Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.1.12

Memoria e verdade


I
Hai moito tempo, non sei onde, fóronseme os ollos a un poema de Ángel Miguel Queremel, un autor venezolano, e quedáronme gravados na memoria uns versos que me impresionaron:
Aún recuerdo el impacto de las balas
en el cuerpo caído del compañero muerto
(...)
Ó repetilos, con tanto fonema oclusivo, parecíame mesmo oír o ratatá das metralletas e o impacto dos proxectís nos corpos dos soldados tirados no chan.

Pasados uns anos, conseguín o libro e puiden reler o poema enteiro. Titúlase "Manifiesto del soldado que volvió de la guerra". Tamén puiden comprobar que a memoria me traizoara e que os versos que eu lembraba dicían, en realidade:

Yo sé a lo que suena
la bala que hiere el cuerpo del compañero ya muerto
(…)
O poema enteiro ségueme parecendo estremecedor, xa desde o comezo...
Sabedlo.
Las balas perdidas mueren en la boca de los muertos olvidados
... pero os outros versos en concreto gústanme máis na versión que a miña memoria recreara, erradamente.

II
No suplemento dun xornal galego lin hai uns cantos anos un poema que facía un chamamento á defensa do idioma a partir da planta camariña, unha especie de "ecolingüismo", supoño. Gustárame moito a cadencia, as evocacións,… Nin me acordo do nome do autor, que non era moi coñecido, nin da maior parte do poema. Tan só lembro o comezo e un verso de contra o final:

Eu plantei unha flor camariña
(…)
camariña das linguas, camariña…
(…)
 Teño medo de atopalo.

III
Ás veces, as ensoñacións superan a realidade.

10.1.12

Valados


A min gustábanme os valados que xa non hai, case. Fóronse esbarrigando e boto de menos a súa presenza camuflada na paisaxe, coma exércitos en ringleira.


Non reciben mimo os valados. Deberían ter, cando menos, a mesma consideración ca os hórreos, os cruceiros ou os petos de ánimas. Pero non; os valados son vítimas do esquezo e caen de seu ou a golpe de excavadora sen que ninguén mire para eles.   

Os valados da miña infancia eran anchos e exhibían fachendosos a arte dos arxinas. Eu camiñaba por eles xogando a ser funámbulo, con seguridade, case con tanta coma cando ía polos camiños que delimitaban. De vez en cando movíase unha pedra e había que recompoñer o equilibrio para non caer. Bo adestramento para a vida, que é así.

Os valados da miña infancia tiñan buratos para os lagartos e revestíanse cunha manta de musgo cando a sombra dos carballos era duradeira e había lentura nos cachotes.


Tamén tiñan rebos para arrebolarlles ás culebras e ós inimigos. 

Agora estamos indefensos.

17.12.11

A trapallada do Valedor

A TRAPALLADA DO VALEDOR E PROBAS DA MALA FE DO "SALVADOR"
I
Pedro Larrauri, coordinador de UPyD en Vigo, detecta que na px. 57 do libro de texto de Coñecemento do Medio da editorial Vícens Vives figura un cadro que reproduce uns fragmentos do Estatuto de Autonomía de Galicia, entre eles o punto 1 do artigo 5, que indica que “a lingua propia de Galicia é o galego”.
O Sr. Larrauri quéixase ante o Valedor do Pobo de que non se faga constar tamén que o castelán é idioma oficial en Galicia, e esquece dicirlle ó Valedor que esa información aparece xusto na páxina anterior do texto:
O Valedor do Pobo insta á Consellería de Educación a que actúe contra tamaña eiva e a Consellería actúa solicitándolle á editorial que envíe unha addenda a todos os centros nos que se use ese libro.

