Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

28.1.10

55 mentiras sobre a lingua galega

Imposición do galego, cambios na normativa cada pouco, centros de ensino onde o alumnado só pode falar castelán no recreo, MENTIRAS, o castelán nunca se impuxo, cada un pode elixir sempre a lingua que quere porque as dúas son oficiais, hai nenos e inmigrantes traumatizados pola imposición do galego, MENTIRAS, os pais teñen dereito a escolleren a lingua do ensino para os seus fillos, a maioría dos libros de texto están só en galego, o castelán desapareceu de moitas escolas e institutos, MENTIRAS, ata o 2005 houbo un equilibrio lingüístico que o bibpartito rompeu, o galego impide a chegada de bos profesionais de fóra, ... MENTIRAS, MENTIRAS, MENTIRAS.

MENTIRAS
nos mitins, nas tertulias, nas columnas dos xornais, MENTIRAS nas entrevistas, nos debates, MENTIRAS e MENTIRAS.

Se a un lle empuxan un pouco nun autobús ou na rúa, pode que ature e non diga nada aínda que non reciba desculpas. Se a un lle volven empuxar, poida que empece a perder a paciencia, pero igual cala. Se a un lle empuxan tres, catro, cinco, ...vinte veces, se lle pisan os pés, se lle dan golpes no fígado, na barriga, se o toman por parvo, ... iso non hai corpo que o aguante e entón o asoballado revólvese e pon as cousas no seu sitio. E iso é o que está pasando.

O venres, 5 de febreiro, ás oito e media da tarde, en máis de sesenta lugares de Galicia e do estranxeiro -nestes casos, con algunha variación horaria para que non cadre á hora do almorzo- preséntase o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, elaborado por xente de Prolingua e editado por Laiovento, porque xa nos pisaron moito, e dóennos os callos, e o fígado, e non imos permitir que nos boten as mans ó pescozo e apreten ata deixarnos sen alento. Iso non.

Dende Ribadeo a Tui -coma o programa da Pirenaica-, desde o Ortegal ó Miño -coma no poema de Cabanillas-, dende Bethelem ou Nablús en Palestina ata Nova Iork ou Wisconsin nos EEUU, de Lalín a Marín, de Baiona a Barcelona, de Guitiriz a Allariz, ... Copenhague, Cotobade, Bruxelas, Cacheiras, Londres, Moaña, París, Viana do Bolo, Ribadavia, Vigo, San Martiño de Trebello... imos chegar onde non foi capaz de chegar o Xabarín. O mundo enteiro vai saber das mentiras que aquí se dixeron. Porque todo cansa. A ver se podemos, por fin, falar de fútbol ou do tempo, que xa é hora.

26.1.10

Anque aínda...

I
Acato e respecto a autoridade da Academia, aínda que non son eu moi purista en cuestión de lingua. Con todo, cústame prescindir dalgunhas palabras ou expresións proscritas, como sucede con anque. Non acabo de entender que mal fixo para ser expulsada a patadas do paraíso, pero algo faría.

Esa contracción, procedente de aínda que, xa a usou o Padre Sarmiento nas súas coplas:

122
Anque o liño tivo / muito gorgo, é certo /non coubo nos lagos /o liño colleito.

413
Anque de repente / foi todo o suceso, / xuntouse a purrilla / xentío nun credo.

E tamén Rosalía en Cantares Gallegos:

San Antonio bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque m’ esfole.

A min acompañoume desde pequeniño, medrou comigo, aparéceseme con frecuencia e cústame moito deixala tirada na beira do camiño. Tampouco creo que a súa existencia eive moito a fala nin os falantes, pobriña.

Hai uns días dei con ela nunha redacción dunha alumna, incrustada nunha expresión que si me chamou a atención: Anque aínda non rematara todo...”.

Anque aínda”. Vese ben que quen usa esta construción redundante non recoñece xa as orixes, pero gustoume este uso tan pouco frecuente. E gustoume aínda máis porque a alumna é dos Ozcos, esa lingua de terra asturiana que desce deica o mar coma unha serpe, en palabras de Ferrín, e conserva a fala galega ás veces con termos e xiros que nós perdemos. Dos tres Ozcos, a alumna é de Santalla (de Eu-lalia, “a que ben fala”). Sendo así, tan ben falada, ¿como non me vai gustar?

