Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.12.14

Os de fóra como escusa

Cartel de A esmorga
 - Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.
Seica ese era o argumento que daba alguén do cine de Ribadeo para non traer A esmorga. Menos mal que Neves soubo mover fíos e cambiaron de idea.

Eu dou fe de que é certo. Entre Avilés e Ferrol non hai ningún outro cine e hai moitos asturianos que veñen a Ribadeo. Eu mesmo coñezo algúns deles e dou fe tamén de que son asturianos, pero non son parvos. E ademais moitos tamén falan galego.

Usar os de fóra como escusa para agachar as propias miserias, os propios complexos e prexuízos é algo bastante frecuente. Podería encher isto de exemplos, pero valería de pouco, que non me han ler os que non se decatan de que se pode facer o pailaroco en castelán ou en calquera outro idioma e pódese tamén lograr a excelencia en galego.

Podería encher isto tamén de xente de fóra que me pediu que non deixase de falarlle en galego porque me ían entendendo igual e incluso porque querían aprendelo. Podería falar tamén desa rapazada do Cañada Blanch de Londres que tanto admiro: de Vanesa, filla de colombianos, nacida en Madrid, que se expresa exquisitamente en galego con só quince anos; de Brian, fillo dun conductor de autobuses inglés, que soña con visitar Galicia algún día e que cando veña vai falar nese galego que xa fala con soltura.

Podería falar de Katjia, moza alemá de sorriso perenne e moi digno galego, e dos centos de estudantes das case corenta universidades de todo o mundo onde se estuda o noso idioma. Pero non valería de nada, porque non nos han ler os que seguen facendo o pailaroco en castelán de paso que axexan polo ventanuxo para dicir:  
- Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.



14.12.14

Escapismo

  Valéntín García, o actual Secretario Xeral de Política Lingüística, manifesta hoxe en El País que "en la encuesta nos faltan hablantes de gallego". En parte ten razón; eu podo dicirlle onde están uns cantos: polo mundo adiante, emigrados. Algo terán que ver tamén niso as políticas que os seus están facendo.

Fragmento da entrevista en El País (14-12-14)

 Estes días está de moda falar de transparencia, pero os nosos mexilloeiros non dan conseguido que na etiquetaxe das latas que mercamos figure a palabra Galicia, para que non nos metan mexillón de vai-ti-saber-onde. O asunto estase levando, de xeito simbólico, ós plenos dos concellos, onde os do PP votan a favor, pero despois votan en contra nos Parlamentos onde realmente se pode decidir algo. Cousa do demo, supoño. Eu non sei para que vale ter unha denominación de orixe se despois non se pode indicar a orixe.

  Eu botei hoxe media mañá percorrendo establecementos da miña vila en busca dunha botella de auga galega. Estiven en seis sitios e non a dei atopado. É certo que estamos en domingo case todos os lugares nos que se pode mirar son tendas pequenas, onde hai unha ou dúas marcas, pero tamén mirei nun supermercado "de garda", coma as boticas, que ten tres ou catro metros de andeis con augas; se cadra había máis de media ducia de marcas e ningunha era de Galicia. E a min non me dá a gana de comprar auga mineral que non sexa galega, que para iso estamos na Terra da auga. Antes collo o coche e vou á fonte do Valín cun caldeiro.

  Somos os reis do escapismo; non hai maneira de dar connosco. Calquera día buscámonos no mapa e atopamos un burato negro, ou un mar cheo de tiburóns. 

4.12.14

Eduardo Pondal: das Figueiras ó Mar das Galiñas

Talasónimos galegos no Gran Sol
Un día pola mañá, se cadra con néboa no tesón, Eduardo Pondal  abandonou a ribeira das Figueiras, deixou Ribadeo a estribor e colleu rumbo ó Mar das Galiñas.