No blog do Sr Larrauri pódese ler polo miúdo a súa argumentación:

Vaia… se nos fixamos un pouco comprobaremos que é el quen suprime interesadamente fragmentos do art. 5 do Estatuto. Vexamos. Segundo el, do artigo 5 do Estatuto, no texto consta o punto 1:
1- A lingua propia de Galicia é o galego
 Pero faltan outros fragmentos:
“no se dice que el artículo 5º del Estatuto continúa diciendo que el castellano es también lengua oficial, que se debe garantizar el uso normal y oficial de los dos idiomas, y que nadie podrá será discriminado por causa de la lengua. No se dice nada de eso, ni se hace referencia en ningún otro sitio del libro al idioma castellano en su condición de lengua cooficial”
A última afirmación xa quedou demostrado que é mentira: iso aparece na páxina anterior do libro, que supoño eu que será  “otro sitio del libro”.

En canto ó resto, se lemos íntegro o art. 5 do Estatuto atopamos un “casual olvido” :
ARTIGO 5
  1. A lingua propia de Galicia é o galego.
  2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
  3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
  4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Xa é casualidade que Larrauri -a estas alturas xa non me dá a gana de chamarlle Sr.- salte o fragmento do Estatuto que eu reproduzo en negriña e que figura xusto entre os dous fragmentos que el bota de menos.

Pero a pesar da terxiversación e da mala fe evidente deste túzaro, o Valedor do Pobo e a Consellería actuaron como actuaron.

II
Eu pregúntome:
  •  Os libros de texto son palabra sagrada por encima do profesor ou son unha ferramenta máis, pero non única nin definitiva?
  • Acaso se menospreza tanto a capacidade dos profesores para engadir, suprimir, matizar ou comentar o contido dos textos?
  • Van actuar o mesmo o Valedor e a Consellería se alguén lles notifica, por exemplo, que nun libro de texto falta EN  no listado das preposicións, o ARANÉS no apartado das LINGUAS DE ESPAÑA ou o título dunha obra no apartado relativo a un autor? Moito o dubido...

12.12.11

A lingua propia de Galicia é o galego


Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego. 

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

4.12.11

Alberto Calvín Corredoira


Hai un par de anos chegaba ás beiras do Ulla, aló por Gres, unha princesa desde Taramundi e, con ela, as palabras galegas do occidente de Asturias. Daquela foi Xoán Babarro quen as levou e o xurado soubo agradecer o agasallo.

A semana pasada souben que Alberto Calvín Corredoira acababa de recibir un accésit no mesmo certame: o premio Arume de poesía, que convoca a Fundación Neira Vilas.

Alberto Calvín é un escritor humilde que enche ó xeito tradicional follas de libreta que son un tesouro. Nas diferentes antoloxías do certame Marqués de Sargadelos pódense atopar algúns dos seus textos. Na colección Olga, Babarro e eu mesmo démoslle unha presenza escasa, que os nomes eran moitos e o sitio estreito, pero ben merecida. Agora, as palabras que el sementa agroman de novo a carón do Ulla, terra de leiras fértiles que a un lle traen recordos.

Moito me alegro deste éxito de Alberto Calvín, que pon o seu nome a carón doutros tan recoñecidos coma Rafa Villar e Yolanda Castaño.

Alégrome por Alberto, sinxelo e humilde, que desde Pardiñas sabe encher o mundo de flores de abruñeiros.   

Alégrome polas palabras propias do galego de Taramundi, que Alberto mantén nos seus textos e que, unha vez máis, o xurado soubo recoñecer e valorar.

Alégrome polo feito de que un escritor eonaviego obteña recoñecemento nun certame en Galicia e desexo que non sexa unha excepción.

Parabéns!

27.11.11

Tópicos sobre a lingua galega VII: As subvencións e os aforradores.

A SERIE EMPEZA AQUÍ


"O galego é un idioma subvencionado"

Pois si. Por unha vez é certo un tópico.

