Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

28.10.07

Parar a tempo


O sábado pasado un tipo saltou un STOP e levoume por diante. A cousa non foi grave porque ningún dos dous iamos lanzados. Á parte do susto, non nos pasou nada a ningún dos tripulantes, pero os coches non se amañan con betadine e unhas tiritas.

Amoloume ben, pero tamén entendo que un despiste teno calquera. Esas cousas pasan, por iso non lle recriminei nada.

O que non entendo é que, nos quince ou vinte minutos que estivemos co papeleo, o tipo intentase contarme a vida: que se nunca tivera un accidente nos vinte e pico anos que levaba conducindo –non sei por que me escolleu a min para rachar coa rutina-, que se unha filla lle acababa de dicir que ía casar, que se ía comprar un pantalón a Florentino,… Joder! Eu alí apuntando números de pólizas e tratando de debuxar coches eschafados encima do meu coche eschafado –manda truco tamén co “parte amistoso”; é máis doado de cubrir o impreso da declaración da renda-, e o tipo dálle que dálle coa súa biografía.

Non faltou moito para que rachase o parte amistoso e lle espetase o bolígrafo nun ollo, pero freei a tempo.

21.10.07

A forza que vén de lonxe - II. Os tres emes: Moure, Morris e Murdoc.


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Erín Moure, que estes días anda de presentación, naceu no Canadá en 1955. Cando case tiña corenta anos, investigando a procedencia do seu apelido, descubriu as súas orixes galegas e que falabamos como falamos. Agora tamén ela fala galego e traduce textos a un xeito e ó outro.

A Anne Mª Morris, americana de Illinois, pasoulle algo parecido. Sendo adulta descubriu na súa universidade un texto nun idioma raro: o noso. Interesouse por el e fíxoo con tanto xenio que acabou publicando un poemario, Voz fuxitiva, sen estar nunca en Galicia. Conteille esta historia a uns adolescentes de Conéctica, pedín voluntarios para ler un poema dela e quedei abraiado cando case toda a clase ergueu a man. Media hora antes nin tan sequera sabían que existía o galego, e moito menos que unha compatriota súa publicase versos neste idioma.

Andaba eu daquela en terras de Brian Murdock, que escribiu sobre os nosos viños en inglés, pero que fala un bo galego aprendido de tasca en tasca a golpe de Mencías no Deza e na Mariña.

12.10.07

Onde estea un cubata que se quite un soneto (María Lado, Lucía Aldao)


Leo en EL País unha alusión ó espectáculo Onde estea un cubata que se quite un soneto, de María Lado e Lucía Aldao. A noticia tráeme á memoria un episodio poético-etílico que recordo case con emoción e que, de coñecéreno, habíalles gustar ás dúas poetas:

Eran polo menos as catro da mañá cando o amigo e músico Luís Areán e eu falabamos nun pub todo o que o ruído nos permitía. Andabamos a voltas coas novas poetas galegas e el contábame a súa devoción polos versos de María Lado, a quen oía recitar de vez en cando nos pubs da zona vella compostelá. Non debe ser frecuente levar os libros de copas nin que dous tipos se poñan a ler poemas ás catro da mañá nun sitio coma aquel, pero Luís sacou do peto a antoloxía D’efecto 2000 e alí, entre ruído e fume, estivemos os dous lendo versos co libro nunha man e o cubata na outra. Bueno.... poida que o meu fose un gin-tónic. Non sei, porque a luz non era moita.

Creo que foi a última vez que falei con Luís. Pouco despois tivo o fatal accidente e marchou sen despedirse. Pero queda na memoria a poesía, a música e unha flor de vez en cando.

Onde estea un cubata ben cabe un soneto.

Somos unha potencia!


Algúns dos que ledes este blog sabedes que, desde hai anos, xunto fotos de establecementos que se chaman SUSO. Algúns mesmo aportastes algunha imaxe e outros recibistes como postal de nadal hai un par de anos un collage formado por moitos deses locais. Pois acabo de atopar isto na rede.

Seguro que algo así foi o que lle pasou a McLaren con Ferrari, e metéronlle 60 millóns de euros de multa por espionaxe. É que os xuíces non cren nas coincidencias, pero nós si.

7.10.07

A forza que vén de lonxe- I: José Antonio Sierra


José Antonio Sierra é un tipo de Ávila que vive en Málaga, onde teima desde hai cinco anos en que se poida estudar galego, catalán e éuscaro.
Que se saiba, non ten moza galega, nin está enganchado ó albariño nin cobra ningunha subvención da Xunta. Iso si: é un namorado do plurilingüísmo.

Cada certo tempo xorde, onde menos se espera, alguén que arrima o ombreiro para que o galego vaia polo mundo adiante coa cabeza ergueita, alguén que nos trata con dignidade. Eles son A FORZA QUE VÉN DE LONXE e sobre eles teño gana de escribir desde hai tempo, como saben algúns dos meus lectores, porque se contan por ducias os non galegos que defenden ou aprenden o noso idioma, e non sempre os aprezamos como debemos. Somos inxustos -eu tamén- dedicándolles máis tempo e liñas ós que farfullan canalladas a diario desde os seus púlpitos, ateigados de prepotencia, de ignorancia ou das dúas cousas.

Sen orde nin lóxica nin criterios de importancia irei sementando os seus nomes nesta toupeira. Seguro que esquezo inxustamente a algúns, pero para iso tedes os lectores o ventanuxo dos comentarios, onde podedes engadir canto queirades.

