Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

31.10.14

As cereixas dun poema. A menina Campilho.

Pásame ás veces que uns textos tiran por outros, coma cereixas saíndo dun cesto.
A madrugada

[...]
Ela tumbouse ó meu carón
coas confianzas que dá a madrugada,
e entablou conversa sen vir a conto. 
Faloume
de todos os tíos que lle entraran naquela noite
dos tíos que non lle entraran e tampouco lle interesaban
[...] 
Faloume
tamén dun tío que sempre parecía estar a punto
de dicirlle algo interesante  
e sempre lle acababa falando
daquelas poetas portuguesas
ANTÓN LOPOFálame,  Sociedade de Cultura Valle Inclán, 2003

... sempre lle acababa falando daquelas poetas portuguesas. Poetas portuguesas... Hoxe é 31 de outubro, así que é o día propio para este videopoema de Matilde Campilho, unha poeta portuguesa que entrou nos últimos meses coma un meteorito nas letras de Portugal e do Brasil co seu primeiro libro: Jóquei.
                         31 de outubro

Unha entrevista onde ela mesma fala da súa obra:                  
                      Matilde Campilho

Outra máis, menos formal pero creo que máis clarificadora, máis transparente.

Alén das imaxes, a audición dos seus videopoemas -por exemplo, Día dez- tráeme á cabeza o marabilloso Berlín de María Lado, con Fanny + Alexander, ou a M. Rivas recitando os poemas de Ningún cisne no CD de O pobo da noite.
Dan ganas de dicir:
- Sigue falando. Non importa o que digas, pero non cales.
Pásame ás veces que uns textos tiran por outros coma cereixas saíndo dun cesto.

24.10.14

Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

Estaba publicando este traballiño por entregas, pero descubrín as posibilidades de issuu e, como me pareceu unha ferramenta bonita, colguei alí todo o borrador -é que sempre se lle pode dar unha voltiña-. Así que se a alguén lle interesa xa pode acceder a todo o documento.

Como sei que a cousa é densa, aconsello ir primeiro ó remate para ver o índice e ter unha idea do que hai. Tamén se pode descargar.

Premedes na imaxe e xa vos leva de paseo por todo o que atopei sobre Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936.

Portada de Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

5.10.14

Publicidade, lingua e cartos


Ultimamente chéganos a través dos medios unha campaña publicitaria de Gas Natural - Fenosa na que se nota que pretenden que se visibilice a súa galeguidade relacionando a marca Fenosa cos apelidos galegos (Lodeiro, Carreira, Rosende, Dosil, Taboada, ...).

Aínda que o que nos entra polos ollos é distinto, a mensaxe que pretenden que nos chegue ó cerebro é a mesma que antes utilizou Gadis cos seus exitosos “Vivamos como galegos”: somos dos teus, somos galegos e estamos orgullosos de selo. Esa é a idea.

Tamén outras empresas importantes coma R ou Zara tratan de explicitar a súa galeguidade como activo diferencial fronte ós competidores.

Son empresas fortes, con capacidade para contratar asesores ou facer estudos de mercado, e vese que a conclusión é sempre a mesma: o galego vende, o compromiso co País vende.

Se as pequenas empresas fosen listas, aproveitaríanse desta idea sen ter que pagar para chegar a ela, pero a maioría seguen empeñadas en non facelo.

Non se decatan de que usando o galego ou tamén o galego, a carón doutros idiomas que consideren oportunos, gañaríannos como simpatizantes, e polo tanto como posibles clientes, a todos os que non nos gusta ver esquecido o noso idioma.

Non se decatan de que por usaren o galego non perden clientes e, pola contra, por nun usáreno, si que nos poden perder a outros.

Porque non son eu só o que prefiro mercar un viño galego etiquetado en galego antes ca un que estea en castelán –suponse que ante calidade e prezo similar-. Non son eu só o que me nego a comprar unha lata de zamburiñas que poña na etiqueta La Coruña, Puebla del Caramiñal ou Bayona.

Porque non son eu só o que, se non teño ningunha referencia, entro antes nun restaurante que me ofrece na porta a carta en galego ca nun que só a ten en castelán.

Porque non son eu só o que lle dou a “Gústame” ou comparto nas redes sociais as empresas que demostran sensibilidade coa miña lingua e coa miña Terra.