Ós poucos, levo tempo rastrexando as pegadas da literatura galega no Eo-Navia e xa case nada me sorprende, pero aínda así non esperaba atopar o bardo de Ponteceso tan cerca da miña casa, e moito menos emerxendo das augas coma unha Venus. Souben del grazas ós Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Carrillo tamén levou ó mar a literatura galega. O neno da rapeta e do mansío chegou a ser armador do seu propio gransoleiro: Eduardo Pondal. Construído no ano 69, en sociedade con dous cuñados, nos estaleiros Gondán, Figueiras, Ría de Ribadeo. “O nome foi cousa das miñas fillas: Lola, Carmen e Zulema. Cando o soubo Planas, o armador dos barcos nos que andaba, regaloume Queixumes dos pinos”.
A chamada de Ossian tivo resposta. Eduardo Pondal sae cara ao mar de Irlanda. Que lances prodixiosos han vir nesas viradas?

No Gran Sol está o Mar das Galiñas, e A Selva, Os tres Codillos, A Cona da Vella e moitos outros talasónimos galegos, nomes cos que os nosos mariñeiros bautizaron as leiras do mar de por aí arriba, segundo nos descobre o de Monte Alto.

Carrillo, José Carrillo, seica naceu no ano 30 e ós 11 comezou a ir ó mar. Con 26 quitou o título de patrón e estreou o nomeamento camiño de Irlanda mandando un barco cunha fenda remendada con cemento rápido. Nin Sinbad sería capaz de tal fazaña. O Gran Sol foi o seu mundo desde aquela. A compañía do Eduardo Pondal chegou anos despois. Quen sabe as que pasaron xuntos!, pero nunca teremos noticia diso, porque as cousas do mar non se contan na terra.

Busco na rede e, certamente, atopo a partida de bautizo do Eduardo Pondal, na web do estaleiro onde se construiu, só que está rexistrado no ano 70 e non no 69. Tanto ten. A encarga figura a nome de “Manuel Castiñeiras e outros”. É de supoñer que o tal Castiñeiras é un dos cuñados de Carrillo.

Rexistro do Eduardo Pondal, na web do estaleiro Gondán
Eu non sei se Gondán non construiu outros barcos antes ca estes ou se non leva conta. Polo rexistro, o Eduardo Pondal foi o segundo botado no estaleiro, precedido só polo Segundo Río Sil, do ano anterior.

Non escribo máis, que acabo de oír, coma cada día,  a sirena do estaleiro de Gondán. Toca descanso.

26.11.14

OS TEIXEDAIS de Xoán Babarro.

Imaxe da colección
Non debeu ser doado o ensino do galego nos primeiros tempos, cando case non había recursos editados e non se contaba con internet.

Seguramente Xoán Babarro podería falar diso con detalle, pois foi un dos primeiros docentes do noso idioma e é autor de As nosas letras 1 e 2 (editorial Casals) cando non había case nada. Se cadra é por iso que aínda leva dentro o ánimo de poñer recursos a disposición de todos.

Falar de Babarro é falar tamén do galego de Asturias, eido no que moito leva labrado.

Nos últimos meses, Babarro foime enviando exemplares da colección Os Teixedais, un conxunto de caderniños autoeditados con recursos para o ensino do galego no occidente de Asturias, e non só, a partir de textos de autores da zona.

Agora, co seu consentimento, contribuímos desde aquí á súa difusión, coa esperanza de que sexa útil para calquera con interese no asunto, pero especialmente coa ilusión de que poidan chegar ós nenos eonaviegos, agora que cantan os paporrubios no medio do inverno.

Premendo nas portadas, accédese ós PDF dos distintos exemplares.
No de Cándido Sanjurjo tamén podes escoitar dous textos recitados por el mesmo.

Unha vez que se abre o documento, pódese poñer o tamaño da páxina ó gusto de cada lector, usando as ferramentas da parte inferior dereita.

OS TEIXEDAIS -1
OS TEIXEDAIS- 2

OS TEIXEDAIS -3
OS TEIXEDAIS - 4

OS TEIXEDAIS - 5

Podes escoitar dous textos
premendo nos títulos:
 "Recordo amargo"
"Chucurruchú".
E tamén premendo
no enlace
(cadea branca en redondel azul)
que aparece a carón do
título de cada texto.

