Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.12.08

Zobra

Proximidades de Zobra, xuño de 1990
Hórreo e eira lastrada
Unha reportaxe de hoxe en La Voz de Galicia fai que rompa o descanso vacacional que onte mesmo anunciei. “Zobra. El paraíso escondido de Pontevedra”, titula o autor. Zobra é parte da miña memoria e de min mesmo. O meu apelido materno ten alí a súa orixe e consérvase en forma de topónimo ortograficamente deturpado, para non variar, no mesmo lugariño onde Casa Celsa acolle os visitantes. Media parroquia toca na miña familia, sen que saiba identificar a ninguén. Nunca fun capaz de poñer orde en todos aqueles nomes dos que miña nai me falaba nin tan sequera de saber a cantas casas pertencían, pero funme facendo unha idea común a todos eles: boa xente, moi boa xente. Tardei en ir a Zobra, aínda que Zobra estaba frecuentemente presente nas conversas da infancia, pero era un sitio de conto de Ánxel Fole, moi distinto ó que hoxe retrata a prensa. Desde a miña ventá vía a cima dos seus montes e raro era o ano que non había que ir ó enterro dalgún parente. Ir a Zobra era sempre ir a un enterro, menos unha vez na que meu irmán foi pola festa, que cadra co seu cumpreanos o día mesmo no que se enceta o ano. Se cadraba no inverno, a expedición ós enterros era memorable: saíase de mañá porque desde Vilatuxe había que ir andando, e despois do funeral era inevitable a visita á casa de varios dos parentes, e acabábase ceando e facendo noite na casa de quen máis forza facía. Botábase a noite e regresábase ó día seguinte. Teño oído falar de enterros en días de neve que deberon ser coma unha expedición pola Antártida, cun metro de neve, con xente esvarando e a caixa a piques sempre de desfacerse contra o chan. A pesar de tanta incomunicación, os parentes buscaban cada ano maneira de mandarnos mel das mellores alvarizas. Mel de carqueixa, de carpaza, de uz, ... que gardabamos para os remedios porque era o mellor. Tamén tiñan ovellas, en continua loita contra o lobo. E bestas. Os poucos nenos da parroquia viñan ó colexio a Vilatuxe, coma nós, primeiro na carroceta de Taboda e algo despois no Land Rover, que era o único coche que daba ido alí. No inverno faltaban moitos días. Eu tardei en ir a Zobra e cando fun fíxeno pola pista de Lebozán, a carón da casa grande de Chedas, que era casa rica. Teño oído historias de bandoleiros e de estraperlisas naquel lugar abandonado hoxe no medio do monte. Tamén fora casa rica a da Cabana, que creo que toca na familia. Antes de eu ir, xa volveran os Acevedos de Panamá e contábanse marabillas da casa que fixeran no medio e medio do lugar: o chalé dos panameños. Decepcionoume cando o vin por primeira vez. Valados altos, reixas, ...parecía deseñado para defenderse daquela xente que os rodeaba e que nunca nada roubaría. En Zobra, coma en calquera parroquia, as casas estaban sempre abertas e aquel búnker alí no medio parecía un insulto a tanta bondade. Máis incomunicado có propio lugar de Zobra ou ca Acevedo, estaban a Cabana, o Portamartín, o Ameixedo e a Trigueira, onde había minas, da volta de alá do río. Nunca alí cheguei. Dicían que, se se seguía para diante, o camiño acababa levando a Grovas, unha aldea xa daquela abandonada no medio do Candán, onde sempre quixen ir e nunca fun. Cara á esquerda cadraba Carballeda, onde tamén tiña primos, e outros lugares xa de Ourense, cara a O Irixo, onde Cela ambientou a súa mazurca.

20.12.08

Nadal


A foto é de Toni Deaño. O estropicio é meu.
Salvo imprevistos, "el toupo" descansa ata despois do Nadal.

13.12.08

Informes internacionais: UNESCO e Consello de Europa.

