Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.2.16

Anos despois, as nenas da lingua.

I
O Sermos Galiza desta semana agasállanos cunha reportaxe "A fondo" sobre o galego do Val do Ellas, en Estremadura.

Souben daquela póla da nosa estirpe hai vinte e tantos anos, grazas a materiais que me foron chegando desde esa enciclopedia sobre o asunto que é o estudoso Xosé Henrique Costas, o amigo Quique.

Despois comezaron a publicarse artigos e estudos monográficos que afondaron no tema e que lin con “fruición”, como disque lle gusta dicir ó tocaio Alonso Montero. Tamén lembro o primeiro audiovisual: un capítulo de “Informes TVG”, un ben interesante programa que daquela se emitía na canle autonómica.
Captura de imaxe do programa
 "Informes TVG"

Gravei en vídeo aquela reportaxe e useina nas clases repetidas veces. Saía un Quique noviño, co tellado aínda ben colmado, explicando con entusiasmo o tesouro de noso que aínda se mantiña ó abeiro da serra de Gata. Saía un home que falaba moito e rápido sobre a calidade das olivas que por alí recollían. Saía outro que falaba dun fillo que emigrara a Australia había xa ben anos pero non perdera o xeito de falar dos devanceiros. Saían membros da asociación “Fala i cultura”, que trataban de unir forzas na tarefa. Saía tamén un representante da administración que falaba medindo cada palabra para rematar dicindo nada, e unha mestra que con cada resposta contradicía a anterior e que daría para unha tese de doutoramento sobre prexuízos lingüísticos. Ovellas, había tamén ovellas.
Captura de imaxe do programa
 "Informes TVG"

E saía tamén alumnado das escolas da zona. Lembro un neno inquedo na cociña da súa casa, outro orgulloso do seu con cara de futuro e, sobre todo, unha nena de ollar fermoso que respondía un contundente
- Si.
cando lle preguntaban se preferiría que se falase valverdeiro na escola.

II
Non sei se é bo ou malo, pero un ten certa teima de mirar atrás para refrescar estampas que leva na memoria. Tamén en relación co devir da nosa lingua.

Cartel da campaña "Fálalle galego"
O cartel de "Fálalle galego", acertado ou non, é unha desas imaxes. Hai pouco sabiamos, a través dunha reportaxe de Xan Carballa, que aquela nena anónima que era todas as nenas e nenos do País tiña por nome Violeta e, pasados os anos, andaba ben lonxe, en Shangai, por motivos laborais.
 
Pregúntome agora que sería daqueles nenos da reportaxe do Val do Ellas, daquela nena con ollos esperanza que dicía "Si", mirando fixamente a cámara, soñando un futuro vivo para a súa/nosa lingua.

Que sería deles? Que sería dela?