Non son eu só o que sinto que cando unha empresa galega usa só o castelán está esquecendo o meu idioma; e se ademais do castelán usa tamén outros idiomas e non o galego, non só o está esquecendo senón que o está desprezando.

O idioma, a sensibilidade co País, é un valor engadido que empresarialmente dá máis do que quita. Iso sábeo Gas Natural-Fenosa, que me quere como posible cliente; sábeo Gadis, sábeo R, sábeo Zara, que non por ofrecer a súa web en galego deixa de ser a máis internacional de cantas empresas hai; sábeno tamén as ducias de adegueiros que ano tras ano etiquetan en galego sen que iso sexa impedimento para apareceren na mesa de Obama. Sábeno moitos outros que se agrupan ou non baixo o paraugas do Foro Peinador.

Pero non parecen sabelo, ou non lles importa, ducias e ducias de pequenas empresas de canta caste hai, que se deixan levar polos propios prexuízos ou polos de quen lles faia a publicidade. Será que andan todos sobrados de cash. Pois alá eles...

20.7.14

Sol de medianoche. Erros e erratas

Imaxe da Feira do libro de Ribadeo
I
Estiven na presentación de Sol de medianoche, o último poemario de Luz Pozo, na Feira do libro de Ribadeo, que volveu despois de dúas décadas.

Ó seu lado, o Conselleiro do ramo, que resalta na súa intervención o feito de que a editorial Eurisaces teña o seu domicilio nun lugarexo de Chandrexa de Queixa e non nunha das cidades galegas, como soe suceder con este tipo de empresas. Desde o parque chega o barullo dos nenos que xogan en castelán, demostrando o fracaso do seu Decreto máis querido.

A min tamén me alegra que nazan editoras no rural, que con algo hai que ocupar as cortes que van quedando sen gando. O malo é que nos créditos do libro figura tamén o lugar onde se imprime: Salamanca. Aí é onde fai falta espazo e man de obra. Diso non dixo nada o Conselleiro.

En Chandrexa tamén debería ter o seu domicilio Iberdrola, ou en Belesar, ou no Ézaro, ... porque é onde ten a súa alma en forma de encoro, onde nacen os seus cartos polos que cotiza en Madrid.

A verdade é que eu non creo que Eurisaces editora teña nada que ver con Chandrexa. O seu dono paréceme algo pillabán e seguro que puxo ese domicilio só polo gusto de ver como sofren algúns para pronunciar o “xa” de Chandrexa e de Queixa. O domicilio verdadeiro está, se cadra, nun autobús de liña regular, ou nun banco dun parque con wifi, que unha editora pequeniña vén a ser un portátil e iso cabe en pouco sitio.
 
II
Luz Pozo foi debullando o libro. Son poemas tristes porque triste é o motivo: a morte dunha neta.
Se abrió la nube mística y reveló el augurio
de las altas estrellas que regirán los días.
 No tenían sosiego las palomas sagradas
[...] 
 - ...No tenían sosiego las palomas. Teño que quitar o adxectivo. Queda mellor. Non hai que abusar –di a autora na súa intervención.


Eu collo o libro e tacho o adxectivo, que a Tania gústanlle os libros con fé de erratas. Se ninguén máis dos presentes tachou, desta vez eu son o único que teño o orixinal a gusto da autora.

7.7.14

Tópicos sobre a lingua galega, de novo en papel

Todo empezou aquí e, despois de moitas voltas, duns mínimos retoques e dunha pequena ampliación acabou así (aumentado con dous tópicos máis):
(Preme na imaxe para acceder ó pdf)
Portada de Tópicos sobre a lingua galega

Con Xavier Campos na presentación do caderno Tópicos sobre a lingua galega.
Casa das letras, Ribadeo, 3-07-14

21.5.14

Díaz Castro no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros

Pasou o 17 de maio “y ya podemos guardar las letras gallegas hasta el año que viene”, como dicía o personaxe dunha viñeta de Xaquín Marín, mentres metía uns cantos xes dentro dun baúl.

Eu non sei se a data-festa serviu para que a xente saiba moito máis de Xosé María Díaz Castro ou se seguiremos repetindo “un paso adiante e outro atrás, Galiza” e para de contar. O que está claro é que, tal como viran os ventos, nada sobra.