II
Na Asturias de fala galega, neste caso en Grandas, atopámonos estes días coa nova de que o Consorcio para a xestión do Museo Etnográfico de Grandas de Salime ten pensado destituír a José Naveiras Escanlar, Pepe el Ferreiro, como director do mencionado museo.

Descoñezo os motivos de tal decisión. Non sei se Pepe lle partiu a rabela ou as abeacas dun arado na cabeza a algún político, con razón ou sen ela, ou se estamos ante un capricho máis de quen ten o poder e abusa del. Só sei que o museo etnográfico de Grandas é fillo de Pepe el Ferreiro, que a el dedicou boa parte da súa vida e que sen el non existiría. O malo é que os fillos ás veces medran e comen os pais.

17.1.10

Tabernas

Esta fin de semana fixen uns cantos quilómetros. Moitos. Algúns deles foron por autovía, pero a maioría discorreron por estradas "nacionais", que agora veñen a ser secundarias. A vantaxe deste tipo de estradas é que un ve máis a realidade, a Terra.

Cando conduzo préstolle atención ó que lle cadra, pero acostumo a fixarme nos topónimos e nas tabernas. Gústanme as tabernas que aínda subsisten no rural á beira das estradas. Apetéceme parar en todas, observar e escoitar. Pola miña retina entraron estes días centos de topónimos e tamén ducias de tabernas.

Nas tabernas técense e destécense historias que darían para alta literatura nas mans dun bo artesán das letras. Non hai moito asistín a unha acalorada discusión entre un inmigrante e un indíxena sobre a conveniencia ou non de mandar cartos para o país de orixe. O inmigrante, exhibindo orgulloso a súa cartilla da Caixa Rural, non estaba polo labor de mandar nada para un país que lle negara unha vida digna. Aquela disputa pareceume unha boa lección de economía internacional adubiada con algo do que soen carecer os economistas: os sentimentos, os (des)afectos.

Contáronme que nunha taberna, cerca da anterior pero hai moitos anos, un tipo díxolle a outro que se lle pagaba unha cea comía un periódico. E aceptoulle. Como non estableceran prazos, o tipo tiña o xornal na taberna e de vez en cando ía por alí, pedía unha folla, mastigaba e mastigaba ata que a tragaba. E papou o xornal enteiro, e despois a cea, de balde.

Outro día seica apostou a que comía unha tortilla de corchos. Esfaragullou ben a cortiza e fixéronlle a tortilla. Tamén a papou. Foi o último que comeu; morreu aquela noite.

Historias de tabernas que van quedando na beira do camiño, e da vida.

10.1.10

Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo: media ducia de observacións

Deixando de lado aspectos sobre os que xa se ten incidido nas numerosas colaboracións que se publicaron nos últimos tempos (as escuras intencións, a incapacidade da nova norma para lograr os obxectivos establecidos na lexislación, o seu carácter regresivo, etc.) vou comentar algúns apartados con respecto ós cales vin escasas alusións, ou ningunha:

1- A lingua das programacións
O Decreto 247/95 establecía que as programacións didácticas dos distintos departamentos debían redactarse en galego; o 124/2007 dicía que nas de castelán podía usarse esa lingua. As Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo din que "As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva" (Disposición 2.2), ou sexa: non se establece nada para as programacións que non son das materias de lingua e, con iso do “con carácter xeralincluso se abre a porta a que unha programación de galego se redacte en castelán (tamén ó revés, certamente).

2- Os difíciles equilibrios: materias ofertadas / materias impartidas.
Na disposición adicional primeira das Bases dise que “o procedemento para determinar a lingua de impartición das materias desenvolverase mediante unha orde posterior á aprobación deste Decreto”.

Pois xa poden afinar nos detalles desa Orde, que pode ser fundamental para lograr ese suposto equilibrio e por iso debería tamén debaterse antes da aprobación do Decreto. Explícome:

Sen entrar xa na difícil presenza do inglés en equilibrio co galego e castelán, medo me dá o uso perverso que se pode facer dos conceptos “materias ofertadas” e materias que efectivamente se “imparten”. Son conceptos que no decreto non se diferencian. O único caso no que se fala de “horario semanal equilibrado de materias impartidas” é nos centros que queiran impartir matemáticas ou ciencias sociais en lingua estranxeira; no resto dos casos fálase de “materias ofertadas”.

