Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.7.08

O tigre celta - III: os semáforos e Julian Opie


Os semáforos en Irlanda son moi paveros. Hai moitos momentos nos que están pechados durante varios minutos tanto para os vehículos coma para os peóns e alí quedan, uns e outros, agardando a ver a quen lle toca o verde.

Eu creo que nun deses momentos de espera foi cando a Julian Opie se lle ocorreron as súas creacións artísticas, que agora están sementadas por medio mundo, incluídas algunhas rúas de Dublín. Eu puiden ver alí algunhas das súas relaxantes trangalladas.

Volvo ós semáforos: cando abren, o bonequiño dura tan pouco en verde que é absolutamente imposible cruzar toda a rúa. Non hai máis remedio ca botar a correr ou cruzar media rúa en vermello. Eu penso que é unha estratexia contra a obesidade, para que a xente ó ter que correr faga exercicio despois de tanta pinta. Non é mala idea.

20.7.08

Pintor: a forza do buxo en Melide

Foto: M. Busto

Hai tempo que teño unha débeda neste blogue pero non dou xuntado palabras que paguen como deben, porque a fartura foi moita en moitos anos. Como o tempo vai pasando, velaí a imaxe que dá conta de que no Melide natal queda para sempre na pedra a forza de buxo que admiramos desde hai xa ben outonos.

Concibiuse esta sección como unha homenaxe ós textos, ó significado ou á beleza das palabras gravadas na pedra, fronte ás numerosas placas lembrando os autores. Pero desta vez resúltanos imposible quedar só coas palabras, ben fermosas, e esquecernos da persoa. Tampouco queremos.

12.7.08

A fala dos nenos que poden escoller

Conta Paco Sánchez a observación que lle fai alguén ante o comportamento lingüístico duns nenos vascos: estaban falando castelán entre si e éuscaro coa profesora.

A reacción non me é nova. Hai algún tempo visitei o Museo do Prado cun grupo de alumnos e o primeiro que me dixo a guía que contrataramos previamente, despois do saúdo protocolario, foi:

- ¿Y cómo lleváis ahora en Galicia lo de la imposición del gallego?

Andan tan certos de teren a verdade absoluta que nin se molestan en tantear o interlocutor. Custoume traballo non prescindir inmediatamente dos seus servizos, pero optei por tratar de desbrozar un pouco tanta ignorancia. Como non tiña á man os meus tópicos, recordeille o que nos últimos tempos lles lin máis dunha vez a xornalistas coñecedores da situación galega e madrileña como Ónega ou Reigosa: Madrid é actualmente a Comunidade peor informada de todo o Estado.

Cando logramos reestablecer minimamente as relacións diplomáticas, a mulleriña aquela acabou falándome dunha excursión de cataláns na que os alumnos falaban castelán entre si e catalán coa profesora. O mesmiño que o que conta Paco Sánchez.

Eu non sei se é algunha consigna ou unha idea que pariu alguén con intencións perversas, algo así como insinuar que os profesores lles impoñen ós alumnos un idioma distinto ó que eles escollen.

Polo de pronto, eses nenos saben falar dous idiomas e poida que máis aínda, e non un só como pretenden os tangas monolingües ou os intelectuais que se manifestan en defensa de quen non precisa defensa. O reparto xa o farán como queiran cando medren.

11.7.08

O tigre celta - II: a Guinnes



Ten o seu mérito nos tempos que corren converter unha bebida alcohólica en símbolo de identidade sen que actúe a ONU ou os da adoración nocturna, pero o certo é que a Guinnes é o mellor embaixador que ten Irlanda. Máis ca Joyce, seguramente.

Eu pensaba que era un mito iso de que se nota a diferenza entre unha pinta ben tirada e unha que non se tirou como é debido, pero nótase. Tamén é certo que para saborear unha ben sabedeira hai que ter paciencia, pero merece a pena a espera e pódese enredar o tempo observando todo o proceso.

Unha pinta ben tirade seica aguanta unha moeda de euro pousada na escuma. Eu vin como a un tipo de Valladolid lle tragou un céntimo a que estaba tomando mentres Torres marcaba ese gol que deu a volta ó mundo. Ou a pinta se emocionou co acerto do dianteiro medio-galego ou non estaba tirada con todas as da lei.

Ninguén me debuxou o trevo na escuma, pero seica hai sitios onde o fan. Paréceme ben. Se hai quen se dedica ó latte-art non vexo que mal hai en facer Guinnes-art. A arte é o que ten, que está ó alcance de todos. Eu mesmo estou pensando en converterme no primeiro artista de Limp-art. A miña modalidade vai consistir en facer debuxos na vitrocerámica co produto ese que se lle bota para que brille coma a patena. Se cadra chámolle Vitro-art, que farda máis.