A celebración a min serviume tamén para convencerme un pouco máis aínda de que resulta case imprescindible un paso ou repaso polo arquivo de Dionisio Gamallo Fierros para quen queira ter datos de primeira man sobre calquera autor galego que merodease polo Madrid de mediados do século pasado. Vou vendo, cada vez con máis datos, que todos acababan tendo relación epistolar e literaria, cando non de amizade, co polígrafo ribadense. Eu creo que, polo menos para os de Lugo, Dionisio era un referente.

Co gallo do ano de Novoneyra, xa souben da existencia nese arquivo de interesantísimo material, do que dei conta no artigo “Uxío Novoneyra no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros”, publicado en A Trabe de Ouro, nº 88. Vin tamén algunhas cartas de Otero Pedrayo, cun curioso acróstico incluído, dirixido a Dionisio polo ourensán.

A historia repítese con Xosé María Díaz Castro, de quen hai no arquivo do ribadense un cartafol que contén oito cartas e varias ducias de poemas, ademais dun artigo de Dionisio sobre a obra de Díaz Castro.

O contido das cartas é diverso: nalgunhas, Díaz Castro felicita a Dionisio por premios que lle van outorgando, pero tamén hai interesantes alusións ó seu propio labor literario, ás súas lecturas preferidas, ás súas arelas como escritor e mesmo á súa situación persoal e profesional. Quizá a que máis datos nos achega, desde a perspectiva literaria, é unha do 2 de outubro de 1943 que inclúe, ademais de reflexións sobre os seus poemas, estas interesantes notas autobiográficas:
Fragmento dunha carta de Díaz Castro a Dionisio Gamallo
En xeral, teño a sensación de que a relación entre os dous foi evoluíndo. Nos anos 40, cando Díaz Castro exercía a docencia en Vilagarcía,  parece estreita e o de Guitiriz confiáballe a Gamallo os seus poemas para que os valorase, con alusións a unha posible publicación en libro; despois, nas últimas cartas, parece que hai algo de distancia e ata noto un certo ton de reproche por parte de Díaz Castro por non poderen reunirse e ter que dirixirse a Gamallo por carta, a pesar de vivir os dous tan cerca.

Canto ós poemas, abundan máis os redactados en castelán, pero tamén se conservan uns vinte en galego, moitos deles manuscritos. Aínda que non teño a certeza, creo que todos acabaron publicándose. Algúns aparecen no arquivo de Gamallo con título distinto ó que despois levarían ó editarse, como é o caso de “Herba pequerrechiña”, que acabou incluíndose en Nimbos como “Esmeralda”. 

Curiosamente, este poema, que foi dos máis citados nestas datas a carón de “Penélope”, non lle debía gustar moito ó seu autor, xa que aparece marcado en vermello, igual ca outros, e na carta que acompañou o envío, Díaz Castro dicíalle a Gamallo que non dese á imprenta os sinalados dese xeito “por ser personales o de valor nulo”.

Fragmento do poema "Herba pequerrechiña", conservado no arquivo.
A pesar de que lle envía este e outros textos, parece que Díaz Castro era bastante crítico co seu propio labor, pois nunha carta, tamén de 1943, dille a Gamallo:
Lo que le envío es producto de distintas épocas, como se puede ver en la evolución de mis versos. Hoy conservo la misma afición poética, pero he perdido el hábito y la habilidad. Comprendo que la mayor parte de mis trabajos no valen ni el trabajo de leerlos. Sólo le envío a título de curiosidad, por si le interesa estudiar el carácter de ellos. A mí no me gusta ninguno. Técnica torpe, arquitectura de principiante.
Entre os textos enviados está tamén un mecanoscrito de “Penélope”, que acabou sendo o poema insignia do autor, pero a min gústame máis este:

Poema mecanoscrito de Díaz Castro, conservado no arquivo de Dionisio Gamallo
Copias de todos estes fondos, tanto das cartas inéditas coma dos textos poéticos, estiveron expostas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, entre o 9 de o 19 de maio, por xentileza da familia Gamallo, detalle que moito lle agradecemos.

Quen sabe cantos tesouros agardan aínda entre os milleiros de papeis do polígrafo ribadense!

27.4.14

Un diálogo trastempado

Houbo un tempo no que a miña amiga Luz tiña por costume mandarme felicitacións de Nadal no mes de agosto, algo que moito lle agradecía porque a froita valórase máis en tempos de escaseza.