Os que nos movemos algo na organización dos centros, sabemos ben que non son conceptos que necesariamente coincidan. En realidade, case nunca coinciden. O número de materias que se ofertan pode ser bastante amplo e pode manterse varios cursos pero, especialmente nos centros con reducido número de alumnado, o das que na práctica acaban impartíndose é moi reducido e pode variar ano a ano. Os criterios para a escolla normalmente dependen da cantidade de alumnos que as elixan, da compatibilidade horaria e das posibilidades dos departamentos para impartilas.

Xa sei que sería propio de mentes algo retortas pero, como estas Bases están feitas por mentes algo retortas, non me resulta nada difícil imaxinar centros onde os equilibrios lingüísticos das materias ofertadas acaben sendo desequilibrios moi desequilibrados na docencia real que o alumnado recibe. Pode suceder con boa vontade, e pode suceder moito máis aínda se hai vontade de que suceda. A presenza efectiva de un dos dous idiomas pode ser residual. Pode suceder na ESO, pero darase especialmente en bacharelato, onde as posibilidades de desequilibrios na docencia real que o alumnado reciba son proporcionais á cantidade de optativas que se poden ofertar, que é bastante elevado.

Aínda que, no mellor dos casos, un centro queira corrixir situacións de desequilibrio unha vez que se sabe o horario que o alumnado vai recibir, non terá tempo para facelo porque esa situación só se coñece uns días antes de que comecen as clases. Xa non se poderían establecer cambios de idioma nos libros de texto correspondentes, no caso de que houbese posibilidade de escoller en todas as materias, algo que os editores xa dixeron que non ía ser posible.

3- A ensinanza de persoas adultas
O 124/2007 establecía que na ESO e no bacharelato de adultos as ensinanzas se impartirían integramente en galego, agás nas materias doutras linguas. O de integramente non foi unha arroutada do bipartito; igual que sucede con todos e cada un dos puntos do 124/2007, este aspecto figura así no Plan Xeral de Normalización aprobado polo goberno de Fraga.

O que se di nas Bases é que “cada centro garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel en ambas as linguas oficiais”. Moi ben. A responsabilidade para cada centro. Queda aberto o caneiro para a anarquía e a experimentación.

4- Concurso de traslados
No punto 13, as Bases... din que “Para poder participar no concurso xeral de traslados a prazas en que é preceptivo o ensino en lingua galega, o profesorado terá que acreditar a capacitación nesta”.

Como se sabe en que prazas é preceptivo o ensino en galego? Porque:
a - Deixa de ser preceptivo en materias concretas.
b- As materias poden cambiar dependendo dos centros e dos anos.
c- Aínda sabendo o centro e a situación nun ano concreto, os profesores dun departamento, cando concursan, non saben en que niveis e grupos van impartir clase e dentro dun mesmo departamento pode suceder que un profesor teña que impartir a(s) súa(s) materia(s) en idiomas distintos, dependendo dos niveis, por iso do suposto equilibrio.

5- Exención
Sen entrar a discutir a pertinencia da exención de lingua galega ou non, a duración da mesma -que pasa de dous a tres anos- nin o nivel no que se pode aplicar, que agora é a partir de 4º de ESO e pasa a ser xa desde 1º de ESO, hai outro pequeno matiz que revela o papel secundario que se lle atribúe ó galego.

O 124/2007 establecía que “O alumnado que se incorpore ó sistema educativo en cuarto de educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención ...”.

O fragmento “con lingua oficial castelá” desaparece nas Bases, co cal un alumno poderá obter a exención de lingua galega veña de onde veña.

Agora suponse que se un alumno procede dun país con lingua oficial castelá coñece este idioma e está en desvantaxe no caso do galego, e concédeselle un prazo para poñerse ó día. Pero se procede da China, de Ucraína ou de Pakistán, non se concede porque non sabe galego nin castelán e nada explica que poida obter a exención de galego e non de castelán, a non ser que se parta dunha postura de infravaloración do noso idioma. Segundo as Bases, a exención de galego concédese veña de onde veña o alumno, tanto se sabe castelán coma se non. U-lo equilibrio?