6.7.08

O tigre celta - I: o irlandés


LIMIAR
Teño ben claro que sacar conclusións sobre calquera sitio a partir dunha estadía tan curta como foi a miña en Irlanda é arriscado, pero como isto non é ningunha publicación científica, botareime de coto ó río e falarei coma un libro aberto sobre uns cantos aspectos.

O IRLANDÉS
A Constitución irlandesa recoñece o irlandés como primeira lingua do país e, aínda que o seu uso sexa minoritario, creo eu que ningún irlandés protesta por iso nin permite que se menosprece.

O irlandés non se oirá moito, pero vese continuamente. Está presente de xeito xeralizado na rotulación e un nunca ten a sensación de que estea subtitulando o inglés. Todo o contrario: case sempre aparece de primeiro ou de xeito máis destacado.

Nos últimos anos, ó referirse ó espectacular desenvolvemento económico de Irlanda (os anos do tigre celta), non foron poucas as veces que lles lin a columnistas da nosa terra alusións á situación lingüística de Irlanda dicindo, de maneira clara ou simplemente insinuando, que os irlandeses non "estorbaban" os inversores estranxeiros co seu idioma como, segundo eles, facemos aquí co galego.

Pero recentemente lin que en Irlanda hai agora unha renovada paixón polo irlandés, e hai uns días contaban alí que as gaelscoileanna están de moda.

Non me sorprende. Á riqueza fai que un se sinta orgulloso de si mesmo e do seu. Eu sempre digo que a principal diferenza lingüística entre Cataluña e Galicia é que os cataláns son ricos e nós pobres. Por iso eles se sentiron sempre orgullosos da súa cultura, como fan agora na nova Irlanda rica. E non van espantar con iso a ningunha multinacional, como non se espanta aquí por moito que teimen niso catro mentecatos. O que levou as multinacionais á illa verde foron principalmente as favorables cargas impositivas, e alí seguirán mentres as condicións sexan as que son.

Tamén creo que o futuro do galego vai estar moi vinculado ó futuro económico da nosa terra, por iso temos que mirar ben polos nosos recursos e non regalárllelos a ningún Villar Mir.

23.6.08

A conquista de Irlanda


Non hai toupas en Irlanda. Xunto con Islandia, é o único país de Europa non habitado por esta especie.

Ergueuse Ith un día de ceo claro e subíu á torre que erguemos pra á noite alumar a rota que debe seguir o navío. Foi así como conseguiu ver Eire, a illa onde sempre é verán e hai ríos de mel e mazás todo o ano. Como era Ith sagaz singlador botouse ó mar nun barco de coiro de boi e conquistou a illa verde a onde o vento do sur leva o recender dos fieiteiros e das fragas nosas.

Pero Ith non levou as toupas que tunelan as nosas leiras e enchen de outeiriños de terra con lentura as veigas de noso. A iso imos. Dentro duns días, os habitantes de Irlanda saberán máis da nosa cultura en Cork. E saberán tamén da presenza do toupo que fuza na súa illa. En Dublín, en Limerick, ...

Descansará a toupeira mentres tanto. Á volta, contaremos.

(Fragmentos en cursiva collidos de VIII Fragmentos e Cerco de Ferro, de Darío Xohán Cabana)

16.6.08

Membros e membras


Armouna boa a Ministra Aído ó usar a palabra miembras, creando así un feminino inexistente. Non tardaron dous segundos en tirárselle ó pescozo ducias de vampiros ávidos de sangue de garrida moza gaditana.

Non son eu militante acérrimo da linguaxe non sexista, que por veces chega a límites ridículos con tantas raias e palotes (o/-a) estrados polos textos, pero moléstame a malicia que rezuma detrás de moitos comentarios dirixidos contra este membro feminino do goberno porque creo que, no fondo, non representan unha defensa da linguaxe correcta senón un desprezo a ela, ó seu Ministerio e ó labor que lle encomendaron.

É certo que meteu a pata e que acabou de rematala cando quixo amañar o asunto, pero tamén é certo que houbo quen se cebou con ela coma se queimase a RAE con todos os seus membros dentro. Creo que non habería tal reacción se a pifia procedese dun membro con membro, pero Aído é muller, é nova e encabeza un Ministerio que se cadra estorba ós devotos de santos asilvestrados coma Berlusconi.

Non existirá a palabra miembra pero ben certo é que podería existir. A Ministra non fixo nin máis nin menos ca botar man de camiños moitas veces transitados na diacronía do léxico.

Acaso non tiveron unha orixe similar as palabras sincero ou autodidacta?

En orixe sincero non tiña feminino. En realidade nin era un adxectivo, senón que era a preposición sine (para nós sen) seguida do substantivo cera. Hai quen di que a palabra se orixinou no mundo da escultura, xa que os artistas usaban cera para corrixir as imperfeccións das estatuas de bronce, frecuentes cando o metal non era puro. As figuras que non tiñan estes amaños eran esculturas “sine cera”, ou sexa, auténticas, sen enganos.