O mesmo fago eu hoxe, ocupándome dun poema de Nadal en pleno mes de abril. Dei con el revisando vellos exemplares de prensa da zona, costume ó que me aplico cando prefiro ter información sobre sucesos do pasado antes que ler desinformación sobre a actualidade.

O texto, que se publicou o 24 de decembro de 1955 en Las Riberas del Eo, é un diálogo entre unha galega e unha castelá, e envíao desde A Veiga (Asturias) María Luísa de Trío Rico, autora da que nada sei.

Comeza o poema e despois do segundo verso xa se nos di que a galega “se admira de ver a la castellana”. Sempre fomos moi dados a admirar os de fóra.

Con todo, despois dos saúdos protocolarios e de explicar o motivo da viaxe á cabana onde naceu o neno, á galega éntralle unha arroutada patriótica e pasa a facer unha defensa da paisaxe galega fronte á seca chaira castelá, algo que moito nos alegra a esta hora do partido. Parece que Rosalía planea sobre os versos:
¡Non hay cousa máis hermosa
qu’a terriña das rías baixas!

¡Os seus bosques rumorosos –parece que agora é Pondal quen dá unha voltiña polo texto-
os seus prados d’esmeralda
[...]
Non hai cousa máis preciosa
cá miña terra adorada.

Oféndese a outra e, aínda admitindo os valores de Galicia, pasa a exhibir as fazañas castelás: Fernán González, Alfonso VI, Fernando III, O Cid, Cervantes, Calderón, Isabel a Católica e outros paisanos pásanlle polos morros á galega coma unha manda de porcos bravos en desbandada. E remacha a cousa coa inevitable alusión á superioridade da lingua castelá:
¡Ya con razón lo decía
Carlos V emperador!:
“¡El idioma castellano
propio es para hablar con Dios!”

Non pasa nada. Os galegos conformámonos con falar co demo. Con todo, a galega, “herida en su regionalismo”, contraataca cunha restra de galegos ilustres: Colón, María Pita, San Pedro de Mezonzo, o Apóstolo Santiago... e Franco. Vaia, ho! Por un momento, pensamos que ía poñer encima da mesa auténticos defensores do País e vai e abre un álbum de partidas de bautismo de renegados.

Contentámonos ó comprobar que o discurso abonda para poñer remate á loita de fillos ilustres, xusto cando chegan á cabana. Pero aínda nos espera outra labazada, outra vez á conta do idioma:
“Fáloche en castellano
ou enténdesme en galego
 –dille a galega ó neno-
“¡Pois non sabes os apuros
qu’eu tou pasando, meu Neno”.

Menos mal que está á beira a curmá de Zumosol:
No pases ya más apuros
que yo hablaré por las dos
–di a castelá.

Existindo Castela, para que vai ter voz Galicia...

3.4.14

Fermín Sánchez García, poeta en galego de Asturias

Fermín Sánchez García
Paseniñamente, imos coñecendo máis autores do occidente de Asturias que publicaron algo en galego. Boa parte do mérito de que iso suceda é de Xoán Babarro que, desde hai anos, investiga sobre o asunto e vai dando a coñecer nomes que quedarían sumidos no olvido se non fose polo seu incansable labor divulgativo.

Na súa tese de doutoramento xa incluíu alusións a bastantes autores da zona. En traballos posteriores afondou nalgúns deles e foi informando sobre outros. Na súa última achega ocúpase de Fermín Sánchez García, a quen lle dedica un artigo publicado no nº 4907 de La Comarca del Eo, correspondente ó sábado, 29 de marzo.

Nel, Babarro achéganos datos biográficos do autor de Boal, ofrécenos unha selección de textos en castelán pertencentes ó libro Reflejos poéticos e, a maiores, inclúe un poema inédito en galego, que é o que máis nos interesa desde a nosa perspectiva, e comenta sucintamente as características formais da composición.

(Preme na imaxe para aumentar o tamaño do artigo)


Para facilitar a súa lectura e a súa difusión nunha versión máis lexible, reproducimos o texto a continuación:

Boal no corazón

A poesía de Fermín Sánchez García

Por Xoán Babarro González

En 1989 Gráficas Lar de Viveiro editaba Reflejos poéticos de Fermín Sáchez García, unha obra na que o autor, con abundantes colaboracións xornalísticas en distintos medios, recompila composicións de toda a súa vida literaria. O poemario está dedicado a Boal, o “querido pueblín” onde transcorreron os seus felices anos de infancia e xuventude...

