Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.4.10

Cándido Sanjurjo

Parroquia de Abres (A Veiga)

Tardei en aprender o tinglado dos tres Abres: Santiso de Abres é un concello asturiano, A Ría de Abres é unha parroquia galega do concello de Trabada, e xusto en fronte está Abres, unha parroquia asturiana do concello da Veiga. Alí vivía Cándido Sanjurjo, que faleceu a semana pasada.

Non vou eu facer aquí un pranto por unha persoa á que case non tratei, pero si quero deixar unha pequena lembranza de quen me acolleu cordialmente cando precisei a súa axuda.

Petei na porta da súa casoupa fronte ó río e abriume el mesmo. Eu só o vira un par de veces pero nunca lle falara. Conteille ó que andaba e acolleume con agarimo. Pasoume ó seu lugar de traballo, cheo de andeis con carpetas ben etiquetadas. Ensinoume libros e cartafoles con manuscritos e papeis diversos. Remexeu neles e deume uns cantos para escoller. O único que me pediu foi que non lle modificase a escrita, como lle fixeran noutra publicación cada vez que lle pediran algo.
- Enchíanme todo de apóstrofos e cambiábanme outras cousas. Deixei de mandarlles nada. Se non lles vale como escribo eu, non lles dou máis nada.

Referíase ó galego de Asturias, o que sempre falou. Tamén me deu ilustracións que el mesmo fixera para o artigo que escollín. Fun á Veiga fotocopiar o que me interesaba e devolvinllo antes dunha hora, que non quería eu custodiar moito tempo tesouros alleos. E falamos máis. Entre unha cousa e outra, botamos media tarde, porque todo o facía moi amodo, parándose nas explicacións propias de quen anda polos noventa anos de experiencia e conserva a memoria lúcida. A só uns metros baixaba, tranquilo aquel día, o río que el convertera en eixe da súa vida.

Uns meses despois volvín alí para darlle un exemplar de A herdade que nós temos. Sei que o gardou con agarimo porque vin como me falaba e me lía dedicatorias doutros cos que o agasallaran antes.

Esa e outras similares foron as mellores experiencias daqueles meses nos que eu andei a voltas coa prosa en galego de Asturias. Mereceu a pena.

18.4.10

Censura

X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X

Leo na prensa unha reportaxe sobre a censura durante o franquismo, con chamativos comentarios sobre algún escritor de sona.

Teño diante de min un texto de Uxío Novoneira que alude ó mesmo tema, ó seu xeito. Trátase do “Requiem das tachaduras” e publicouse en Galicia, unha ollada no ano 72, un libro colectivo editado polos alumnos do instituto de Ribadeo en 1972 para recadar fondos para unha viaxe e de paso facer unha análise da Galicia do momento desde a perspectiva de varios galeguistas.
Parece que Novoneira celebraba ó seu xeito ó remate daqueles tempos de censura. Non sei, non sei...

13.4.10

Palabras claras

I
Nos últimos tempos de Felipe González como Presidente do goberno, o PP meteu no cerebro de todo o mundo unha palabra: corrupción. Un termo sinxelo, clariño, que entende calquera ó que lle desen medianamente ben o Parvulitos.

Algún tempo despois, aínda que con menos forza, o PSOE intentou devolverlle a pelota falando un día si e outro tamén das stock opcions dos amigos do PP. Stock opcions é unha expresión rara, que non só carece dun significado evidente para a maioría da poboación senón que ata resulta difícil de pronunciar con dignidade.

Desde hai algo máis dun ano a Feijoo vénlle funcionando perfectamente a súa mentira máis metireira a base de repetir unha única palabra: imposición. Outra vez unha palabra sinxela que todo o mundo comprende e cre, aínda que a realidade lingüística sexa ben distinta. Para referirse ó bipartito e a Touriño en particular tamén repetiron na campaña electoral outro termo ben clariño: despilfarro.

Pola contra, os do PSOE e os non PP en xeral levan meses gravando no cerebro da xente outra rareza para colgarlles ós populares: Gürtel.