Por outra banda, xa vai sendo hora de que se regulen de xeito distinto os casos do alumnado procedente de zonas limítrofes con fala galega, aínda que non a estudasen na escola. Non ten moito xeito poñer un alumno que procede de Taramundi ou Lubián ó mesmo nivel ca un que procede de Transilvania ou Ljubljana.

6- A (suposta) escolla das familias:
Quen?
Na disposición adicional primeira das Bases dise que será preceptiva unha consulta ás familias “en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato”. No articulado non se fala en ningún momento de consulta ás familias para o bacharelato.

Cando?
“Durante o proceso de matriculación ou na reserva de prazas” e “cada catro cursos escolares” salvo para educación infantil, di a mesma disposición adicional.

Se se lle quere dar voz ás familias de todo o alumnado –e non entro a analizar por que non se lle pregunta a nai e pai por separado, xa que non é raro que opinen de xeito distinto-, habería que agardar a que remate o proceso de matriculación, que é despois das probas de setembro. Feita a consulta, computaríanse os resultados e os Consellos Escolares farían as propostas lingüísticas correspondentes, cos famosos equilibrios. Despois informaríase ós departamentos e estes seleccionarían os libros de texto axeitados, se os houber, comunicaríanllo ó alumnado, pediríanos e, cun pouco de sorte todos terían o libro de texto cando vaia xa máis dun mes de clase.

Se se fai antes, as familias dos alumnos matriculados despois das probas de setembro non decidirían. En realidade, pouco máis ten, porque a consulta farase cada catro cursos, ou sexa, quen decidirá en que idioma estudará as troncais o alumnado que agora está en 4º de primaria son as familias dos que agora están en 6º. Non pasa nada, a cousa compénsase porque tamén as familias dos de 4º deciden sobre os que aínda están aprendendo a falar. O caso é que as familias decidan, aínda que sexa sobre os fillos do veciño.

Poderíase amañar a cousa facendo votar non só sobre o curso seguinte, senón sobre os que veñan despois, pero os textos hai que mantelos catro anos e, ademais, non son poucos os alumnos que acaban repetindo algún curso e os que se incorporan de novo, ou sexa, que estariamos nas mesmas.

Merece a pena tanto barullo só para aparentar que se lle dá voz ás familias nunha ridícula parte da docencia dos seus(?) fillos, sobre todo cando xa houbo sentencia firme establecendo que é un dereito que non teñen?

8.1.10

Tempos avesíos


Pódese dicir que o meu Nadal empezou coa xeada do día 25 nas terras de Deza e remata coas sarabiadas que caeron hoxe toda a tarde na Mariña. Tempo avesío de cabo a rabo. Unha metáfora.

Como todo cansa, tiña intención de desconectar temporalmente do mundo virtual que visito con frecuencia e poida que ata de un mundo real que xa intuía pouco grato. Imposible.

Con esa idea erguinme cedo o 25, confiando en poder gozar un ano máis coa paisaxe da Santa Lucía –o que máis me gustan son os valados do camiño que leva ata alí e o regueiro que rodea a capela- e alí dei xa cos primeiros túzaros empeñados en espetarme de narices na lama da realidade:

E querían prohibir falar o castellano! Eu non digho que non se estudie o ghallegho, pero a ver logho en que imos falar polo mundo adiante! E bla, bla, bla, ... as mesmas ridículas retrónicas de sempre.

A punto estiven de ir buscar o prolingüeiro Rafa Cuíña, que acababa de estar departindo con eles e permancecía a uns metros, para que me axudase a tiralos ó regueiro xeado, a ver se lles viña o sentidiño, ou a esnafralos barranco abaixo desde a cima dos penedos onde seica freou de repente un cabalo por intermediación da Virxe –indiscutible, que ben se ven alí as marcas dos pezuños...–. Pero tiña as mans frías e non me apetecía sacalas dos petos nin despois ir declarar ó cuartelillo. Prefería coller pan recén cocido no forno e tomar un viño na taberna adornada con fotos de Loriga, mesmo no cruce que vai cara ó Corpiño, mentres vía arder un cepo na lareira mal imitada.

Case coa mesma nocturnidade que os lugareños rouban na noite do 24 as cancelas dos veciños para deixalas á beira do camiño, o señor Núñez presentou uns días despois o seu decreto secreto. E diso oín eu que se falaba en canta rolda de viños e copas houbo neses días, que non foron poucas.