[...] hasta que la guerra fraticida,
dolorosa,
sangrienta,
canibalesca,
ha regado con sangre de sus hijos
sus tranquilas plazas [...]

O volume escolma en primeiro lugar unha serie de poesías anteriores á guerra civil, entre as que son maioría as datadas entre 1924 e 1927 publicadas en Vida boalense, revista, na que colaborara con diferentes pseudónimos, que lle debe a redacción de moitos dos seus números. Un segundo grupo, baixo o título “Penumbras carcelarias”, está constituído por poemas que van de 2 setembro de 1936 a 2 marzo de 1942, relacionados cos anos de cadea. E un terceiro, formado polas composicións redactadas entre a data anterior e o seu falecemento, que se produce o 25 de febreiro de 1990.
Fermín, fillo de José Sánchez Santa Eulalia e de Cristina García García, agricultores, naceu en Boal o 21 de maio de 1905. Realizou estudos primarios, primeiro nunha escola privada dos Mazos, ata onde se desprazaba diariamente, e, máis tarde, na pública de Prelo, onde viviu durante algún tempo cuns tíos. Nos anos de xuventude desenvolve unha formación autodidacta que irá incidindo no seu gusto polas letras.
Sendo aínda neno, traballou como peón na construción da estrada que vai de Navia a Grandas de Salime e tamén como axudante dun avogado. En 1934 adquire na propia vila unha imprenta, onde se ocupa ata 1936. Neste ano fatídico, a súa cóntase entre as moitas detencións que se efectuaron na vila asturiana. Unha detención que estivo a punto de rematar en “paseo”, entre os concellos de Boal e Coaña, se non media a oportuna intervención dun xefe da Falanxe, veciño e amigo. Calquera denuncia anónima ou rumor valía daquela para deter a alguén. A del disque fora por atribuírenlle a edición no seu obradoiro dunha propaganda do partido comunista. A pesar da intercesión, levárono preso a Castropol e de alí ao cárcere de Lugo, onde volveu pasar por trances delicados...

Por la “mirilla” que en la puerta había
sabíamos en la celda, en todo instante,
lo que en el Centro hubiese de importante
en el mismo momento en que ocurría. [...]

Na “humilde, recogida, silenciosa, la histórica Ciudad del Sacramento” coñece a Manuela Trigo Anseán, amor da súa vida e fonte de inspiración...

[...] para ti tengo un Santuario
en mi corazón, Manuela;
con tu imagen en un Trono,
ceñida por real diadema. [...]

O matrimonio, do que nacerá unha única filla, Ángeles, aséntase definitivamente en Lugo, onde Fermín recupera o oficio de impresor. Pero, no seu día a día lucense, latexarán decote os recordos do “rinconcín maravilloso”, o “llugarín de mis ensueños”...

De mi Asturias, en dones tan plural,
es el pueblín que mis recuerdos llena,
es la villina seductora y buena
que en cuatro letras se le nombra: Boal. [...]

E as paisaxes boalesas agromarán continuamente na retina poética de Fermín...

Hoy se acuerda de Armal mi débil estro
para hacerle unos versos de añoranzas. [...]
                                ***
Río das Veigas, manso río
de somnoliento caudal,
que besas plácidamente
las vegas de nuestro Boal. [...]

Desde Lugo, continuou mantendo contacto cos antigos veciños e amigos e mesmo co alumnado do Colexio Público Comarcal e con algunha das súas profesoras...

 [...] Me agrada que seamos coterráneos:
Tú, por nacer en Lugo, eres gallega,
pero vives gozosa entre asturianos.

Yo traje de mi Asturias treinta años,
pero llevo cincuenta en tierra meiga...
¡Ninguno de los dos somos foráneos!