Hoxe, por ser a primeira entrega, deixamos o asunto con este abulense que quere que os andaluces saiban que cando lles din “Follas?” por estas terras do norte, estanlles preguntando se quere folios e non facéndolles proposicións libidinosas: José Antonio Sierra.

(Para ti, Kiyo)

29.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o galego no ensino. Apreciacións subxectivas- I: tangallegocomoelgallego


Tangallegocomoelgallego: os 20.000 tangas de San Luís.

Seguín desde o comezo a web de tangallegocomoelgallego, os tangas, como os bautizou alguén do fondo sur. Fun unha das primeiras voces críticas no seu foro, se non a primeira, e axiña deixei de frecuentalo porque me aburría ler os mesmos tópicos resesos de sempre, cheos de prexuízos e de mentiras. Por cada interlocutor co que poder discrepar cordialmente, aparecía media ducia de resentidos co odio no corpo.

Pero antes de irme fun testemuña dos primeiros tempos da súa campaña de firmas, que non medraba a pesar de que ían pasando os días. Non medraba ata que un día alguén preguntou se podía asinar xente de fóra:

Hola,quisiera saber si en las hojas o en la página web pueden firmar personas del resto de España.
Velaquí a resposta:
Creo que tienen derecho todos los españoles a dar su apoyo, a través de su firma, a esta iniciativa, puesto que la imposición del idioma local, puede afectar a la libre circulación de trabajadores en nuestro país.

E máis aínda:
Los autores de esta iniciativa han tenido el buen gusto y el rasgo de sentido común de no incluir en el formulario de recogida de firmas indicación territorial o tribal alguna.Por tanto, hay que entender que el formulario está abierto a todas las personas interesadas
Entón si que empezou a medrar o número de asinantes, ata chegar a eses famosos 20.000. Cheiroume a tongo de tanga e eu mesmo asinei dúas veces, unha vez como home e outra como muller, para comprobar que non había nin o máis mínimo rigor na colleita. Ata pensei en asinar como morcego, pero sería darlles demasiada axuda.

Ben seguro que moitos asinantes son ficticios ou repetidos, e ben seguro que moitos son de fóra. Non pasa nada. Eu non lle privo ós non galegos se asinar contra o que queiran, pero deuse a imaxe de que esas esas 20.000 sinaturas eran de galegos, e non era certo, como demostra este comentario do blog:
Sólo espero que no invaliden las firmas del resto de españoles no censados en la comunidad.



Non, ho! Vale todo, mesmo se asina a boneca Chochona.

27.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos- V


O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia di, entre outros aspectos:

– 2.2.4. Asegurar que a ESO e o bacharelato para adultos se realice integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece, entre outros aspectos:
Artigo 12. Ensinanzas de persoas adultas.
1. Nos niveis I e II de ensinanzas de persoas adultas impartirase en galego, como mínimo, o cincuenta por cento da docencia; no nivel III (ESO) e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público, ningún columnista escribiu nada en contra. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

CONTINÚA

16.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - IV


O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia di, entre outros aspectos:

2.1.28. Nos bacharelatos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego.
O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 10º.-Bacharelato.
No bacharelato, o alumnado recibirá, polo menos, o cincuenta por cento da súa docencia en galego, nos termos establecidos para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.


Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

10.9.07

Tesouros invisibles na illa Cortegada


O verán do 2007, que non chegou por estas terras, despediuse coa volta da illa Cortegada ó dominio público.

Queda así libre de caer nas mans de calquera especulador que a encha de adefesios. Queda a salvo o seu exclusivo bosque de loureiros, os piñeirais, as ruínas das súas construcións e os posibles restos arqueolóxicos. Todo o que se pode ver. Ben.

E que pasa co que non se ve?

A prensa de onte ofrecía un detallado esquema da illa, incluídos os seus escasos pero fermosos topónimos: Bao de Louredo, A Veiga, Sartaxéns, O Bao, Punta Corbeiro, Punta do Batel, Malveira Grande e Malveira Pequena.

Seguro que hai máis nomes. Alguén debería recuperalos canto antes aproveitando as vellas memorias que estes días se emocionan por poder pisar de novo carreiros prohibidos.

Alguén debería axeitar a ortografía ás orixes. Seguro que son Vaos eses Baos e Corveira o que a prensa nos dá como Punta Corbeira.

Saboreando a eufonía de Malveira e de Louredo, celebro a intención de coidar dese tesouro que é a illa Cortegada. Pero coidémoslle tamén o que non se ve.

E que san Gonzalo Navaza nos ampare.

4.9.07

Cuíña "júnior" tira a dar

Como ando escaso de tempo, por primeira vez remítome sen comentarios a unha voz allea, de pai ben coñecido.

10.8.07

Letras na pedra VI: Manuel Lourenzo no Valadouro



Letras na pedra
Coma cada ano, os da AELG homenaxearon a un dos seus membros. Desta vez inmortalizaron na pedra este textiño de Manuel Lourenzo, na súa terra do Valadouro.

O que me preocupa un pouco é o estado do parque. Non haberá unha gotiña de auga para regalo de vez en cando?

Arturo, graciñas polas fotos.

Falar galego é noticia - II

Non puxen por equivocación o I en Falar galego é noticia de hai algúns días. Hai continuación. Non é a primeira vez que a prensa indica especificamente que algún galego fala en galego, incluso en titulares, coma se iso fose cousa de marcianos. Conservo algúns recortes que irei colgando.

Velaquí outro exemplo.
Cando serán conscientes os coruñeses da mala sona que lles deu o anterior alcalde?