Que desde o mundo policial ou xudicial se lle atribúa un nome exótico a un caso é comprensible, pero é un erro que politicamente se asuma unha expresión de significado opaco como etiqueta para tratar de desgastar o rival. Eu non entendo como desde o goberno non empezan a utilizar un día si e outro tamén palabras coma fraude, engano, roubo ou algo así para referirse ó caso Gürtel.

II
Contan que o que máis lles doeu ós responsables do novo decreto do galego foi que alguén dixese que era unha trapallada, aínda que non fose H. Monteagudo o responsable do acto. Trapallada é unha palabriña ben evidente, que o resume todo e non precisa de máis voltas.

Parece que niso de escoller palabras claras os populares saben mellor ca ninguén o que entende a xente.

9.4.10

Prioridades económicas

A Xunta de Galicia vai dedicar 800.000 € para realizar actividades que promovan o galego en 942 centros de esino.

Por outra banda, seica van dedicar 1.000.000 de euros para publicitar o novo decreto do galego. Podemos sumar os 300.000 que se gastaron na realización das enquisas a finais do curso pasado. O malo é que aínda han dicir que este millón e pico de euros se investiu no fomento do galego.

Prioridades no gasto.

7.4.10

Texto con memoria

FOTO: Castro de Laro, a primeira imaxe que me entrou polos ollos cada mañá durante bastantes anos.

Había tempo que tiña gana de colgar este texto*. Porque si.

Que na Arca ía todo canto hoxe podes ver
─ ¿e a Quimera?
tamén o leopardo de moitas azas
e as árbores floridas
─ ¿e cantabas?
cantaban as olas á fertilidade
amparando os ceos
nas tellas
nos tellados
cantaba Delfina Eydé apañando corvo no centeo
cantaba co abrigo novo
pelando améndoas
sachando cebolas
─ ¿e Elías?
cantaba Elías:
“eu estaba na casa de Laro, e vinos, aos atracadores
e detrás íalles a Garda Civil, e eles abriron as gabardinas
sacáronlles a metralleta e
tracatracatrá tracatracatrá”
e a Esfinxe recitaba enigmas e violaba aos mozos agonizantes,
antes hipnotizábaos
e esta Helena, a destructora de naos
e Penélope
e a muller que dicía ser provedora de lunares azuis da raíña das illas de
Derek Walcott
e unha anciá, moi minguadiña
e estaba dentro dunha botella, e tiña un xardín, moi en desorde
e nas árbores, pendurados de pinzas de roupa de plástico translúcidas, os oráculos
e dicía que cada un collese o seu
que ela xa non atendía
e ó seu carón medraba a mandrágora e o fiúncho
e unha ponla dourada
e alí era a Boca
a Furna dos Avernos
e tiña un galo
vestido de militar
e o galo dicía
─ quero..............................
.............................................................................
─ ¿e había Circo?
.............................................................................
pois todo é na Burata dos Infernos
─ había
(Chus Pato: A ponte das poldras)



*NOTA: Graciñas a Eva, que mo descubriu hai xa ben tempo.

31.3.10

Escafulindo das circunstancias

Son longas as horas. Os encamados falan e un pensa no que lle cadra.

I
Meu pai cóntame por enésima vez as historias do Val d’Arán, onde traballou antes de eu nacer:

Tardaron polo menos dez anos en facer aquel túnel. Antes, no inverno, seica había semanas nas que estaban incomunicados. Só se daba entrado alí por Francia, pero non por baixo.

Eu penso desde o meu terreo: Se cadra é precisamente por iso polo que existe o aranés.

II
O da cama do lado -47 anos en Arxentina- fala de cando a mili, co seu acento de alá:

En Navarra estábamos varios gallegos. Todos los domingos nos llevaban a misa. Y un día el cura suelta en medio del sermón:
- Madres que tenéis hijas, encerradlas, que hay gallegos cerca.

El Capitán, sin esperar ni un segundo, grita en medio de la misa:
- A formar, ar!
- Media vuelta, ar!

Nos sacó a todos de misa y no nos volvió a llevar en toda la mili.

