Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o galego no ensino. Apreciacións subxectivas- I: tangallegocomoelgallego


Tangallegocomoelgallego: os 20.000 tangas de San Luís.

Seguín desde o comezo a web de tangallegocomoelgallego, os tangas, como os bautizou alguén do fondo sur. Fun unha das primeiras voces críticas no seu foro, se non a primeira, e axiña deixei de frecuentalo porque me aburría ler os mesmos tópicos resesos de sempre, cheos de prexuízos e de mentiras. Por cada interlocutor co que poder discrepar cordialmente, aparecía media ducia de resentidos co odio no corpo.

Pero antes de irme fun testemuña dos primeiros tempos da súa campaña de firmas, que non medraba a pesar de que ían pasando os días. Non medraba ata que un día alguén preguntou se podía asinar xente de fóra:

Hola,quisiera saber si en las hojas o en la página web pueden firmar personas del resto de España.
Velaquí a resposta:
Creo que tienen derecho todos los españoles a dar su apoyo, a través de su firma, a esta iniciativa, puesto que la imposición del idioma local, puede afectar a la libre circulación de trabajadores en nuestro país.

E máis aínda:
Los autores de esta iniciativa han tenido el buen gusto y el rasgo de sentido común de no incluir en el formulario de recogida de firmas indicación territorial o tribal alguna.Por tanto, hay que entender que el formulario está abierto a todas las personas interesadas
Entón si que empezou a medrar o número de asinantes, ata chegar a eses famosos 20.000. Cheiroume a tongo de tanga e eu mesmo asinei dúas veces, unha vez como home e outra como muller, para comprobar que non había nin o máis mínimo rigor na colleita. Ata pensei en asinar como morcego, pero sería darlles demasiada axuda.

Ben seguro que moitos asinantes son ficticios ou repetidos, e ben seguro que moitos son de fóra. Non pasa nada. Eu non lle privo ós non galegos se asinar contra o que queiran, pero deuse a imaxe de que esas esas 20.000 sinaturas eran de galegos, e non era certo, como demostra este comentario do blog:
Sólo espero que no invaliden las firmas del resto de españoles no censados en la comunidad.



Non, ho! Vale todo, mesmo se asina a boneca Chochona.

27.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos- V


O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia di, entre outros aspectos:

– 2.2.4. Asegurar que a ESO e o bacharelato para adultos se realice integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece, entre outros aspectos:
Artigo 12. Ensinanzas de persoas adultas.
1. Nos niveis I e II de ensinanzas de persoas adultas impartirase en galego, como mínimo, o cincuenta por cento da docencia; no nivel III (ESO) e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público, ningún columnista escribiu nada en contra. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

CONTINÚA

16.9.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - IV


O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia di, entre outros aspectos:

2.1.28. Nos bacharelatos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego.
O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 10º.-Bacharelato.
No bacharelato, o alumnado recibirá, polo menos, o cincuenta por cento da súa docencia en galego, nos termos establecidos para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.


Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

10.9.07

Tesouros invisibles na illa Cortegada


O verán do 2007, que non chegou por estas terras, despediuse coa volta da illa Cortegada ó dominio público.

Queda así libre de caer nas mans de calquera especulador que a encha de adefesios. Queda a salvo o seu exclusivo bosque de loureiros, os piñeirais, as ruínas das súas construcións e os posibles restos arqueolóxicos. Todo o que se pode ver. Ben.

E que pasa co que non se ve?

A prensa de onte ofrecía un detallado esquema da illa, incluídos os seus escasos pero fermosos topónimos: Bao de Louredo, A Veiga, Sartaxéns, O Bao, Punta Corbeiro, Punta do Batel, Malveira Grande e Malveira Pequena.

Seguro que hai máis nomes. Alguén debería recuperalos canto antes aproveitando as vellas memorias que estes días se emocionan por poder pisar de novo carreiros prohibidos.

Alguén debería axeitar a ortografía ás orixes. Seguro que son Vaos eses Baos e Corveira o que a prensa nos dá como Punta Corbeira.

Saboreando a eufonía de Malveira e de Louredo, celebro a intención de coidar dese tesouro que é a illa Cortegada. Pero coidémoslle tamén o que non se ve.

E que san Gonzalo Navaza nos ampare.

4.9.07

Cuíña "júnior" tira a dar

Como ando escaso de tempo, por primeira vez remítome sen comentarios a unha voz allea, de pai ben coñecido.

