Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

28.11.15

"Cruzando versos". Deixemos que as letras entren polos ollos

Cartel de "Cruzando versos"
I
Hai xa uns cantos anos, un comando clandestino percorreu as rúas de Ribadeo con premeditación e nocturnidade na véspera do Día das Letras Galegas e deixou a vila empapelada de fragmentos literarios.

“Deixa que as letras che entren polos ollos”, era o lema común que podía lerse en cada un dos máis de cen carteis que amañeceron pegados en escaparates, farolas, cabinas de teléfono, portas ou onde lle cadrou.

Quen isto escribe conserva o arquivo con aquela escolma literaria e aquí queda o de Neira Vilas, que onte nos deixou, como homenaxe:


O alcalde era Balbino Pérez Vacas, e a porta do concello foi o sitio escollido para o comezo das Memorias dun neno labrego. Ningún lugar lle acaía mellor. Algún tempo despois, sóubose que Balbino o sacara da porta e o levara para o seu despacho na alcaldía, para que perdurase. Ben feito.

Algúns desapareceron axiña, pero outros mantivéronse ben tempo e non era raro ver os viandantes parando a lelos, deixando que as letras lles entrasen polos ollos.

Daquela non había redes sociais e non quedou constancia expresa das reaccións da xente, pero contan que os membros do comando tiveron que aturar un “Teníais que ponerlos en castellano para que los entendiésemos todos”. 
- Queda moito sitio libre. Pode vostede pegar os que queira en castelán ou no idioma que lle pete –seica lle dixeron.
II 
Hai unhas semanas, a poeta Verónica Martínez Delgado, faloume dunha iniciativa que me trouxo á memoria aquel acto clandestino. Só que a proposta dela foi unha versión moi, moi mellorada, a plena luz do día e implicando no comando a unhas cantas ducias de escolares do concello.

Cruzando versos foi o nome da actividade e, como resultado da mesma, podemos estes días atopar catro ou cinco ducias de versos, breves pero ben escollidos, ó comezo dos pasos de cebra e nalgún outro lugar de paso, como as entradas da praza de abastos, algo que moito me alegra porque é un sitio que visito con frecuencia.

Como un gran non enche celeiro pero axuda ó compañeiro, colaborei minimamente, porque se me pediu, suxerindo o nome dalgúns escritores e escritoras da banda de alá da ría. Teima miña. Sempre lamento que se saiba tan pouco do que se fai do outro lado en cada unha das beiras, sobre todo cando o que se fai é bo.

Como o tempo pasa pero as teimas sobreviven -e son máis visibles grazas ás redes sociais-, tamén desta vez houbo algunha queixa pola ausencia de textos en castelán, que en otras regiones de España tamén hai xente que escribe e bla, bla, bla... Tamén a había cando en Madrid fixeron o mesmo –que a idea vén de lonxe e repetiuse en moitos sitios- e non lembro queixas polo feito de que Madrid, que é a capital “de todas las regiones de España” se esquecesen totalmente dos idiomas destas outras terras.

Mellor ignorar os negacionistas e quedar coas imaxes da retina dos nenos e nenas felices dándolle vida ó asfalto da súa vila, saborear os versos mentres non os borre a invernía e felicitar a Verónica  Martínez por facer que as letras nos entren polos ollos.






20.11.15

Audiovisual, cómic e investigación musical con Ribadeo ó fondo

Eu quérolle ben ó alumnado. Van alá moitos anos e son moitos os que me teñen aturado. Algúns fanme doer a cabeza –e supoño que eu a eles- pero pasan os anos, miro atrás e manda máis o afecto có desasosego.

Son xa tantos e tantas que un perde de vista os camiños que seguiron, pero de vez en cando dá con eles, con elas, no mundo real ou virtual e alégrase dos seus éxitos, aínda que sexa caladiñamente, desde a última fila da sala. Ultimamente as novidades chegáronme en lote:

I
Na gala do OUFF Escola 2015, en Ourense

Empezamos polo máis cercano. Sara, María, Elena, Cristina e Jaime, que teñen agora a quenda de aguantarme tres horas por semana, puxeron cara, voz e sentimento no Eu digo... que arrasou en youtube, e recentemente foron finalistas no OUFF Escola 2015, convocado polo Concello de Ourense. 

Non houbo premio, pero xa non é pouco premio estar entre vinte escollidos nun certame ó que concorreron cento e moitos traballos.

II
Portada de "No me pegues que llevo gafas".

"Na escola comeza debuxar batallas con miles de mortos que despertan un sorriso aprobatorio nos seus mestres. Mais un día decide mudar de estilo e pinta unha escena de amor entre un home e unha muller [...] Os mestres péganlle dúas bofetadas e esnaquízanlle o debuxo"

Seica lle pasou a Anxo L Baranga, segundo lemos nunha breve reseña biográfica na lapela dun libro. Non sei se este sería tamén o caso de Jorge Monlongo, que hai anos pintaba de todo nos libros de texto, nas libretas e tamén nos pupitres das aulas, para desespero das limpadoras. Non creo que lle garden rancor, que son xente de ben e perdoan todas as tintas que levan borrado. 

Tamén debuxou para Km 0, a revista escolar que daquela sacabamos adiante no instituto. Despois souben da súa arte nas páxinas de El Pequeño País, do seu traballo como ilustrador para os textos dunha editorial e pouco máis.

Agora sorpréndenos desde Madrid con No me pegues que llevo gafas, unha historia moderna con debuxos ben atractivos. Está no mercado. Un bo agasallo de Nadal. Facédeme caso.

III
Portada de "Music and Exile in Francoist Spain"
Eva Moreda, que escribiu boas páxinas para a nosa literatura, anda agora un pouco abaixo dos highlands escoceses facendo cousas novas en idioma de por alá que un pouco domina. Pero, sabendo da súa sagacidade, seguro que o seu Music and exile in Francoist Spain, que coñecemos polas redes sociais, é de lectura ben interesante para quen teña interese en saber máis de quen tivo que facer as maletas á forza durante aqueles corenta anos de desgraza que nos caeron encima despois de xullo do 36.


Tres noticias de xente que teño ou tiven nas aulas e que alegran estes tempos de outono, cando o inverno ameaza xa con vir para quedarse, segundo contan os que entenden de mapas e xeografías das borrascas. 

3.11.15

"Eu digo...": un ano, 32.868 visitas.

Mañá fai xustamente un ano que subimos a youtube o "Eu digo..."
A historia xa está contada.

Van alá 365 días e, neste momento exacto, 32.868 visitas

Seguimos orgullosos das nosas variantes, seguimos orgullosos do galego, seguimos orgullosos de Sara, Cristina, Elena, María e de Jaime, que acolleron con entusiasmo a idea e mellorárona. E seguimos orgullosos de Tania, que se encargou da montaxe e mellorou todo aínda máis.