2.3.09

desORDE anALFABÉTICA

..., Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, Lourenzá, ...

No preciso momento en que un triste Pérez Touriño asumía publicamente os resultados das eleccións e felicitaba ó gañador, a TVG ía sobreimpresionando os datos dos concellos da provincia de Lugo, un por un, por orde alfabética.

Pouco despois, mentres o presentador daba nova información, tocáballe desfilar cara ó matadeiro ós concellos ourensáns, tamén por orde alfabética:

..., A Gudiña, O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...

Por orde alfabética!!??

Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, ... !?
O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...!?

Que pasa coas nosas letras? Que demostra iso de que o X apareza despois do I e antes do L e non ó final? Acaso pelexou co V e co Z, que serían os seus veciños naturais.

Non. Demostra que, a pesar de que en pantalla viamos X, nalgún recanto fondo, nalgún chip traidor, figura aínda Germade, Jove, Junqueira, ... Así cadran as cousas.

Demostra que en 2009, vinte e seis anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística (1983) establecese no seu artigo 10 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” rezuma aínda polos poros da tecnoloxía e das mentes da xente un pasado de aldraxe, unha man misteriosa que nos espeta na lama cada vez que queremos erguer os ollos para ver o sol.

Hai que ser tolerantes, non se pode ser radicais, as cousas teñen que ir pouco e pouco, sen imposicións ...”. O que hai que ser é parvos para non sermos capaces de poñer no seu sitio os nosos nomes... en 26 anos!
E oír o que hai oír...


7 comentarios:

  1. Anónimo4:12 p.m.

    Ai, Suso, e o que nos queda!

    ResponderEliminar
  2. Anónimo2:01 a.m.

    Eu cada vez estou máis convencida de que iso de que "non se pode ser radicais" é unha parvada. A igualdade, no ámbito que sexa, é unha idea radical e vai incomodar a moita xente, é posible que nos incomode tamén a nós mesmos nos ámbitos nos que somos privilexiados.

    ResponderEliminar
  3. Pois eu abundo máis no asunto. Agolada aparecía despois do F, respectando a orde alfabética de cando se segmentaba o topónimo en La Golada.
    Tes toda a razón, aínda seguen coa toponimia en castelán e cómpre ser pechados para non ordealos debidamente cos nomes galegos.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  4. Por iso non me cadraban a min as contas ... claro que como non estiven atendendo non me decatei ... E que isto de ter dous idiomas a convivir nun mesmo territorio xera incompetencia linguistica ... como defenden uns que eu me sei ...
    Por certo ... creo que unhas cantas erasmus (tres alemanas e unha filandesa e outra da Rep. Checa) pensan que en Galicia SÓ, única e exclusivamente se fala galego ... (deduzción miña a partir das preguntas que me facian ...) Tamen deducin que somos "exoticos" para elas ... indagarei máis e contarei no blog0755. Un saúdiño e desculpa por toda esta parrafada ...

    ResponderEliminar
  5. Mélodi, dille a esas Erasmus que antes en Galicia tamén había castelanfalantes, pero que os fomos fusilando ó amañecer, en grupiños, cadrando coas nosas grandes festas: Día da Patria, Día das Letras Galegas, etc.

    Xa que temos sona diso, polo menos que se fale de nós polo mundo adiante.

    ResponderEliminar
  6. Anónimo5:00 a.m.

    Eu tamén me decatara da orde "analfabética" da que ti falas. O que non pensara fora na súa tradución "inconsciente" ao castelán. Serán...

    ResponderEliminar
  7. Anónimo6:34 a.m.

    A nosa Galiza é algo mais que x e zzzzzzzzzzz.A nosa Galiza somos todos(ceibes)unha persoa,un voto.

    ResponderEliminar