III
Aínda bo foi; Rosa Díez aplaudiríalle ó cura. O pai enlaza:

Tamén unha vez marcharon uns canteiros polo medio dunha misa. Había unha cuadrilla traballando nun sitio e empezaron a aparecer mozas preñadas. Ós homes do lugar non lles gustou aquelo e armaron para darlles unha malleira á saída da misa. Pero o cura, que sabía o verbo dos arxinas, aproveitou o sermón para avisalos:

-Arxinas que quilastes e non xaspeastes, escafulide da keikoa, que cando anisquedes os verceiros quérenvos acalmar*.

E así pasan as horas.

REMATE: Levo días observando a comunicación entre médicos, enfermeiras/os e pacientes e chego a unha conclusión: co perfil que abunda, só un insensato pode cuestionar a necesidade de que os profesionais da medicina teñan coñecementos de galego.

NOTA: Interésanme os matices lingüísticos de todo o anterior, non os comportamentos, que ben sei que darían para falar...

*- Canteiros que fodestes sen pagar, fuxide da misa que, cando saiades, os veciños quérenvos pegar.

25.3.10

Libros, lugares, momentos

Non gardo memoria das circunstancias nas que lin a maior parte dos libros que fun debullando ó longo da miña vida. Pola contra, hai uns cantos que asocio inevitablemente con momentos e lugares concretos:

Xa contei noutra ocasión que a primeira lectura de Longa noite de pedra tráeme á cabeza unha viaxe en autobús por terras de Ponte Ledesma para ir xogar un partido de fútbol. Con pólvora e magnolias lévame ó bar Os Porches, en Santiago, con música de Mike Oldfield soando na máquina. O Molloy, de Beckett, lino a golpes de té con leite nunha habitación do Viacambre, en 1º de Facultade. Baleas e baleas, de Luísa Castro, recórdame o regreso de Lisboa nun comboio destartalado. E así pasa con algúns outros.

Moito me temo que As razóis d'Anxélica, de Aurora García Rivas, vai quedar inevitablemente unida ás interminables horas nun garito de Urxencias escoitando como música de fondo o pi pi pi pi pi pi do monitor que marca a liña da vida de quen me deu vida, co medo sempre a que perda os pes e deixe os is desvalidos co seu piiiiiiiiiiiiiiitido irreversible. Merecía mellor sorte a novela de Aurora, pero non andan os tempos moi de cara.

Boto a cabeza un par de días fóra do zulo e volvo reparar en cousas que habitualmente me ocupan. Non entendo nada. Non sei a que xogan Valedores, Conselleiros, Presidentes e outras xentes do País. Mañá volvo ó zulo. Visto o visto, aínda hei ter que agradecelo.

15.3.10

A forza que vén de lonxe IX: David Clark. Pensións e música

A SERIE EMPEZA AQUÍ

I
David Clark é un escocés que un día se trasladou a Cataluña debido ó seu interese pola transición española. Alí soubo da diversidade do Estado e contáronlle que o que se parecía a Escocia era Galicia.

Quixo coñecer estas terras, viaxou polo norte facendo autoestop e chegou a Ribadeo, onde pasou unha noite nunha pensión. Pola mañá escoitou música nosa que lle pareceu súa e xa non tivo dúbidas. Era Milladoiro. Desde aquel día exerce de galego-escocés e loita por tender pontes que cheguen desde o Miño ás altas terras de Inverness. David Clark, forza que vén de lonxe.

II
Disque Curros Enríquez pasou unha noite en Ourense nunha das viaxes que de vez en cando facía a Celanova para visitar a súa nai, a quen quería, e pelexar con seu pai, a quen seguramente tamén quería.

Era unha noitiña de verán e oíu que uns nenos cantaban baixo a súa ventá unha canción de letra que lle resultou familiar. Tratábase da súa Cantiga, poema que publicara algún tempo antes nunha revista e que se fixera moi popular sen el sabelo. Curros, que era algo toxo, seica colleu un cabreo do demo porque, no proceso de popularización do seu texto, alguén cambiara o primeiro verso, No xardín unha noite sentado por Unha noite na eira do trigo.