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Un informe da UNESCO do ano 2003 incluía por primeira vez o galego entre os idiomas en perigo de desaparición. Eu penso que ese documento tivo a súa importancia para que a Xunta, daquela presidida por M. Fraga –subscribo e aplaudo o contundente artigo que Xosé Luís Barreiro lle dedica hoxe en La Voz-, deixase de enredar coa repetida leria de que en Galicia había paz lingüística, bilingüismo harmónico e non sei cantas mentiras máis, e se puxese a traballar na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Un informe do Consello de Europa do ano 2005 incidía na debilidade do galego, coincidindo practicamente co inicio da andaina do Plan Xeral.

Estes días o Consello de Europa acaba de dar a coñecer un novo informe no que, en liñas xerais, alaba as medidas de política lingüística levadas a cabo nos últimos anos, con mención especial para as galescolas, e chama a que se continúe avanzando no proceso.

Un ten a esperanza de que este informe sirva para taparlle a boca ós que desde hai meses repiten un día si e outro tamén a idea de que o castelán está en perigo e non sei cantas parvadas máis. Pero xa empezamos a ver que non vai ser así: o informe refírese ó galego en 34 páxinas; en 12 delas comparte espazo con outras linguas, mentres que en 22 fálase unica e exclusivamente do galego. De todo este espazo só dúas liñas dan pé para que, manipulándoas torpemente e só dese xeito, se poida concluír que o informe cadra coas teses de Galicia Bilingüe. Pois hoxe xa sae nos medios a señora Lago dicindo que o informe lles dá a razón. Calquera alumno mediocre de primaria sería capaz de facer unha interpretación máis cabal.

A verdade é que, vendo o seu labor nos últimos meses, sería de ilusos esperar que de tanto discurso onanista saíse agora algo de autocrítica, pero un sempre ten a esperanza de que haxa pola casa unha tirita para poñer na boca e manter un prudente silencio, como fixo Feijoo... por agora. Claro que sería demasiado perdirlle iso a quen tanto goza diante das cámaras e dos micros.
CONTINÚA

8.12.08

Lingua e política

Había nos membros de Voces Ceibes verdadeiro compromiso lingüístico ou a súa aposta polo galego era só un posicionamento antifranquista?

Por que esmoreceu o entusiasmo co que se empregaron os portavoces dos distintos grupos parlamentarios no debate de aprobación da Lei de Normalización Lingüística?

Queda algo no socialismo galego das teses de Ceferino Díaz ou González Amadiós?

En que medida o antigaleguismo militante de Francisco Vázquez prexudicou o seu partido en Galicia?

Como foi posible que acabase como responsable máximo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega o mesmo Fraga que subía polas paredes cando Xosé Luís Barreiro decidiu que a TVG emitise só en galego ou que sancionou a La Voz de Galicia, sendo ministro de Franco, por publicar unha carta de Augusto Assía na que se criticaba o trato que o réxime lle daba ó galego?

Por que o mesmo Feijoo que votou a favor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega pasou en poucos meses a estar en contra do Decreto 124/2007, que di exactamente o mesmo?

Segue sendo a reivindicación da lingua un elemento fundamental para o nacionalismo galego ou este asunto perdeu forza ó longo do proceso de aperturismo á sociedade dos nacionalistas?

Que escuros intereses hai detrás de Galicia Bilingüe? Quen financia as súas custosas actividades? Existe algunha relación entre este colectivo e o partido de Rosa Díez?

Será posible nun futuro próximo que os líderes políticos cheguen a un acordo sobre o Estatuto para poñer o galego e o castelán verdadeiramente en pé de igualdade legal, acabando cos privilexios que a Constitución lle dá ó castelán?

Estas e outras preguntas son obxecto de reflexión profunda e análise detallada neste libro, un estudo necesario entre a lingua e o poder político desde a pretransición ata a actualidade, que está chamado a ser un éxito de vendas e a desaparecer dos andeis das librerías tan pronto como apouse neles.