O galego é un idioma subvencionado como o é o castelán, no que se invisten moitos cartos cada ano a través do Instituto Cervantes -que, desde hai algún tempo, tamén se preocupa algo do galego; xusto é recoñecelo-, da Real Academia de la Lengua Española, da prensa escrita en castelán, das emisoras de radio e TV que emiten en castelán, etc., etc. Todos reciben axudas, dun xeito ou doutro.

O galego é un idioma subvencionado como o é froitería Maripili, calzados Chiruca, fontanería Pepe, bar París, os fabricantes de coches, os comerciantes de medicamentos unidose, os clubs de fútbol, os (puti)clubs de carne e canto colectivo vivo hai en todo o Estado.

O galego é un idioma subvencionado como o é a banca grande e pequena, en quen levamos gastado todos cantidades inimaxinables para que non se vaian ó garete e poidan pagar os sacos de cemento que mercaron ou axudaron a mercar. Coma as fundacións, que proliferan coma as silvas e que en moitos casos son menos útiles cás propias silvas.

O galego é un idioma subvencionado como o é a Igrexa católica, onde todos investimos cada ano non sei cantos millóns de euros de xeito directo ou indirecto, para salvar as nosas almas, aínda que non as teñamos. Coma os partidos políticos, que reciben axudas millonarias con cartos que son de todos aínda que algúns defendan só a uns poucos. Coma as asociacións de empresarios e as asociacións de asociacións de empresarios.

O galego é un idioma subvencionado como o é o castelán, as patacas, os zapatos, as tubaxes, os cafés, os airbags, os xaropes, os balóns e os achuchóns. O galego é un idioma subvencionado como o é o capital, os sacos de cemento, as hostias coas que comungamos ou non e os mítins que oímos ou non. Todos acaban tendo axudas económicas en forma de subvencións que todos poñemos ou de beneficios fiscais que deixamos de percibir para que poidan existir, resistir ou subsistir mellor, dependendo dos casos.

Pois si. O galego é un idioma subvencionado, pero xa menos, porque xa non se subvenciona Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe, Xornal,… empresas medianas ou pequenas que tamén pagaban impostos, creaban emprego e contribuían a manter aceso o lume deste País no que nos tocou hibernar.

Pois si. O galego é un idioma subvencionado. E quen non?

          NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

16.11.11

Vou canso de todo, menos da música


Eu non sei nada de música, pero sei que gozaba véndoo dirixir. Resúltame difícil describir o que me transmitía en cada xesto. Paixón, sobre todo, paixón; supoño. Poderían quitarlle todo o son e aínda así seguirían emocionándome os seus concertos.

Eu non sei nada de música, pero sei que o meu fillo -daquela un neniño, alumno seu- botouse a chorar cando o informei do seu falecemento. Os nenos non choran polos mestres malos.

Eu non sei nada de música, pero envexo sanamente a súa capacidade para conseguir que siga vizosa a colleita da súa sementeira. Quen puidera.

Hernán.

10.11.11

Lingua e realidade vital


Estamos cansos de oír que un idioma está en consonancia coa realidade vital da sociedade á cal serve como vehículo de comunicación. Xa sabedes: iso de que os esquimós teñen non sei cantas palabras para representar os distintos tipos de neve ou as distintas tonalidades de branco, e todos eses casos semellantes que sempre se contan e que unhas veces son certos e outras non.

Seica iso vale tamén para os campos de concentración, onde as circunstancias eran tan brutais que acabarían provocando a necesidade dun idioma novo porque as palabras dun mundo libre non valen dentro dos valados de arame de picos. No medio de toda a barbarie que conta, son interesantes as pinceladas lingüísticas que Primo Levi introduce de vez en cando en Se isto é un home. Velaquí só un exemplo.