10.8.07

Letras na pedra VI: Manuel Lourenzo no Valadouro



Letras na pedra
Coma cada ano, os da AELG homenaxearon a un dos seus membros. Desta vez inmortalizaron na pedra este textiño de Manuel Lourenzo, na súa terra do Valadouro.

O que me preocupa un pouco é o estado do parque. Non haberá unha gotiña de auga para regalo de vez en cando?

Arturo, graciñas polas fotos.

Falar galego é noticia - II

Non puxen por equivocación o I en Falar galego é noticia de hai algúns días. Hai continuación. Non é a primeira vez que a prensa indica especificamente que algún galego fala en galego, incluso en titulares, coma se iso fose cousa de marcianos. Conservo algúns recortes que irei colgando.

Velaquí outro exemplo.
Cando serán conscientes os coruñeses da mala sona que lles deu o anterior alcalde?

26.7.07

San Andrés de Teixido: volve morto quen chega vivo

Onte estiven en San Andrés de Teixido. Alí seica vai de morto quen non foi de vivo, e a min iso de ir de lagarto dáme reparo.

De todos os xeitos, eu creo que o dito está mal. Seguro que o correcto é:

  • San Andrés de Teixido,
  • volve morto quen chega vivo.

    Porque é difícil sobrevivir a tantos estímulos. Velaquí algúns.

    - A estrada que leva ata alí, sobre todo se se vai desde Cedeira.
    - As aberracións urbanísticas. ¿Ninguén terá unha máquina desas que tiran con todo de catro labazadas e un minutiño libre para usala?
    - Os cans que andan ceibos coma os lagartos, cheirando canta canela se lle achega. Algún acabará facendo das súas.
    - As trangalladas que se venden. A maioría parecen sacadas dun bazar chinés.
    - O letreiro NOPOT ABLE, así escrito, que hai na fonte.
    - A colección de klínex que hai colgada nos ramallos do carreiro que leva ó mar. Supoño que antes a xente ataba panos de seda, pero agora case todo o mundo usa papel e aquelo parece calquera cousa menos un ritual amoroso.

    Menos mal que despois pillei o solpor no cabo Ortegal e iso compensou tanto desastre, como proba a foto de Álvaro.

22.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - III

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia establece, entre outros aspectos:
2.1.27. Na educación secundaria obrigatoria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 9º.- Educación secundaria obrigatoria.
1. Na educación secundaria obrigatoria impartiranse en galego as seguintes materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego.

2. Ademais das materias establecidas na epígrafe anterior, o claustro completará o número de materias, excluída a materia que a Lei orgánica de educación determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral da normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto.

3. A educación secundaria obrigatoria proporcionaralle a todo o alumnado unha boa competencia nas dúas linguas oficiais que repercuta de forma positiva no seu uso.

Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

17.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - II

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia establece, entre outros aspectos:

Grupo de medidas 2.1.h
2.1.26. Na educación primaria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Á parte da área de coñecemento do medio natural, social e cultural, xa fixada legalmente, fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 8º.-Educación primaria.
En toda a etapa da educación primaria garantirase o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto. Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e dereitos humanos, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma


Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

13.7.07

Falar galego é noticia- I

Este país non ten amaño. Agora resulta que hai galegos ós que lles dá por falar en galego. Moitos non deben ser, porque o detalle acaba sendo destacable na prensa.

Hoxe mesmo, en La Voz de Galicia de A Mariña, lin isto que reproduzo:

Tras la inauguración de la exposición, a la que asistieron el director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, los ex alcaldes de Ribadeo y otras personalidades, se celebró una recepción oficial en la casa consistorial. Arias, que al igual que el regidor habló en gallego, destacó que es una buena ocasión para acercar el patrimonio histórico a la sociedad. Suárez recordó en su discurso la tarea del historiador Francisco Lanza. A continuación, se sirvió un ágape en el Parador.

Como sigamos así, non sei en que vai acabar todo.

10.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - I

O 22 de setembro de 2004 aprobouse o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, referente para o novo decreto, e establece, entre outros aspectos:

Obxectivos de área:
- Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.

Obxectivo específico do grupo de medidas 2.1.g:
- Garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia
.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse por unanimidade cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás.

Daquela nin Feijoo nin ningún columnista dixeron nada en contra.