30.11.08

Neve

Anda a neve na miña terra.

As imaxes tráenme á memoria textos fermosos de Julio Llamazares e de Fole, pero sobre todo tráenme infancia, xa lonxe.

Tráenme dedos aterecidos, tráenme un autobús escolar patinando na cuneta e nenos empuxando –hoxe máis de un iría preso por iso mesmo-, tráenme días sen escola á beira do lume, a carón da gramalleira, onde unha cañota arde día e noite, e fume nos ollos e fume tamén saíndo por entre as tellas. Pólas no souto rebozadas, palleiros con pucha branca, vacas na corte, zoquiños, pisadas do lobo nos camiños, o Candán branco na distancia moitos días máis . Algún que outro boneco –non moitos- e bólas que ían medrando a cada volta e que botaban semanas ata derreterse por completo.

Días de lonxe que sei cheos de miserias pero que hoxe boto de menos, aquí, na terra do vento e a néboa.

23.11.08

Figueiras

Como neno rural que fun, sei ben o traidoras que son as figueiras: agatuña un por elas arriba e cando tal... cras!, esgaza a póla de súpeto e alá vai un, batendo de pau en pau ata quedar espatallado no chan co corpo cheo de mazaduras. Entón a figueira mira a desfeeta desde arriba e guíndalle ó case-cadáver un par de figos na cabeza, ben maduros, para que esboufen e escorran pola cara abaixo, completando así o poema. E despois ri a cachón ela e o cento de estorniños que aparecen axiña saídos de non se sabe onde.

Si, nunca me foron amigables as figueiras. Pero ultimamente parece que me mandan recados para gañaren indulxencias:

Non hai nin un mes contábame John Rutherford que tivo que deixar o interior do caseto onde traducía ó inglés o Quixote, en Vilaselán, e asentarse debaixo dunha figueira para que aflorasen as palabras que se lle negaban. E saíu así a que seica é a mellor versión en inglés que se fixo da obra de Cervantes.

Hoxe é Saramago no EPS quen me di que aprendeu a contar historias escoitando de neno a seu avó deitado debaixo dunha figueira, alá en Azinhaga.

Como apareza un terceiro recado, aínda hei ter que reconsiderar a miña imposible relación coas figueiras.

19.11.08

enREDEmonos con Fermín Penzol

Fermín Penzol tivo claro por qué merecía a pena loitar, e a súa semente xermola aínda hoxe.

Quique de Roxíos
é un poeta de palabras contadas, que son tesouros, e de finísimas imaxes. Detrás de cada palabra e de cada imaxe hai unha historia que merece a pena revivir:
Magosto nos teixois: festa e letras. Cultura viva.

16.11.08

Palabras do outono

Espiga reina

Outono era na miña nenez palabra máis referida ó mes de outubro cá a estación, e chamabámoslle outonizo á herbiña tenra que ía saíndo nas leiras despois da seca do verán. Hoxe xa non. Hoxe vexo pasar o outono e véñenme á cabeza as palabras que se van con el:

Lembro os crouchos, que era como lle chamaban cara a Deza ó que en Trasdeza diciamos noces. Amareleaban as candeas dos castiñeiros, coas que eu tecía coroas de pequeno. Estaba o chan dos nosos soutos cheo de castañas temperás, de pilongas e de bolercas. Xa non se fan ouriceiras coma antes.
Por unha risada perdeu a niñada
Que cousa é?

Nas leiras amareleaban os follatos que envolvían os carozos (joder!, que distintos son os carozos agora!!!!) u carolos ben cubertos de millo. E se a espiga estaba enferma botaba carunchos. Pero o meu oído goza especialmente repetindo “espiga reina”, esa expresión que o dicionario condena e que diciamos nas esfollas para referirnos ás espigas de millo mouro, coma as da imaxe.

12.11.08

Nenos normais



Chícharos chungos, nenos normais

“Dice que yo hablo madrileño porque soy de Madrid, pero que él habla gallego porque es coruñés”.