Agora repaso por encima o mundo virtual que aparquei en parte e atopo que son incontables as colaboracións de prensa, as noticias, as entrevistas e as cartas ó director que debaten sobre o asunto.

Temos que levar á clase política o consenso que hai na sociedade” –dixo o señor Núñez hai uns días-.

Si ho! Este pensa que os consensos os activa el cando quere co mesmo botón co que activou os conflitos. Vaiche aviado!

Se convocase unha rolda de prensa e dixese dunha vez “Impoño esas bases e impoñerei o novo decreto porque gañei as eleccións, teño maioría absoluta, impórtame tres pitos o galego e fago da miña capa o saio que a miña acomplexada mente me indica”, eu non lle discutía nada, que niso ten razón, pero tómanos por parvos e empéñase en darlle voltas ó asunto con falacias que non cre nin el e que chegan a ser insultantes, e iso é o que me saca das cuñas.

Por iso tamén eu falarei do decreto secreto, que fóra aínda sarabea. Pero será para outra.

19.12.09

Selección galega

Como no Nadal vou descansar, escribo hoxe a pares e, por fin, sobre algo importante: o fútbol... ou se cadra a dignidade.

Este Nadal o goberno privounos dunha festa á que xa estabamos acostumados: a festa do fútbol galego. Era unha festa que o actual Secretario Xeral para o Deporte seica chegou a denominar “circo identitario”. Xa non fai falta buscar o pallaso principal.

Dando un paso máis no proceso de deconstrución do País que pasiño a pasiño están levando a cabo, prescinden da organización dos partidos da Selección Galega (masculina e feminina) porque seica non queren facer política co deporte.

Eu non sei se esa festa era ou non política, pero o que está claro é que non hai máis intencionalidade política en organizar o partido ca en non organizalo. O que deciden os políticos son sempre decisións políticas, sexa no sentido que sexa, que para iso están. Decisión política foi tamén a que, incumprindo a palabra, nos privou de ver coas cores da nosa selección os mellores tempos de Nacho, Otero, Fran, José Ramón, Marcos Vales, Michel Salgado e outros. O que eu lle pido a un político é que tome decisións políticas; non me vai vir facer a cama ou aspirar a casa, que diso xa me encargo eu. O que pasa é que algunhas decisións políticas, ademais diso, son parvadas.

Pero non era facer política que Nacho Novo, despois de xogar un partido pola mañá en Glasgow, collese un voo privado e estivese en Riazor á noitiña para enfrontarse a Irán. Non é facer política que moitos nenos e non nenos ilusionados o abordasen ó remate do partido para sacar fotos e pedirlle autógrafos. Non é facer política que Diego López, que tamén defende a española e non pasa nada, lle recordase ó mundo que se pode ser de Paradela e parar como poucos son capaces de facelo. Non é facer política que os nosos nenos vexan que podes ter orixe humilde e chegar alto. Non é facer política sacar unha foto con Arsenio ou con Fernando. Non é facer política que os ídolos sexan os nosos por un día, en tempos nos que en cada Telexornal hai que dicir algo do Real Madrid. Non é facer política que a nosa mocidade leve con orgullo unha camiseta con pintiñas azuis, chea de sinaturas de Trashorras, Viqueira, Chino Losada, Jonathan Pereira, Roberto, Álex Bergantiños, Iago Bouzón, Noguerol, Roberto Lago, Iago Falque, Diego Castro e tantos outros.

Iso non é facer política. Iso é meter no corpo a semente do amor ó deporte, á vida sá, da unión –tamén da unión norte-sur, da que tanto se fala ultimamente-. Porque o fútbol galego une, fai que medre o orgullo de ser o que somos, e digo eu que nada malo haberá niso. O orgullo propio non é incompatible con ser internacionais e gañar títulos, como moi ben sabe Pep, que é listo coma un allo.

Aplaudo o esforzo de Fernando Vázquez e dos siareiros galegos por resucitar a festa da selección galega. E se non poden xogar, gustaríame ver na grada os profesionais animando ós que saian ó campo o 26 en San Lázaro, para vergonza dos que nos roubaron a festa.