OS TEIXEDAIS - 6

OS TEIXEDAIS- 7
OS TEIXEDAIS- 8

15.11.14

25 anos do Grupo Eilao pro-defensa da nosa lingua

Remexendo vellos exemplares de La Comarca del Eo atopo tres artigos que tratan de tempos de ilusión no Eo-Navia. Eu daquela estaba lonxe e nada sei dos feitos. Teño lido e teño oído falar do asunto, de como evolucionou o soño e de como foi esmorecendo, pero nada sei de primeira man. Nada.

Coñézovos só a algúns dos citados nos artigos. Á maioría, non. Pero admírovos a todos. Admiro a iniciativa e imaxino o brillo da ilusión aqueles días nas meniñas dos vosos ollos.
  
Hoxe, aí fóra non para de chover, a e min, como lle sucedía ó bardo, invádeme a melancolía e mesmo a tristeza ó decatarme de que o 25 aniversario daquel soño pasou desapercibido: nin unha reportaxe na prensa, nin un acto conmemorativo, nin tan sequera unha churrascada con todos xuntos. Aínda que todos estivésedes zugando os ósos en silencio, aínda que fose así...

La Comarca del Eo, 29 de xaneiro de 1989

La Comarca del Eo, 5 de febreiro de 1989

La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

(Continuación do anterior) La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

(Continuación do anterior) La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

12.11.14

Aurora García Rivas: Vía muerta.

Fin de semana de actividade cultural no Eo-Navia.


I
Aurora García Rivas presentou o venres na Pontenova a súa nova novela: Vía muerta. O acto repetiuse o sábado pola mañá en Taramunde, pola tarde en Santiso e o luns en Riotorto. Para decembro queda a presentación en Ribadeo.

Eu estiven en Santiso, onde conduciu o acto o incansable Ángel Prieto. Ademais de caerme mellor o horario, teño predilección polos actos culturais no rural, con pequeno aforo, onde un acaba sentíndose coma nunha xuntanza de amigos.
  
Caladiñamente, a autora de Santiso leva xa dezaseis libros, se incluímos os de pequeno formato. Despois de cultivar con éxito a poesía en galego e a literatura infantil, na súa madurez estase decantando máis pola narrativa longa en castelán. Un ten que aceptar, e ata tratar de entender, as decisións idiomáticas de cada autor, pero non deixa de lamentar que non pase a engrosar o corpus da literatura galega unha obra coma Vía muerta.

Aurora sabe, iso si, que a min non me gusta a deturpación da toponimia (Puentenuevo, Villaodrid, Villameá, ...) por moito que a novela estea en castelán, e máis aínda cando na obra se manteñen palabras do léxico local, acertadamente glosadas ó remate da novela. Pero os seus motivos terá para facelo, e tamén haberá que tratar de entendelos.

Á marxe diso, a obra é de lectura máis que aconsellable. A autora di que é unha homenaxe persoal á súa terra, pero a novela é recomendable non só para os habitantes das ribeiras do Eo, que poden ter o aliciente de ver representado un escenario que moitos aínda gardan na memoria, presidido polo tren de Vilaouriz, senón para calquera lector amante de historias cheas de sensibilidade, ben contadas, cun estilo que na presentación a editora relacionou con Baroja.
Corría la segunda década del siglo. Al mismo tiempo que en Villaodriz, en Ribadeo amanecía una mañana más. En la villa empezaba el diario bullicio desde las Cuatro Calles al muelle y desde éste a Virgen del Camino bajo la protección de santa Cruz. Se decía la primera misa en Santa María del Campo; se abrían las ventanas para ventilar las alcobas; en las confiterías olía a mantequilla y a anís y en los bares a café y a chocolate; a pan recién horneado en las tahonas. Los parroquianos empezaban a salir de sus casas camino de sus quehaceres o de sus devociones. 
En la villa los cafés más emblemáticos acogían a los clientes de costumbre, que hablaban sobre lo divino y lo humano, de la decadencia de las minas, del parón en el cargadero [...]
Celebro esta nova achega de Aurora, editada por Septem ediciones, que se pode adquirir nas librerías e, en formato dixital, en varias plataformas de descarga.