Outros din que a orixe está no teatro, onde o normal era que os actores usasen máscaras de cera. Pero algúns facíano a cara descuberta, tal como eran, “sin cera”.

Fose dun xeito ou doutro, o certo é que inicialmente o adxectivo que xurdiu desta construción non tiña equivalente masculino e que a forma rematada en –o se creou máis tarde, ó indentificar erroneamente o –a final como marca de xénero.

O caso de autodidacta, do grego “autodidaktos” é similar, só que neste caso a forma que naceu posteriormente foi a rematada en –a.

Vendo a numantina defensa que se fixo do castelán puro, eu conformaríame con que, cada vez que algún político lle dá un couce no fígado ó galego, alguén reaccionase coa centésima parte dos estacazos que lle caeron a ela. Ah!, claro... trátase do galego e aí vale todo.

Sinceramente, máis grave ca este erro puntual paréceme, por exemplo, o feito de que nos pasaportes españois haxa faltas de ortografía xa que aparece en dúas ocasións o demostrativo con til cando non ten por que levalo ó non haber ambigüidade ningunha. Trátase dun documento oficial de deseño moi coidado, e a linguaxe ben merece o mesmo esmero cás rotas de Colón ou cós camiños migratorios dos morcegos.

NOTA: Se alguén precisa "autoridade", véxase TILDE 2 no Diccionario Panhispánico de Dudas (punto 3.2.1)

9.6.08

Un libro escrito en galego!!!



Non. Nin toleei nin atopei ninguha obra anterior á de Antonio Fernández y Morales (1861), que leva a auga, nin a Cantares de Rosalía (1863), que leva a fama. Explícome:

Co gallo da publicación dun manual de Educación para a cidadanía, Ignacio R. Díaz entrevista para El Progreso (6-6-08) a Manuel Regueiro Tenreiro, autor do libro.

Despois dunha serie de preguntas previsibles, o sagaz xornalista remata a entrevista de xeito sorpredente:

- Por que o libro está escrito en galego?

Non sei que cara poñería quen durante anos foi Director Xeral de Política Lingüística, pero o certo é que soubo salvar a estupidez da pregunta cunha resposta intelixente.

Intervencións así, que agroman de vez en cando na prensa, son evidencias dos complexos que arrastra algunha xente e supoñen un bo indicador da situación sociolingüística do país, onde queda aínda moito que arar para que sexa posible algo tan normal como vivirmos en galego.

3.6.08

Vida social


Unha vez chamáronme insocial e gustoume. Sería peor que me chamasen pusilánime, sibarita, iconoclasta, polígrafo, ecléctico ou calquera desas palabras que impresionan moito pero que cómpre botar man do dicionario para entendelas cabalmente.

Insocial, non. Insocial enténdea todo o mundo, como entende túzaro ou ourizo cacho. Está ó alcance de todos , sen perder por iso certas riminiscencias ancestrais que lle dan corpo á idea, coma se de viño de Barrantes se tratase.

Gustoume. E para facerlle honra e progresar adecuadamente (PA), desde aquela apampo ante a tele, con pizarra e pizarrín para coller apontamentos, cada vez que aparece por alí Vilches ou House -hoxe ración dobre, por certo-. Non atendo nin as urxencias.

Non sei traballar en equipo, non son constante nin disciplinado nin teño a perspectiva necesaria para formar parte de ningún colectivo. Non son tampouco moi dado a participar en xuntanzas masivas, aínda que algunha vez se me ten posto a carne de pita en eventos colectivos de xeito que impresionaría ó mesmo Zuche, se existise.

Con todo, de vez en cando hai propostas que me tentan, coma a Xuntanza de blogueiros nos pendellos de Agolada, á que non asistín porque, por máis que adestro desde que mo recomendou o gran Baltar, non consigo mandar o meu ectoplasma a un sitio e o corpo a outro, e o meu corpo o sábado tiña que estar irremediablemente en Outeiro de Rei.

Pero quero que quede constancia dos meus parabéns a Busto e a cantos traballaron con ilusión e esforzo na organización do encontro. Para outra vez será.

26.5.08

Morrer por uns fonemas


Segundo se conta nunha pasaxe dos Xuíces, os da tribo de Galaad mandábanlle repetir ós fuxitivos a palabra xibolet (=espiga) para averiguar a súa identidade. Se o repetían correctamente, co son inicial palatal, eran dos seus, pero se pronunciaban un /s/ inicial era proba de que eran efraimitas; entón apreixábanos e degolábanos xunto ós areais do Xordán.