Curros era así, pero que non se queixe, que ben lle amañaran o poema; os xardíns diante das casas non debían ser daquela cousa moi galega.

III
Hai uns vinte anos cheguei eu unha noitiña de agosto a Muxía, como final de etapa dunha inesquecible viaxe pola Costa da Morte. Moito hotel non había, ou non dei con el, e fixen noite nun hostal. A noite era agradable e quixemos saír dar unha volta despois de acomodarnos. No outro lado da rúa, xusto diante da porta, á beiriña do mar unhas rapazoulas cantaban fermosamente un texto de Pondal:
Meniñas da Cruña de amabre despexo, de falas graciosas e pasos lixeiros, deixá de Castela os duros acentos:falade, meniñas, falade galego.
Déronme ganas de ir alí e darlle unha aperta a cada unha. Non o fixen, que un non exterioriza canto sente, pero non as esquecín nunca. E elas, que andarán agora polos trinta e poucos, non o saben.

Polo que se ve, á beira das pensións pode soar música de espabilar o corazón e quedar sempre no recordo. Pero eles non frecuentan as pensións.

CONTINÚA

8.3.10

Libros oportunos

A Academia de la Llingua Asturiana presentou recentemente o libro Mirandés: situación sociolingüística de una lengua minorizada en la zona fronteriza portugueso-española, do que é autora a filóloga rumana Aurelia Merlán. No acto de presentación participaron os membros da ALLA Ana Cano e García Arias. Si, si..., o mesmo que berraba "Que respeten la frontera!" no documental de Rubén Pardiñas.

En Uviéu atopei tamén hai un par de semanas o libro Cartografía histórica de Asturias, un fermoso volume que analiza e reproduce mapas do territorio asturiano desde o século XVI para adiante. Neles, no lindeiro occidental, sempre aparece a mesma etiqueta, con dúas variantes: Ría de Rivadeo ou Ría de Ribadeo. Nunca outra.

Pero, sen dúbida, o máis interesante que vin foi o libro Bares-tienda en Asturias, escrito por David Fernández Moro e con fotos de Arnaud Späni. Veñen a ser, con matices, as tabernas das que falaba eu hai pouco. Iso é patrimonio e o resto son contos.

NOTAS
:
Esta semana puidemos ver, por fin, as probas dunha aldraxe á toponimia levada a puntos impensables (Desván de los Monjes, Toro). Non sei moi ben se é para rir ou para chorar. Por se fose pouco, hoxe mesmo dannos a segunda cunca, para que quedemos ben mantidiños.

Tamén soubemos que Joan Báez actuou en Vigo, saudou en galego e cantou "Adios ríos, adios fontes". Seica llo debemos a Robert Duift, intérprete de Joan Báez, galegofalante dos EEUU e profesor na Universidade de Vigo. Parabéns.

1.3.10

"Hestoria tapecida"


Runna Pentti sentou na barra dun porto do golfo de Riga e mirou as ondas que batían unha e outra vez contra unha lancha. Runna Pentti era poeta. Formárano en ruso pero el sentiu que tiña que escribir en estonio, unha lingua ridiculizada ata o extremo e que xa só falaban campesiños e borrachos nos portos de Haapsalu. E Runna Pentti escribiu uns corenta libros nos que, segundo Alfred Solov, reconstruíu unha e outra vez aquel instante na ribeira do Báltico.

Cóntanos todo isto Xuan Bello, o mellor escritor en asturiano e quen sabe se asturiano sen o en, en La hestoria tapecida. Xuan Bello é un poeta que leva tempo escribindo en prosa o mesmo verso. Engaioloume hai uns anos a Hestoria universal de Paniceiros como me engaiolou agora La hestoria tapecida. Lera inédito “La perspectiva de la eternidá”, un dese relatos de fronteiras que a min tanto me gustan, que naceu hai uns anos no Cantón de Ribadeo e que o autor me mandara xa daquela. Coñecín agora a historia de Fanny, a avoa que viñera de cerca de Odessa, dunha aldea que ela sabía nomear en yiddish e que xa non se dá atopado porque ninguén sabe como se chama en ruso ou en ucraíno. Coñecín a bisavoa Olimpia, que emigrou a Bos Aires porque un veciño entrou na casa e pasou ante ela co sombreiro posto, e negouse a vivir nun sitio onde os cabaleiros non se descobren ante as damas. Coñecín a Nuno, que chegou de Cabo Verde a Lisboa falando krioulo e pensando que o portugués só se escribía, e chorou de desarraigo cando llo oíu falar ó pai por vez primeira. Coñecín hestorias que falan de Uviéu, de Nairobi, de L.luarca, de Coímbra, Braga, Xixón, Roma, El Pandiel.lu, ... historias que en realidade falan sempre de Paniceiros.