Son palabras de Víctor Sánchez del Amo referíndose ó seu fillo, segundo publica hoxe La Voz de Galicia. Parece ser que a familia se instala na Coruña despois da súa peregrinaxe polos distintos destinos futbolísticos do habilidoso extremo, que foi campión de Europa co Madrid pero presume de gañar a liga, a copa e a supercopa co Dépor.

Non sei eu se ese rapaciño de cinco anos vai lograr ser galegofalante no seu contexto, pero o feito de que diga o que di xa é importante. E que o pai se sinta orgulloso tamén é bo indicativo.

Estamos afeitos a oír argumentos parvos en boca de pais que usan os fillos como excusa barata. Pola contra, o idioma case nunca é un problema para os fillos, e os que suspenden materias que se lles imparten en galego adoitan suspender tamén as que se lles imparten en castelán. “Es que si le llaman Xúpiter después no saben que es Júpiter cuando lo ven en una enciclopedia”. Por favor...! Moitos pais parvos pensan que os seus fillos tamén son parvos, pero a mestura de chícharos chungos afortunadamente, ás veces dá un bo guiso, a pesar de Mendel.

O noso idioma non é impedimento para ninguén que veña limpo de prexuízos, e se non que llo pregunten a Mona Imai.

3.11.08

Seguimos no mundo!


Poucos días despois de que eu escribise Estamos no mundo, somos o demo, Agustín Fernández Paz recibía o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O único que queda é o amor, unha obra en galego que se impuxo a outras escritas en todas as linguas do Estado.

Agora lemos en Vieiros que M. Rivas triúnfa en Francia coa tradución de Os libros arden mal. Seguimos estando no mundo, seguimos sendo o demo, e deixamos para outros o catastrofismo.

26.10.08

O Naranxo, gurú da economía

Andan agora os gurús da economía analizando e explicando o sistema financeiro e anda moita xente escandalizada de que os gobernos boten man dos cartos de todos para salvar os bancos que fixeron ricos a uns poucos, e que seica non tiñan o que dicían ter. Nin que fose unha novidade!

Iso xa o dixo O Naranxo hai moitos anos. Non sabedes quen foi ese personaxe? Dígovolo:

O Naranxo foi o tolo máis cordo de toda a comarca de Deza e del deixou constancia artística Laxeiro cun retrato ben fermoso. Fálovos de antes de eu nacer, pero aínda hoxe se poden oír en toda a zona expresións coma “Estás máis tolo có Naranxo” ou “Estás coma O Naranxo”, que eu non sabería dicir se son un ataque ou unha honra.

Ramón de Valenzuela publicou en 1974 un libro de relatos publicado “O Naranxo” e do relato que dá nome ó libro tiramos este fragmento que dá boa conta de que O Naranxo era un visionario, tan un experto en asuntos de economía coma os que agora saen na prensa un día si e outro tamén:

- Ti xa sabes que eu son o home máis rico do mundo.

- Sei o que me dixeron, pero véxote sempre co mesmo pantalón , coa mesma chaqueta remendada, co mesmo pucho de hai dez anos. ¿Que fas de tanta riqueza?

O Naranxo púxose a mirar pra ningures un anaco de tempo. Un tempo que sobraba. Naquela deshora da noite non importa o reló. Mainamente falou:

- Tanto o Banco da Coruña como o Pastor son meus. Teño dous trillós de pesos en cada un..., xa ves, como se non tivese nada. Nos bancos non hai máis que números. ¿Ou pensas ti que andan de cote a contar os cartos? Se cadra alí non hai máis ca retratos de cartos. Teño medo de lle ir pedir un día cartos e que non teñan máis que firmas de que os teñen, e se hai xente por alí arredor poden perder a sona... e despois, se perden a sona, ¡cataplum!, alá de vai o banco. Un banco, que ten o creto doutro banco... e tamén se vai o outro banco e quedo sen eles.


O que eu dicía: O Naranxo, un visionario.