O 31 de marzo de 1282 iníciase en Palermo unha revolta contra os ocupantes franceses. Para recoñecer os fuxidos mandábanlles pronunciar a palabra ciciri (=chícharo). Os sicilianos pronuncian perfectamente a sibilante inicial, pero os foráneos pronunciaban sisiri. Isto permitía identificalos para condenalos.

Cando o ditador dominicano Trujillo quixo expulsar os traballadores haitianos, para distinguir os negros dominicanos, de fala castelá, dos haitianos, de fala francesa, a policía mandáballes pronunciar a palabra Trujillo. O iota é difícil de pronunciar para os que non falan castelán. Deste xeito identificaban os negros haitianos que querían expulsar.

Outros din que o facían usando a palabra perro. Neste caso a complicación para os haitianos estaba na vibrante múltiple. O resultado era o mesmo.

Con motivo dunha revolta contra os alemáns, os polacos executaban a todo o que non puidese pronunciar correctamente palabras polacas coma soczewic ou miele. Seica tamén na Segunda Guerra Mundial os ianquis utilizaban a palabra lollapalooza para ver quen era xaponés e quen non, porque os xaponeses pronunciarían todos eses /l/ como /r/.

Agora leo en escalofriante reportaxe de El País (25-05-08) que os negros de Johanesburgo, os mesmos que ata o ano 94 sufriron o apartheid, preguntan como se din en zulú palabras moi concretas para identificar negros procedentes de países coma Mozambique, Zimbawe, Suazilandia, Somalia ou Nixeria. Así recoñecen os amakwerekwere, ou sexa, os que falan distinto, os inmigrantes, ós que inmediatamente tratan de xeito brutal, apealeándoos e saqueándolles o pouco que teñen.

Son distintos tempos, distintas linguas, a mesma atrocidade. Dificilmente se pode imaxinar un uso máis perverso para algo tan fermoso coma un idioma.

19.5.08

Política lingüística e sentido común



1- ALGO DE LEXISLACIÓN
"La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección" (Constitución española).

2-ALGO DE REALIDADE
Cóllase a calquera galego e pídaselle que realice o seguinte exercicio:

Valora, nunha escala do 0 ó 10, a presenza do galego na túa vida nos seguintes ámbitos ((10: todo en galego; 0: nada en galego):

1. A música que escoitas habitualmente
2. Os libros que les habitualmente
3. As webs que visitas con máis frecuencia
4. A prensa escrita que les habitualemente: xornais, revistas, etc.
5. Os programas de TV que ves habitualemente
6. Os programas de radio que escoitas habitualmente
7. A comunicación escrita con outras persoas: chats, SMS’s, e-mails, foros, cartas, postais, etc.
8. As conversas cos amigos
9. As clases que recibes
10. A relación diaria coa túa familia máis próxima.

Calcúlese a valoración media. O curso pasado eu propúxenlles isto ó meu alumnado e os que máis inmersos estaban no galego (10 nos apartados 8 e 10) non chegaban a 4 como valoración global.

E deixei fóra espazos que raramente lles afectan (Igrexa, xustiza, ...) pero que, desde logo, non mellorarían a media.

3- ALGO DE SENTIDIÑO PARA POLÍTICOS (E) PARLANCHÍNS
Teñan en conta os resultados e fagan algo tan simple como realizar propostas aténdose ó marco legal. Iso era o que onte pedían miles de voces en Santiago e tamén lonxe. Salvo algún constitucionalista que esquece que o é cando se mete a columnista, non poño en dúbida que o resto respecta algo tan sagrado como a Constitución. Desde logo, hai quen o ten claro.

12.5.08

Maio do 68, fútbol e outras lerias

Como se cumpren 40 anos, fálase moito estes días do maio do 68 e de todo o que supuxo, pero oio mencionar pouco a chispa que desencadeou a revolta: un partido de fútbol televisado.

Os alumnos da residencia universitaria querían ver un partido de fútbol e a única tele que había estaba na residencia feminina, á que eles non podían acceder. Iso foi o que os alporizou e deu pé a a que montasen a liorta que veu despois.

E que pasaría se a tele estivese na residencia masculina? Pelexarían aqueles mozos para que as mulleres tamén tivesen tele? Non sei, non sei, ... que as mulleres cando hai fútbol adoitan estorbar.

E xa que toca ser realistas e pedir o imposible non sería mala cousa que o rescoldo do 68 servise tamén para que se lle gardase un pouco de respecto ó fútbol, onde hai máis intelecto do que moita xente pensa. Menos mal que chega Guardiola, listo coma un allo, para botar unha man neste duro proceso de dignificación no que algúns nos metemos de vez en cando.

Con todo, volvendo ó 68, a min gústame o mito que se xerou en torno a todo aquelo, que foi máis unha rebelión ca unha revolución porque os do 68 non querían cambiar o mundo. O que lles preocupaba era a súa liberdade individual e o futuro inmediato, se cadra só o 69.