Lingua de oportunidade

Neste momento por aí fóra seica cae neve e non sei eu de que serán capaces algúns cerebros atrofiados polo frío, cando xa non discorren gran cousa en días calmos. Medo me dá logo o que poida dicir o novo decreto do galego que disque está para saír. Se cadra píllanos a todos coas copas na man, brindando polo Nadal, e nin nos decatamos, que esa parece a intención. Eu xa non sei se importa moito, co mal que xa se fixo.

Quéixase de vez en cando o actual Conselleiro de Educación, e mesmo o Presidente da Xunta, do traballo organizativo e reivindicativo que se vén levando a cabo nos últimos meses en defensa da lingua. Din eles que é esaxerado e que se trata de inauditas accións preventivas porque non fixeron ningún cambio en relación co idioma galego.

Pois é mentira. É certo que o decreto 124/2007 segue en vigor, pero, pinga a pinga, xa se tomaron varias decisións no ámbito cultural e noutros que tamén afectan á lingua, que non todo no idioma é a Consellería de Educación.

Pero se cadra o cambio máis importante foi o que se produciu, o que provocaron, na imaxe pública do idioma. O galego empezaba a ser visto como lingua de oportunidade, en palabras de Fermín Bouza, empezaba a verse como lingua útil, e iso resulta fundamental para a supervivencia do idioma.

Coa colaboración dalgúns medios da casa e de fóra, o galego foi sometido xa desde a campaña electoral a un xuízo mediático baseado en mentiras, en falacias que foron minando o seu prestixio. Como consecuencia, para bastante xente o galego é agora moito menos lingua de oportunidade e moito máis peza de museo, adorno do que se pode prescindir, cousa folclórica. Calquera modificación legal é que recúe no antes acadado é agora moito máis asumible socialmente.

Seguimos agardando a que alguén poña sobre a mesa o nome dalgún centro de ensino no que os nenos só poidan ou puidesen nalgún momento falar castelán no recreo, como chegou a manifestar o Señor Núñez ante un Jiménez Losantos que agora o insulta, seguimos esperando a saber o nome dalgún establecemento comercial multado por rotular en castelán, seguimos esperando as probas de tanta mentira como se vomitou.

Non, non foron actos preventivos. Foron unha resposta cívica á mentira, á falacia, ó cinismo e ó desprezo. E para desmontar de vez esas mentiras, con intervencións serias e respectuosas, pero contundentes, celebrouse estes días Ecolingua, xuntanza da que xa veriades abondosa información nos mesmos medios de comunicación que, un día si e outro tamén, falaban da imposición do galego... Non? Non saíu nada? Vaia, ho! Non darían chegado aló pola neve, que eles querer querían...

14.12.09

Tradutores automáticos


O problema de traducir con maquinillos é que non pensan e son capaces de perpetrar calquera atentado contra a lingua. Se hai pouco tempo era nas probas dunha oposición onde aparecían preguntas disparatadas, onte tocoulle a El Progreso dar conta da toma de posesión de M. Rivas na Academia ocupando a vacante que deixou Camilo Gonsar, ou sexa, Camilo González-Suárez Llanos... ou Chairos.

Isó é o que pasa por termos unha lingua que, para moitos, é simple tradución doutra, como se fose inevitablemente subalterna, cursiva.

7.12.09

Azafrán das meigas, tollemerendas, libros, ...

Foto: Xandra
I
Nun comentario desta entrada falou hai pouco Alexghalpón do azafrán das meigas ou quitamerendas. Descubrín así como se chamaba aquela flor malva que nunca souben nomear, malia a miña orixe rural, pero que tanto me gustaba ver na cima do Souto, onde se amoreaba a folla debaixo dos carballos.

Na Eira de Balixe chámanlle tollemerendas á quitamerendas de Xandra, e din que non é o mesmo có azafrán das meigas, ou flor de azafrán. Eu non tercio no asunto, que pouco sei de plantas que non se comen, pero con eses nomes chégame o olor a carballeira e a infancia. É pena de que morran as palabras, e máis aínda sendo tan bonitas –as palabras e as flores malvas-.

II

Malvas son tamén os sombreiros dos que fala Marcos Calveiro na obra coa que gañou recentemente o Premio Lazarillo, concedido pola Organización Española para o Libro Infantil. Unha vez máis, un autor resulta premiado cunha obra en galego, competindo con obras de todo o Estado, escritas en castelán, catalán e éuscaro.