Existen poesías coas que o autor agasallou a diferentes amigos que non foron recollidas en Reflejos poéticos e permaneceron inéditas na privacidade. Hoxe queremos facer pública a titulada “Adiós”, que conservou a boalesa Mª Dolores Rudeiros Martínez (a Dolorciñas, Lolía e Loli doutras composicións), con quen Fermín e Manuela mantiveron unha amizade familiar.
A versión que manexamos chega a nós a través dunha copia manuscrita da propia Mª Dolores. Por mor deste tipo de transmisión poida que non se garanta plenamente a total integridade do texto emanado do poeta, a pesar de que se manteña a estrutura métrica e o valor semántico global e expresivo. En principio, chaman a atención, ademais do título, os castelanismos debémoslas e pondrá, o uso de ternas por tenras e determinadas interpretacións gráficas.
Na edición que ofrecemos, ademais de enmendarmos certos erros involuntarios, actualizamos a acentuación e algún trazo de carácter ortográfico. Deste xeito, formas que aparecen no escrito como vay, y, díscelle, moriña, dexexo, ougir, dous centos e de o rostro pasan a vai, i, díceslle, morriña, desexo, ouguir, douscentos e do rostro. Fronte aos cambios anteriores, mantemos no segundo verso o antropónimo Maruxina, que, para restaurar a rima consonante, deberiamos ler Maruxiña. Desta maneira igualaríase á forma da última estrofa (e ao nome que aparece en Reflejos poéticos na composición “El gatito Kus de Maruxiña”). Igualmente, na penúltima, a voz acoitadiño somos partidarios de lela como equivalente a acochadiño “abrigadiño”, “escondidiño”...
Na lingua empregada na composición podemos identificar diferentes variantes dialectais propias das falas galegas do bloque oriental; tales como as formas verbais ouguir e dices, o adverbio abaxo, o posesivo etimolóxico sou (que alterna co analóxico seu), o indefinido muita, a contracción al (característica das falas galegas de Asturias e do concello lucense de Negueira de Muñiz), o emprego da copulativa i en posición preconsonántica, a vacilación entre “y” e “ll” nas formas pronominais ye, ye, lle e –llo (dáye / díceslle, dillo) así como a representación de non átono por nun (nun deixes baxar), moi habitual nos escritores galegoasturianos.
Na sentida composición, a través das sete redondillas, cun léxico que vai acumulando elementos emotivos que ofrecen diferentes interpretacións simbólicas, o eu poético transpórtase nun voo íntimo co paxariño ata alcanzar a protección no feliz val, o paraíso onde quere morar por sempre.


ADIÓS

Vai paxariño a voar
i díceslle a Maruxina
que teño muita morriña,
que desexo ir pra seu val.

Pra ese val do sou peitiño,
tan doce, tan pudoroso,
tan terniño i amoroso,
que relouco por seu niño.

Si al ouguir estas tristuras
ves que empezan seus chorares,
déixalle chorar a mares,
que desfaiga as amarguras.

Pero nun deixes baxar
cara abaxo as ternas bágoas;
son queixumes das súas mágoas;
nós, debémoslas secar.

¿Con que? Cos nosos biquiños.
Dáye cen..., douscentos..., mil...
Hasta que do rostro aquil
queden sous ollos limpiños.

Dillo así, bon paxariño,
que son miñas ilusións
vivir sempre e máis dimpois
no seu val acoitadiño.

Dillo así, bon paxariño;
corre presto a Maruxiña;
xa te pondrá a escondidiñas
no doce val do peitiño.


La Comarca del Eo, nº 4907, 29 de marzo de 2014

12.3.14

Non esquecendo a Curros, lembrando a Rosalía.

I
Se reparásemos con calma na historia da nosa literatura, poida que nos decatásemos de que estamos deixando pasar por alto datas que ben merecían unha conmemoración.

O 11 de marzo, o tan sonado 11M, sería unha delas: nese día de 1881 ditouse a sentencia que absolvía definitivamente a Curros Enríquez das acusacións que contra el verquera o bispo de Ourense. Luciano Puga foi o avogado que logrou salvalo, pero na súa defensa participara tamén Juan Manuel Paz Novoa, que con anterioridade impartira clase na Escola de Comercio de Ribadeo. Certo é que o fixo en primeira instancia, e non con moito éxito, xa que daquela Curros fora condenado a máis de dous anos de cárcere e a 250 pesetas de multa.

II
O 11 M pasou sen que ninguén se acordase de Curros, pero creo que febreiro é xa o mes de Rosalía, por celebrarse o aniversario do seu nacemento.

Os meus pequechiños do agrupamento específico de 2º de ESO non quixeron quedar á marxe desta data e tamén homenaxearon a Rosalía. A nosa boa intención e a ilusión está fóra de dúbidas; o resultado que o valore cadaquén.