OUTUBRO DE 1944
Sabemos o que quere dicir, porque estabamos aquí o inverno pasado, e os demais o aprenderano axiña. Quere dicir que, no curso destes meses, de outubro a abril, de cada dez de nós, morrerán sete. Quen non morra sufrirá minuto por minuto, día por día, durante todos os días: desde a mañá antes da alba ata a distribución da potaxe vespertina, deberá ter constantemente os músculos tensos, dar saltos primeiro sobre un pé e despois sobre o outro, dar palmadas debaixo dos brazos para resistir o frío. (…)


Do mesmo xeito que a nosa fame non é a sensación de quen perdeu unha comida, así o noso xeito de ter frío esixiría un nome particular. Dicimos «fame», dicimos «cansazo», «medo» e «dor», dicimos «inverno», e son outras cousas. Son palabras libres, creadas e empregadas por homes libres que vivían, gozando e sufrindo, nas súas casas. Se o Lager durase máis, unha nova linguaxe áspera nacería; e séntese necesidade dela para explicar o que é traballar todo o día ao vento, baixo cero, non levando encima máis que a camisa, os calzóns, a chaqueta e unhas pantaletas de tea, e, no corpo, debilidade e fame e conciencia do fin que se achega.
                             (PRIMO LEVI: Se isto é un home)
E se nós deixamos perder o noso idioma coma se nada, ¿será que nin tan sequera temos realidade vital propia?

4.11.11

Veciñanza

Algunhas veces o destino fai estraños compañeiros de cama (e de ventá). Non sei se a Lois Pereiro lle gustaría moito a veciñanza do cristal de arriba. Paréceme a min que as palabras "prohibe" e "policía" non eran moito do seu agrado.

25.10.11

Moverse para a foto


I
Toca foto de grupo. Xúntanse os individuos e, coma quen non quere a cousa, antes de que o fotógrafo dispare, sempre hai alguén que se move buscando un lugar máis axeitado. Faino o de altura normal, que non quere parecer un pitufo a carón de quen pasa de dous metros. Faino o que vai vestido correctamente, pero non con excelencia, que non quere aparecer na foto a carón da raíña do glamour. O referente tamén fala de nós, sen querer.

II
Celebrouse esta fin de semana en Santiago o congreso As linguas e culturas do camiño deSantiago de Compostela: presente e futuro. Falaron, entre outros, representantes do aragonés, do bretón, do éuscaro de Navarra, do occitano, … e contáronnos as súas cativezas, pero tamén os seus soños.

Eu ben sei que esas linguas "miran para nós con esperanza", en palabras de Ferro Ruibal. Miran para nós con esperanza, e se cadra con envexa, esas linguas e moitas outras que malviven polo mundo adiante, pero iso non quere dicir que debamos sentarnos a agardar por elas á sombra dun castiñeiro nunha volta do camiño, vendo como caen os ourizos e pasan os peregrinos, e moito menos dar volta e desandar o andado para que nos pillen antes.

De entrada, toda actividade cultural é boa e vaia a miña simpatía e a miña solidariedade para os que disertaron sobre o aragonés, o occitano, o bretón, … e explicaron como, moi a modo, van tratando de abrir camiño no medio das dificultades, pero un non deixa de ter a sensación de que alguén buscou a foto a carón dos máis pequenos para agachar as súas cativezas, que van a máis.

18.10.11

Quique de Roxíos


Houbo un tempo no que rexurdiu a esperanza para o galego no occidente de Asturias.  Remataba a década dos 80 e, baixo as siglas da MDGA, un grupo de persoas botaban a andar un proxecto ilusionante que protagonizou os impulsos culturais na zona durante uns cantos anos. 


Un daqueles mozos comprometidos foi Quique de Roxíos. Uns anos despois, a MDGA publicoulle Debaxo de sapis, nabis, un libriño de relatos breves no cal, coma nos contos tradicionais, atopamos xente labrega, animais que falan, ...sabor da Terra. O mundo que Quique recrea aínda nas súas ensoñacións, desde lonxe, a onde o destino parece que manda sempre ós que máis falta fan á beira. 

Semente impagable que o autor pon desde hai uns meses en pdf. á nosa disposición. Non digo máis. Remítome ás súas palabras e recomendo a frescura daquelas historias.