No prazo dun ano, sucedeu o mesmo con Xusto Beramendi, galardoado co Premio Nacional de Ensaio e con Agustín Fernández Paz, que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil.

Se o tempo non está moi desagradable, probade a dar un paseo polos escaparates das nosas librerías e buscade neles estas ou outras obras en galego... Si, xa sei que raro sería que as atopásedes; son espazos reservados para César Vidal, Jiménez Losantos, Pío Moa e similares.

III
Resulta máis doado atopar unha flor quitamerendas na beira do camiño ca libros en galego nos escaparates das librerías galegas. Será cousa de meigas.

30.11.09

Tempos revoltos

Como andan os tempos avesíos e vexo as primeiras neves nos curutos dos montes non quero eu falar de togados tarados que sentencian sapos pola boca en Alcorcón para que nos dure pouco a alegría doutra sentencia do supremo que di, sen dicilo, que viven nas nubes e menten os colectivos que pensan que os pais poden decidir a lingua dos mestres.

Non quero eu falar de xurados que humillan a ilusión dunhas nenas Tarambainas. Hai mil maneiras de dicirlle a alguén que queda eliminado dun concurso sen afimar que o que fai está ben só para romerías. Seguramente a tarambainas de Loles León berraría "olé, qué arte!" se as nenas levasen vestidos de volantes de lunares e taconeasen o plató coma posesas.

Non quero eu falar de quen propón sacar a lingua do debate partidario xusto ó día seguinte de que todos os oradores do seu partido (Rajoy, Feijoo, Louzán) metesen a lingua nos seus discursos en Pontevedra para colleitar ovacións paifocas.

Non quero falar tampouco do Conselleiro de Cultura que di que non hai que subvencionar a cultura mentres seguen chovendo millóns de subvencións para canto colectivo hai. Seica non ten sentido subvencionar libros en galego porque se le pouco. Ben se ve que que viviu nos EEUU do Bush que falaba de cortar as árbores para evitar os incendios.

Eu prefiro falar dos empresarios do Foro Peinador e doutros que sementan a ilusión dun país normal e demostran que defender a lingua dun país non é incompatible con facer e vender queixo, viño, aceite, gasosa ou barcos para millonarios.

Pero, como andan os tempos avesíos, sobre todo quero eu lembrar os tempos do bo tempo e falar dos amablingües. É que ultimamente andamos algo alporizados co tema do idioma e o que hai é que ser amables, ho!, practicar o amablingua, que así quédalle o corpo a un máis a gusto e non se resente o corazón. Eu mesmo atopei non hai moito a un destes amablingües. Conto:

En Carril, a poucos metros de onde saquei a foto, o dono dun restaurante falaba e falaba sen parar cun colega, intercalando galego e castelán, mentres nós dabamos conta dunhas navallas, dunhas ameixas e dunhas cantas cousas máis con casca e bicho dentro.

Cada vez que viña á mesa traer unha nova ración de bichos, o tipo facía algún comentario, sempre en castelán, e mesmo nos acabou contando con detalle o moito que vendera este verán, para que viramos que no da crise había algo de trola. Eu de vez en cando tamén dicía algo, sempre en galego. Se cadra foi por iso que, cando a cousa ía xa polo medio, preguntou:
- A vós pódovos falar en galego, ¿non?
- Por suposto que si, e preferímolo.

E seguiu falando, todo o tempo en castelán, pero moi amable, eh! Eu creo que se lla chego a pedir, ata me trae alí a árbore xenealóxica das nécoras e o libro de instrucións para comelas.

Bromas á parte, penso que se ó remate da cea alguén lle preguntase ó homiño aquel en que idioma nos estivera falando, probablemente diría que en galego, porque creo que tivo intención de facelo e mesmo nos preguntou, aínda que as palabras lle saísen en castelán. Simplemente, o seu cerebriño, sen pedirlle permiso, decidiu que a relación co cliente debía ser en castelán. O galego queda para os chipiróns. Velaí a diglosia. Velaí a importancia dos membros do Foro Peinador.

NOTA
:
Parabéns a Xoán Babarro por un novo premio, desta vez o premio Arume de poesía infantil, que gañou coa obra A princesa de Taramundi. Un novo libro con sabor eonaviego para goce dos nenos de todo o mundo.