29.1.08

Últimos falantes


Doly Pentreath, con nome de ovella e xenio de leoa, faleceu en 1777. Era a última falante de córnico, idioma hoxe recuperado, e seica expirou dicindo “Me ne widn cewsel sawznek!”. Sei o que quere dicir pero déixoo así para intrigar.

Touré Udaina Burbur ou Antonio Udina Burbur, como din outros, foi o último falante de dálmata. Faleceu en 1898 na illa de Krk e máis de cen anos despois o escritor Igor Lugrís fíxoo protagonista dun dos seus poemas.

No 1974 faleceu Ned Maddrell, o último falante de manx, lingua que tamén reviviu anos despois.

Un tal Bogon morreu o 5 de novembro de 1995. Era o último falante de kasate, unha lingua do Camerún.

En setembro do 2004 faleceu Yang Huanyi, a última falante de nushu, enigmático idioma do sur da China falado só por mulleres.

Marie Smith Jones, a última nativa de Alaska que falaba a lingua eyak, morreu o 24 deste mes, hai xusto unha semana.

Seica o loro dun tal Huboldt foi o último falante da lingua dos atures, aló no Caribe.

Hai poucos meses a prensa dicíanos que a lingua zoque, en México, está a punto de extinguirse porque os dous únicos falantes que quedan están enrabeados e non se falan.

Eu tamén quería ser un deses, quería ser o derradeiro falante do galego. Viviría subvencionado –supoño que o goberno investiría cartos en protexerme- e viaxaría como exhibición de feira en feira, falando só. E cando morrese había saír nas enciclopedias e algún tipo raro sen nada mellor que facer había escribir sobre min nun blog, para deleite dos meus bisnetos.

Por iso animo os meus alumnos a que non falen galego, pero os meus alumnos nunca me fan caso. Por iso creo que o galego ten futuro. Por iso e porque o outro día oín un neno na Ferrería, en Pontevedra, que lle dicía a súa nai:

- Mamá, mamá, vou pillar as pombas!
E era o neno máis guapo de todos.

8 comentarios:

  1. Ola.
    Moi interesante o artigo.
    O mellor é o do loro.Quen nos ía dicir que un loro ía ser o último falante dun idioma se so repiten o que oen!
    A ver se pos tamén qué dixo a primeira muller que nomeas.
    Sinto non poder cumpri-lo teu soño.
    Levo falando galego dende pequeno e agora ía ser un pouco brusco o cambio.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. O que dixo Doly foi: "Non quero falar inglés".

    Por certo, tamén é interesante o teu blog. Non o coñecía. Vouno enlazar ó meu.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. Excelente e fermoso artigo. Eu despois do lido saco algunhas conclusións: hai moitas linguas das que descoñezo ata o nome e principalmente diría un slogan: FALADE GALEGO, FARAVOS INMORTAIS.
    Unha aperta, Suso.

    ResponderEliminar
  4. Anónimo12:28 p.m.

    Certo,nunca che fixen caso, de feito, non só falo galego senón que por culpa miña vamos ter outra galegofalente vida das illas británicas, xa sabe dicir: morriña, noxo e noxento, "teño fame", amorodo e outras cousas máis ... saúdos

    ResponderEliminar
  5. Pois nada, Mélodi. Se ves que a tú amiga ten méritos, dasme os datos e métoa en "A forza que vén de lonxe".
    E isto vale para os de calquera nacionalidade, raza ou relixión que os lectores poidades "colonizar" :)
    Saúdos

    ResponderEliminar
  6. gustoume moito o artigo.en especial o da muller chinesa.e unha magoa que haxa linguas condenadas a desaparecer. Ainda que son castelan falante estasme a dar moitos motivos para valorar mais o galego.
    saudos

    ResponderEliminar
  7. "Nunca hei falar inglês!" :-)

    ResponderEliminar