Rematei o libro estomballado encima da cama, cun ollo na ventá esperando o saúdo túzaro de Xinthya e outro ollo posto nas historias que esconden a tristeza de quen contestou máis dunha vez a pregunta máis temida. E Mafalda Veiga, sempre tan presente, non estaba alí para salvalo. Nese tempo de tensa calma, esperando esa tormenta perfecta que me inquieta estrañamente máis ca outras, remato o penúltimo capítulo, “El cabu del mundu”, e decátome de que o título coincide co da última novela de Xabier Quiroga, O cabo do mundo , na que o autor do Saviñao reescribe outra vez as mesmas sensacións que xa me deixara en Atuado na braña, a mellor novela galega das que lin a comezos de século, xunto con As rulas de Bakunin. Porque tamén me parece que Xabier Quiroga está sempre reescribindo o mesmo libro.

Ás veces penso que tamén eu levo tempo reescribindo o mesmo post, e cavilo en deixalo así, sen despedidas que tanto me amargan, e penso que ninguén ha de preguntar nin polo seguinte post nin por min mesmo. Pero acabo volvendo. Será que os que imos tendo unha idade estamos sempre botando man do trasacordo, pelexando sempre cos matices.

Disque Runna Pentti comprendeu aquela tarde no golfo de Riga que todo sucede para volver suceder, e escribiu corenta libros na lingua dos campesiños e dos borrachos dos portos de Haapsalu para retratar unha e outra vez, demorada e namoradamente, o mesmo instante: un mozo senta no peirao e sente no corazón a navallada do desexo contraditorio de quedar ou de fuxir. Desde aquel porto do Báltico chegaban en tempos á Península mercadorías que entraban polo porto de Ribadeo e que despois se distribuían por aí abaixo. Entre elas, o kummel, que Risco cita en O porco de pé no festín de D. Celidonio onde o Dr. Alveiros bebeu o seu fracaso; o kummel, que seica se pedía nos bos bares de Madrid chamándolle licor de Ribadeo, onde aínda queda xente que conserva botellas e a onde me chegan arestora todos estes fíos enguedellados.

23.2.10

Orgullos@s do galego

A Coordenadora de equipos de normalización lingüística acaba de presentar a campaña Orgullosos do galego, na que colaboran, entre outros, Luís Tosar, Susana Seivane, Martiño Rivas, María Castro, Antón Reixa, Belén Regueira, etc.

Estamos orgullosos do noso, orgullosos do galego, orgullosos deles.

15.2.10

Barullo na raia I: Dialogando?

Dialogando?
“Estas fronteiras son o meu cárcere”
(Leonard Cohen: The partisan
)

Empezo cunha aclaración ó título, o cal non di moito ó meu favor, pero é necesaria e clarificadora do que pode ser o contido: na raia hai pouco barullo, onde máis hai é en rotativas e institucións que están algo para o lado, pero berran tanto que algo nos chega.

I:
- Ti, ¿como te chamas?
- Manolo.
- Manolo, ¿como te chamas?
(Suso de Toro: Polaroid)

II:
Méndez Ferrín érguese un día pola mañá con espírito entre solidario e pillabán e maniféstase publicamente a favor da oficialización do galego do occidente de Asturias, e tamén do asturiano.
En Asturias botan as mans á cabeza por estas palabras e din que todo isto se evitaría se o goberno asturiano declarase oficiais estes idiomas.

A min que mo expliquen...