), contemplando uns piñeirais case na fronteira con Portugal, ó cronista vénselle á cabeza o poema “A sombra do pinal”, que Cabanillas publicara no poemario que hoxe cumpre cen anos, Vento mareiro:




Cabanillas en El aldeano (1929-1933).
O 30 de marzo de 1931, Manuel Marinero, un dos impulsores de El aldeano –o outro xornal de Castropol anterior á guerra-  publica un artigo que el titula “Los deportes expontáneos”, que trata en realidade dos enredos da rapazada da época: loitas, lanzamento de pedras, etc..

Encabeza a colaboración cun breve fragmento do poema “O sábado na escola”, pertencente tamén a a Vento mareiro, no que Cabanillas lembra tamén os seus xogos de antano:
Comezo do artigo de Manuel Marinero, "El aldeano, 30/03/31

Non é moito, pero é o que hai sobre Cabanillas na prensa de Castropol anterior á guerra. Menos hai hoxe. Poderiamos falar algo tamén da profunda amizade entre Cabanillas e Fermín Penzol, nacido en Sahagún de Campos (León) pero intimamente ligado a Castropol. Os dous mantiveron longa e fonda amizade e publicaron conxuntamente en Madrid (1922) a primeira revista infantil en galego (As roladas. Follas dos rapaciños galegos), pero esa xa é outra historia.