Agradezo, por último, a miña presenza inmerecida no capítulo de agradecementos, pois ben pouco é o que eu acheguei no proceso creativo da novela.  


II
O domingo en Bual inaugurouse unha homenaxe a Benjamín López, co gallo do 50 aniversario do seu falecemento.
Cartel da homenaxe a Benjamín López
Eu tiven coñecemento deste autor e do seu Montañas de la costa verde grazas a Xoán Babarro, que o incluiu na súa tese de doutoramento sobre os lindes do galego de Asturias e na súa antoloxía sobre a poesía do Eo-Navia. Son tantos os nomes das letras eonaviegas que estaban esquecidos ata que Babarro os puxo á vista...

4.11.14

Eu digo...

 Eu digo
Cristina, Elena, María, Sara e Jaime gravando unha toma do vídeo.
Convocatoria urxente nunha aula. Púxenlles Ghalegho.
- Ten máis de 100.000 visitas en Youtube -díxenlles-, ou sexa, pode haber máis de 100.000 persoas que pensen que en Ribadeo somos gilipollas. Necesítovos.
E propúxenlles a idea. Díxenlles que non acepataba un non por resposta por medo a ter un non por resposta. Axiña me decatei do equivocado que estaba.

Deilles un borrador de guión e repartírono ó momento. Despois mellorárono. Buscaron exteriores. Gravaron. Repetiron o que lles parecía que había que repetir...

Pasáronme as gravacións e axiña mas pillou Tania, a miña filla, para mellorar algúns aspectos técnicos: luz, encadres, horizontalidade dalgunhas tomas, ...

Moi, moi orgulloso de Sara, Cristina, María, Elena e Jaime. Tamén de Tania, que mellorou o que xa era bo.

Con equipos así, calquera traballa. Con equipos así véncense todos os aires que veñen á contra.


-----------------------------------------------------
Unha semana despois...:
- Máis de 23.000 visitas en Youtube cando aínda faltan unhas horas para que se cumpra unha semana desde que colgamos o vídeo.  
- Incontables "compartir" en Facebook e en Twiter. 
- Reseñas e entrevistas na prensa: Praza PúblicaLa Voz de Galicia (outra vez La Voz de Galicia), Galicia confidencial, Noticias Galicia, ...  
- A Radio Galega.  
- Blogs e webs: Ribadeo e o cine (Ribadeo), Moedas para Caronte (Meira), Vitola (IES María Casares), Gavieira (IES Elviña), A voz do Resío (IES O Rocío- Coia), Historia na Lama (IES Lama das Quendas), A beira das palabras (IES de Vilalonga), Son de noso (IES de Curtis), Carta xeométrica, Galifornia do norte (IES Concepción Arenal), Olloparo (Cedeira), Ler no Losada (IES Losada Diéguez), Mensaxes dun paporroibo, Chuza!, Eu que sei, A chave do mundo (Fundación Fogar de Santa Margarida), Basellafala (IES A Basella), A caixa dos contos do Menéndez, Gasta a lingua (IES Otero Pedrayo),Enmuponte (IES Enrique Muruais- A Pontenova), La llave de los campos (blog de Héctor Acebo), Pugamiudiño (do IES Puga Ramón- Vigo), Blog da Silva (CPI Cernadas de Castro - Lousame), De papel e tinta (Divino Maestro - Lugo), IES da Terra Chá, Tvplayvideos
 Graciñas pola acollida! Orgullosos do galego. Orgullosos de vós. 

31.10.14

As cereixas dun poema. A menina Campilho.