PREME NA IMAXE
 Unha historia rosaliana

25.2.14

Chemi Lombardero e a emigración a América na Mariña

Portada do libro
Agora cabía ben eiquí a impresión que deixaron os emigrantes galegos que eu tratei. Conservo na miña man dereita o estruchamento de milleiros de mans galegas, endurecidas polo traballo e moitas amolecidas pola folganza miserable. Vin o trunfo e a derrota de moitos galegos, pero endexamais ollei a súa felicidade.      (Castelao: Sempre en Galiza)

A felicidade debe ser un dos poucos aspectos que non analiza Chemi Lombardero en La huella de la emigración a América en el Cantábrico occidental, un estudo que o autor presentou hai pouco na biblioteca de Ribadeo, apadriñado polo xornalista Martín Fernández Vizoso que, nas súas intervencións, demostrou levar unha computadora na cabeza con datos ben interesantes sobre o tema. 

Ó longo de anos, o autor bebeu de fontes orais que aínda viven e, sobre todo, queimou os ollos na interminable bibliografía que supoñen os xornais da zona e arquivos diversos, case sempre mal organizados, onde constan listados de emigrantes, alistamentos de quintas e outros datos que tivo que revisar e ir contrastando liña por liña. Paciencia de taxidermista.

FOTO: J.A, La Voz de Galicia
Como resultado, case 200 páxinas nas que Chemi vai debullando cada detalle da emigración transoceánica dos mariñaos orixinarios da franxa que vai desde o concello de Valdés, na parte asturiana, ata O Valadouro e Foz, na banda galega. Cronoloxicamente, aínda que hai alusións anteriores e posteriores, céntrase no período comprendido entre finais do XIX e o comezo da guerra civil.

As causas da emigración, a percepción social do fenómeno, as accións filantrópicas dos emigrantes, as pegadas no urbanismo da zona, a promoción social dos retornados, a súa participación en colectivos cidadáns e políticos e as iniciativas emprendedoras que promoveron son os principais aspectos que Chemi analiza con detalle e con rigor nun estudo onde teñen cabida tanto as valoracións globais como a  anécdota individual, achegando numerosos detalles e nomes.

Certo é que Chemi preséntanos só o lado amable da emigración. Para que a radiografía sexa completa, botamos de menos a memoria do fracaso, que tamén o houbo, só que non deixou rastro tan visible.

11.2.14

Alberto Calvín, poeta de Pardiñas


Pouco coñezo a Alberto Calvín. Só mantivemos unha pequena conversa co gallo da presentación de Évos un ameicer guapo en Santiso. Nin moito falamos, que penso que tanto a el coma a min fáltannos recursos para abrir relacións cando non hai confianza. Pero, malia ás poucas palabras, gardo agradable recordo daquela breve parola.

Lembro que el, máis ou menos, dixo "e eu que fixen para que repararades en min?” Referíase ó feito de que Babarro e eu o incluísemos en Évos un ameicer guapo e A herdade que nós temos. Humildade.

Que fixeches, Alberto?! Manter vivas as palabras que agonizan e darlle uso fermoso en textos limpos. Paréceche pouco, Alberto?

Lembro tamén que me falou da falta da nai ou do pai –dubido agora-, do baleiro que deixa. Poida que hoxe o entenda mellor ca daquela.

Non nos volvemos ver, pero recordo a Alberto con moito agarimo e alegreime cando souben que obtivera unha mención de honra na VI edición do premio Arume de Poesía, convocado pola Fundación Neira Vilas, pola súa obra Flores de abruñeiros, lamentablemente inédita. Aquel día Alberto Calvín subiu ó podio a carón de Rafa Villar e Yolanda Castaño. Vaia compaña!

Alegreime de novo estes días cando souben da edición de Tiroliro. É o seu primeiro libro. En Taramundi, rodeado dos nenos que o recibiron recitando os seus poemas, Alberto acordouse unha vez máis de Xoán Babarro, o primeiro que o animou a escribir. Gratitude.

Falou tamén dun novo libro: O canto do carro. O fermoso título tráeme á memoria un fragmento do inesquecible relatorio de Felipe Lubián nas Xornadas Fermín Penzol celebradas en Ribadeo hai xa anos, publicado posteriormente en A Trabe de Ouro. Creo que hai algo que une a Alberto e a Felipe: a amor á súa terra e á súa lingua, máis alá das raias debuxadas nos mapas.

Desexo que o lapis de Alberto Calvín, afiado seguramente cunha navalla do seu amigo Juan Carlos Quintana, poña aínda moitos máis libros na biblioteca eonaviega, caladiñamente, como el fai as cousas.