Pásame ás veces que uns textos tiran por outros, coma cereixas saíndo dun cesto.
A madrugada

[...]
Ela tumbouse ó meu carón
coas confianzas que dá a madrugada,
e entablou conversa sen vir a conto. 
Faloume
de todos os tíos que lle entraran naquela noite
dos tíos que non lle entraran e tampouco lle interesaban
[...] 
Faloume
tamén dun tío que sempre parecía estar a punto
de dicirlle algo interesante  
e sempre lle acababa falando
daquelas poetas portuguesas
ANTÓN LOPOFálame,  Sociedade de Cultura Valle Inclán, 2003

... sempre lle acababa falando daquelas poetas portuguesas. Poetas portuguesas... Hoxe é 31 de outubro, así que é o día propio para este videopoema de Matilde Campilho, unha poeta portuguesa que entrou nos últimos meses coma un meteorito nas letras de Portugal e do Brasil co seu primeiro libro: Jóquei.
                         31 de outubro

Unha entrevista onde ela mesma fala da súa obra:                  
                      Matilde Campilho

Outra máis, menos formal pero creo que máis clarificadora, máis transparente.

Alén das imaxes, a audición dos seus videopoemas -por exemplo, Día dez- tráeme á cabeza o marabilloso Berlín de María Lado, con Fanny + Alexander, ou a M. Rivas recitando os poemas de Ningún cisne no CD de O pobo da noite.
Dan ganas de dicir:
- Sigue falando. Non importa o que digas, pero non cales.
Pásame ás veces que uns textos tiran por outros coma cereixas saíndo dun cesto.

24.10.14

Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

Estaba publicando este traballiño por entregas, pero descubrín as posibilidades de issuu e, como me pareceu unha ferramenta bonita, colguei alí todo o borrador -é que sempre se lle pode dar unha voltiña-. Así que se a alguén lle interesa xa pode acceder a todo o documento.

Como sei que a cousa é densa, aconsello ir primeiro ó remate para ver o índice e ter unha idea do que hai. Tamén se pode descargar.

Premedes na imaxe e xa vos leva de paseo por todo o que atopei sobre Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936.

Portada de Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

5.10.14

Publicidade, lingua e cartos


Ultimamente chéganos a través dos medios unha campaña publicitaria de Gas Natural - Fenosa na que se nota que pretenden que se visibilice a súa galeguidade relacionando a marca Fenosa cos apelidos galegos (Lodeiro, Carreira, Rosende, Dosil, Taboada, ...).

Aínda que o que nos entra polos ollos é distinto, a mensaxe que pretenden que nos chegue ó cerebro é a mesma que antes utilizou Gadis cos seus exitosos “Vivamos como galegos”: somos dos teus, somos galegos e estamos orgullosos de selo. Esa é a idea.

Tamén outras empresas importantes coma R ou Zara tratan de explicitar a súa galeguidade como activo diferencial fronte ós competidores.

Son empresas fortes, con capacidade para contratar asesores ou facer estudos de mercado, e vese que a conclusión é sempre a mesma: o galego vende, o compromiso co País vende.

Se as pequenas empresas fosen listas, aproveitaríanse desta idea sen ter que pagar para chegar a ela, pero a maioría seguen empeñadas en non facelo.

Non se decatan de que usando o galego ou tamén o galego, a carón doutros idiomas que consideren oportunos, gañaríannos como simpatizantes, e polo tanto como posibles clientes, a todos os que non nos gusta ver esquecido o noso idioma.

Non se decatan de que por usaren o galego non perden clientes e, pola contra, por nun usáreno, si que nos poden perder a outros.

Porque non son eu só o que prefiro mercar un viño galego etiquetado en galego antes ca un que estea en castelán –suponse que ante calidade e prezo similar-. Non son eu só o que me nego a comprar unha lata de zamburiñas que poña na etiqueta La Coruña, Puebla del Caramiñal ou Bayona.

Porque non son eu só o que, se non teño ningunha referencia, entro antes nun restaurante que me ofrece na porta a carta en galego ca nun que só a ten en castelán.

Porque non son eu só o que lle dou a “Gústame” ou comparto nas redes sociais as empresas que demostran sensibilidade coa miña lingua e coa miña Terra.

Non son eu só o que sinto que cando unha empresa galega usa só o castelán está esquecendo o meu idioma; e se ademais do castelán usa tamén outros idiomas e non o galego, non só o está esquecendo senón que o está desprezando.

O idioma, a sensibilidade co País, é un valor engadido que empresarialmente dá máis do que quita. Iso sábeo Gas Natural-Fenosa, que me quere como posible cliente; sábeo Gadis, sábeo R, sábeo Zara, que non por ofrecer a súa web en galego deixa de ser a máis internacional de cantas empresas hai; sábeno tamén as ducias de adegueiros que ano tras ano etiquetan en galego sen que iso sexa impedimento para apareceren na mesa de Obama. Sábeno moitos outros que se agrupan ou non baixo o paraugas do Foro Peinador.

Pero non parecen sabelo, ou non lles importa, ducias e ducias de pequenas empresas de canta caste hai, que se deixan levar polos propios prexuízos ou polos de quen lles faia a publicidade. Será que andan todos sobrados de cash. Pois alá eles...

20.7.14

Sol de medianoche. Erros e erratas

Imaxe da Feira do libro de Ribadeo
I
Estiven na presentación de Sol de medianoche, o último poemario de Luz Pozo, na Feira do libro de Ribadeo, que volveu despois de dúas décadas.

Ó seu lado, o Conselleiro do ramo, que resalta na súa intervención o feito de que a editorial Eurisaces teña o seu domicilio nun lugarexo de Chandrexa de Queixa e non nunha das cidades galegas, como soe suceder con este tipo de empresas. Desde o parque chega o barullo dos nenos que xogan en castelán, demostrando o fracaso do seu Decreto máis querido.

A min tamén me alegra que nazan editoras no rural, que con algo hai que ocupar as cortes que van quedando sen gando. O malo é que nos créditos do libro figura tamén o lugar onde se imprime: Salamanca. Aí é onde fai falta espazo e man de obra. Diso non dixo nada o Conselleiro.

En Chandrexa tamén debería ter o seu domicilio Iberdrola, ou en Belesar, ou no Ézaro, ... porque é onde ten a súa alma en forma de encoro, onde nacen os seus cartos polos que cotiza en Madrid.

A verdade é que eu non creo que Eurisaces editora teña nada que ver con Chandrexa. O seu dono paréceme algo pillabán e seguro que puxo ese domicilio só polo gusto de ver como sofren algúns para pronunciar o “xa” de Chandrexa e de Queixa. O domicilio verdadeiro está, se cadra, nun autobús de liña regular, ou nun banco dun parque con wifi, que unha editora pequeniña vén a ser un portátil e iso cabe en pouco sitio.
 
II
Luz Pozo foi debullando o libro. Son poemas tristes porque triste é o motivo: a morte dunha neta.
Se abrió la nube mística y reveló el augurio
de las altas estrellas que regirán los días.
 No tenían sosiego las palomas sagradas
[...] 
 - ...No tenían sosiego las palomas. Teño que quitar o adxectivo. Queda mellor. Non hai que abusar –di a autora na súa intervención.


Eu collo o libro e tacho o adxectivo, que a Tania gústanlle os libros con fé de erratas. Se ninguén máis dos presentes tachou, desta vez eu son o único que teño o orixinal a gusto da autora.

7.7.14

Tópicos sobre a lingua galega, de novo en papel

Todo empezou aquí e, despois de moitas voltas, duns mínimos retoques e dunha pequena ampliación acabou así (aumentado con dous tópicos máis):
(Preme na imaxe para acceder ó pdf)
Portada de Tópicos sobre a lingua galega

Con Xavier Campos na presentación do caderno Tópicos sobre a lingua galega.
Casa das letras, Ribadeo, 3-07-14