4.2.14

Disparadores creativos: unha narcochapuza

I
Nada hai na literatura que non sucedese antes na realidade; nada hai na literatura que estea tal e como sucedeu na realidade” –oínlle dicir unha vez a Torrente Ballester.

A realidade é fonte de inspiración e non sorprende que vivencias íntimas acaben sendo obxecto de tratamento artístico por un creador ou que feitos de gran transcendencia social (a guerra civil, o franquismo, o Prestige, ...) deran pé a que varios autores os tomasen como punto de partida para as súas obras. O que é raro é que un feito anecdótico, un pequeno detalle, funcione como disparador creativo para máis dunha persoa. Pero veremos que ás veces pasa.

II
O día 1 de decembro de 2006, Xuan Bello estivo no IES Gamallo Fierros de Ribadeo para falar da súa obra. Xuan Bello é unha das miñas poucas debilidades literarias. Eu son máis de textos concretos ou de libros ca de autores en xeral, pero no seu caso sábeme a mazá madurada en herba seca cada liña que escribe. Convidárao ó centro porque me amola que as culturas galega e asturiana estean viradas de costas sendo tan próximas e, máis aínda, por compartiren a póla común que é o galego do Eo-Navia. Falo de cultura, non de mapas con raias riscadas a capricho.

Aquel día Xuan Bello paseou por Ribadeo, tomou café no Cantón e leu a prensa, que recollía novos datos sobre un intento de introducir en Galicia un cargamento de droga valéndose dun narcosubmarino caseiro construído por un carpinteiro de ribeira que baixara os planos de internet. Unha chapuza ó estilo das que Carlos Mella retratara tan ben uns anos antes en “O conto do arrepiante crime galego”, artigo que deberían ler todos os delincuentes do país antes de botarse a facer unha falcatruada sen glamour para que todo o mundo acabe rindo á conta nosa.

Pouco tempo despois Xuan Bello enviábame un texto nacido aquel día daquela noticia. A partir da chapuceira operación do narcobatiscafo, el teceu un precioso relato no que, despois de que Ramiro, supervivente dun naufraxio, confese que o único que lle fastidia desta vida é non poder ver o propio enterro, Xuan remata referíndose á “lluz de Ribadeo qu’a mi me pon na mirada de siempre una mirada distinta. Mas o menos, digo yo, aquella que tendríen los contrabandistes que lo vien too. Too, menos la frontera”.

O conto publicouse daquela en castelán na prensa asturiana e, máis tarde, o autor incluiu a versión orixinal en asturiano no seu libro La hestoria tapecida. Ó lelo, imposible non lembrar “Os montes de Mourne”, un magnífico relato de Gerry Adams, que fala tamén de fronteiras que non hai, alá en Belfast. Pero iso queda para outro día.

III
Desde que no 2004 publicou a súa primeira obra, Diego Ameixeiras foi facendo camiño de seu na nosa literatura, converténdose nos últimos anos nun dos autores máis destacados da narrativa negra, tendencia inaugurada para a literatura galega por Carlos Reigosa con Crime en Compostela (1984).

En 2012 publicou Todo OK. Eu non lera esta novela ata estes días, e nada máis abrila, sorpréndome ó ver que comeza cunha reseña do asunto do narcosubmarino ó que antes nos referiamos:
“En agosto de 2006, unha organización colombiana planeou introducir en Galiza varias toneladas de cocaína cargadas no interior dun narcosubmarino, pero a operación nunca chegou a realizarse. O somerxible non reunía as mínimas condicións de seguridade e acabou sendo localizado pola Garda Civil tras ser abandonado cos motores en marcha e o depósito cheo de combustible.
Tres meses máis tarde, o xuíz ordenou a detención dos principais implicados no suceso.
[...]
Inés, involucrada naquela tentativa, loita por refacer a súa vida por carreiros dereitos, ou non tan dereitos, de xeito que o cárcere non se lle cruce no camiño.

IV
Nada teñen que ver, nin polo estilo nin polo contido, o relato de Xuan Bello e a novela de Diego Ameixeiras, pero os dous viron no mesmo motivo a luz para imaxinar. Unha noticia de prensa, unha chapuza do crime (des)organizado deu pé á creación literaria de dous autores distintos.

É que as historias literarias andan soltas por aí, á espera de que alguén as pille e as pula.